domingo, 18 de marzo de 2018

IICOPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM, MONDARIZ: 17/18-03-2018

Esta fin de semana celebrouse en Mondariz-Balneario, nas augas do río Tea, a segunda das competicións da Copa de España de Slálom. O bo tempo acompañou a esta celebración na que se deron cita máis de 200 participantes, os mellores do slálom español. So faltou a olímpica Maialen Chorraut, por lesión.

O club Deportivo Miño inscribiu a 15 deportistas, pero so 10 participaron na competición oficial, os outros cinco foron en calidade de abridores.
Na categoría absoluta, sénior feminino, Laura Alonso foi a mellor no décimo cuarto lugar cun recorrido sen penalizacións, Laura Soutelo e Marina Ruedas decimo oitava e décimo novenas respectivamente.
Na categoría cadete, Ariadna Pereira, baixou en canoa e caiac. En canoa rematou quinta, non entrando en finais por non superar o tempo de corte, na categoría k1, conseguiu facer final, rematando cuarta e rozando a medalla de bronce.
En C1 sénior tanto Brais Castro como Luís Fernández superaron as clasificatorias do sábado, entrando en semifinais. Xa na mañá do domingo Luís conseguiu pasar a finais mentres que Brais Castro quedou fóra por apenas dous segundos, rematando finalmente nun envexable sexto posto. Na final Luís Fernández fixo unha baixada impresionante que lle valeu a medalla de prata por detrás de Dani Marzo e por diante do olímpico Ander Elosegui. Esta é a segunda medalla para o deportista de Salceda na Liga Española de Slálom Olímpico, o que da fe do seu bo momento esta tempada.
 En K1 sénior, a categoría máis numerosa e igualada, Manuel Ochoa fixo unha boa clasificatoria na mañá do sábado, pasando a semifinais co quinto mellor tempo. A primeira hora do domingo cunha baixada rápida e sen penalizacións conseguiu entrar en finais. Xa na final, Manuel fixo unha baixada limpa e moi rápida que lle valeu unha medalla de bronce a apenas un segundo do segundo clasificado Unai Nabaskues e a tres do gañador Joan Crespo.
 En K1 veterano, Emilio Rodríguez, fixo finais e na mañá do domingo foi quen de facer o mellor tempo da súa categoría, por diante de Raúl Barba e de Juan Segundo, o que o fixo merecedor da medalla de ouro.
 Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos remataron sétimos. Destacar o segundo lugar conseguido polos galegos do Penedo e o quinto lugar do club organizador do evento, o Tea de Mondariz. Non puido ir mellor o evento para os teixugos, coas súas tres medallas.
O seguinte reto para este deportistas será superar os selectivos para formar parte do equipo español sénior e sub-23 de slálom, que se celbraran en abril e maio nas localidades de Pau e Seu D´Urgell, e para os que están clasificados Brais Castro e Luís Fernández en canoa, e Manuel Ochoa en caiac.
Para ver fotos, preme AQUÍ