lunes, 29 de agosto de 2022

COPA DO MUNDO, PAU: 26 a 28/08/2022

Do 26 ao 28 de agosto celebrouse na localidade francesa de Pau a penúltima Copa do Mundo de Slálom. No Stade d'Eaux Vives desta localidade dos Pirineos franceses, o mellor do slálom mundial, competiu e deu fe das súas habilidades. 
Entre os integrantes dos catorce deportistas que representaban a España, atopábanse Luís Fernández e Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos. 




Luís Fernández participou na modalidade de canoa ou C1. O venres fixo fronte as clasificatorias xunto con outros 52 deportistas de 24 países. Entraban os 20 mellores tempos, e a piques estivo de logralo, pero un toque na porta 21 deixárono fora a décimas de segundo de conseguilo. Na re pesca xogábanse dez novas prazas para semifinais, unhas das cales foi para o Luís, ao rematar quinto. O domingo, o deportista de Salceda, fixo a súa baixada de semifinais, buscando ser un dos dez finalistas, pero tres toques e unha penalización de cincuenta segundos deixárono fóra. Rematou a copa do mundo vixésimo oitavo. 
Manuel Ochoa participou en caiac ou K1. Nas clasificatorias do venres 68 deportistas de 33 países intentaron facerse cunha das trinta prazas de semifinais que se xogaban nesta primeira ronda. Un toque na primeira porta deixouno fóra a menos dun segundo de acadalo. Na re pesca fixo unha baixada sen penalizacións, entrando en semifinais in extremis, co décimo tempo. O sábado nas semifinais, fixo un percorrido sen penalizacións, pero algúns pequenos fallos no trazado deixárono fóra de finais. Rematou a copa do mundo vixésimo primeiro. 


O tomiñés tamén forma parte do equipo español de slálom extremo. Na tarde do sábado celebrouse a contra reloxo, na que os 72 participantes buscaron unha das trinta e dúas prazas para os enfrontamentos da competición propiamente dita. Clasificaban os vinte mellores tempos e as doce prazas restantes asignábanse por países, entre os que non entraron nos vinte primeiros. Manuel fixo unha baixada impresionante, clasificándose co segundo mellor tempo. Despois desta fase, os clasificados pasan a enfrontarse de catro en catro, pasando a seguinte os dous primeiros. No seu primeiro enfrontamento, Manuel gañou a súa serie de forma rápida e clara. No segundo enfrontamento, xa non foi tan ben, a piques estivo de conseguilo entrando segundo, pero viuse superado no último momento polo participante italiano. Rematou esta copa en décimo lugar, colocándose entre a elite mundial desta modalidade. 
 Xunto a Luís e Manu, outra galega forma parte do equipo nacional. Ainhoa Lameiro, do Club Penedo de Tui, participou na modalidade de C1, na que rematou décimo terceira, moi preto de acadar finais.
 Tanto Luís como Manuel terán a súa derradeira participación internacional da tempada esta vindeira fin de semana na canle do Segre Parc, na Seu D´Urgell, onde se celebrará a Copa do Mundo Final.

 

lunes, 22 de agosto de 2022

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM E DE SLÁLOM EXTREMO, ALEJICO, SABERO:19a21/08/2022

Do 19 ao 21 de agosto tivo lugar na canle de slálom de Alejico, na localidade leonesa de Sabero, o Campionato de España de Slálom. Tres maratonianas xornadas con elevadísima participación, retomando os ambientes previos á pandemia. O campionato non é unha única competición, senón tres: Campionato de Slálom Extremo, Campionato por Equipos ou patrullas e Campionato de Slálom. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con sete deportistas que conseguiron uns impresionantes resultados.

 O venres tocoulle a vez ao Campionato de España de Slálom Extremo. Pola mañá as clasificatorias, unha contra reloxo individual na que entraban os dezaseis mellores tempos e pola tarde cuartos de final, semifinais e finais, na que os dezaseis se enfrontan de catro en catro clasificando os dous primeiros para a seguinte ronda. 


En K1 Muller Júnior, Ainhoa Barreiro no superou a contra reloxo, rematando décimo novena. Na mesma categoría Alba Soutelo entrou en cuartos de final co oitavo mellor tempo, onde rematou terceira da súa serie, quedando, por tanto, fóra das semifinais. 
 En K1 home júnior, Sergio Rodríguez fixo unha contra reloxo impresionante, co terceiro mellor tempo, pero na súa serie rematou cuarto quedando fóra das semifinais. 
En K1 sénior, participaban Luís Fernández e Manu Ochoa. Luís rematou décimo terceiro e Manu quinto, entrando os dous en cuartos de final. A mala sorte fixo que se enfrontaran en cuartos, Manuel gañou a serie e Luís rematou terceiro, quedando eliminado. Na ronda de semifinais Manu rematou segundo e xa na final, despois dun contratempo coa pa, rematou terceiro, conseguindo a medalla de bronce. 
Na competición por equipos ou patrullas, nas que os tres integrantes deben facer o circuíto xuntos, os teixugos presentaron un equipo feminino en K1, formado por Laura, Ainhoa e Alba, que remataron sétimas; e un equipo K1 masculino, formado por Manuel, Emilio e Sergio, que remataron décimo cuartos. 


Na modalidade de Slálom Olímpico o campionato comezou o sábado coas clasificatorias, os vinte mellores tempos pasaron as semifinais do domingo, onde os dez mellores pasaron a final. 
En K1 muller sénior ou absoluta, Laura Alonso superou as clasificatorias, e nas semifinais fixo unha boa baixada, pero un erro nas dúas últimas portas deixárona fora das finais, rematando o campionato décimo sexta. 
Ainhoa Barreiro, en C1 e K1 muller júnior, non conseguiu supera as clasificatorias nin en canoa nin en caiac. 


Alba Soutelo, tamén en júnior, conseguiu o pase a semifinais nas modalidades de K1 e C1. En K1, modalidade na que practicamente non adestra, rematou décimo cuarta e non foi as finais. En C1, a súa especialidade, superou as semifinais co quinto mellor tempo, e, xa nas finais rematou sétima. 


Emilio Rodríguez, en K1 veterano, dominou a proba rematando primeiro nas tres fases, proclamándose campión de España de veteranos. 


Manuel Ochoa, en K1 sénior, superou as clasificatorias e semifinais chegando sobrado a finais. Na final, levaba tempo de podio, pero un erro na porta trece, con toque incluído relegárono ao sétimo lugar. 


Luís Fernández, en C1 sénior, proclamouse sub-campión de España. Fixo un campionato impresionante con tres baixadas que rozaron a perfección, rematou as clasificatorias segundo, as semifinais terceiro e, xa na final, rematou segundo. 


Na clasificación por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou sétimo. 
Neste campionato de España demostrouse unha vez máis o gran progreso e o bo momento que atravesa o slálom galego. Fai uns anos era algo anecdótico atopar a un galego nos podios das categorías absolutas, nestes momentos temos a Ainhoa Lameiro do Penedo Te Importa de Tui como campioa de España de canoa, a Luís Fernandez como sub-campión, tamén en C1, O Club Tea como campión de España de patrullas, a a Manu Ochoa no podio de extremo, Daniel Pérez no equipo sub-23, ... Para que este bo momento siga e suba debería haber unha maior promoción deste deporte, para garantir o relevo xeracional destes deportistas.

sábado, 13 de agosto de 2022

5ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O COUQUIÑO, DUMBRÍA: 14/08/2022

Este sábado disputouse no Campo de Slálom de O Couquiño, en Olveira, Dumbría, a 5ª Copa Galega de Promoción de Slálom. A promoción acolle a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos, que comezan o seu camiño no marabilloso mundo das augas bravas. Cada deportista baixa o circuíto dúas veces, contando a mellor das dúas baixadas para a clasificación final. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con dez deportistas. 
Rita Oliveira, en K1 muller benxamín, rematou en cuarto lugar. Leila Álvarez, k1 muller alevín, acadou a medalla de bronce; na mesma categoría, Nerea Álvarez foi cuarta. En k1 home pre-benxamín, Nicolás Piñeiro conseguiu a medalla de prata e Roque Oliveira o bronce. Outra prata máis para Lois Montenegro en K1 benxamín, e, na mesma categoría, Tiago Rey foi sétimo e Martín Vicente oitavo. En k1 home alevín, Iván Cruz acabou en novena posición. Pedro Lomba, en K1 infantil, foi quinto. 
 Catro medallas para os pequenos teixuguiños nesta 5ª Copa Galega, aínda que o máis importante destas competicións e facer deporte e amizades. Na clasificación final por equipos, o club Deportivo Miño rematou en cuarto lugar.











lunes, 1 de agosto de 2022

CAMPIONATO DO MUNDO , AUGSBURG: 26 A 31/07/2022

 Do 26 ao 31 de xullo celebrouse na cidade xermana de Augsburgo a máis importante das competicións de slálom, o Campionato do Mundo de Slálom. 

 Nas augas do Eiskanal, a canle artificial de augas bravas máis antiga do mundo, construída para a celebración dos xogos olímpicos de 1972 no que o slálom se estreou como deporte olímpico, os mellores piragüistas do mundo do slálom déronse cita, cincuenta anos despois, para medir as súas forzas e habilidades. 

Os deportistas do club Deportivo Miño-Teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa acudiron ao campionato como integrantes da selección española. O mércores 27 de xullo deu comezo o campionato coa modalidade de equipos ou patrullas,. Esta é unha modalidade complexa e espectacular, pois os tres integrantes do equipo fan o percorrido a un tempo. En canoa ou C1, Luís Fernández, xunto ao catalá Miquel Travé e o vasco Ander Elosegui fixeron a súa baixada, onde varias penalizacións os deixaron en duodécimo lugar. 

En caiac ou K1, Manu Ochoa, o vasco Joan Crespo e o catalá Miquel Travé tiveron unha actuación correcta, con varias penalizacións, rematando tamén duodécimos. 

Luís Fernández, na súa esecialidade de C1, encarou as clasificatorias o venres 29, buscando unha das 30 prazas de semifinais, obxectivo que acadou sobradamente sen necesidade de acudir a re pesca. Nas semifinais do domingo fixo unha boa baixada, libre de penalizacións, pero non foi suficiente para ser un dos dez finalistas. Rematou o campionato nun impresionante décimo oitavo lugar. 

Manuel Ochoa, en K1, disputou as clasificatorias o xoves. No seu primeiro intento fixo unha baixada moi rápida, xa practicamente co praza asegurada, pero unha envorcadura na última porta deixárono fóra, non tivo mellor sorte no segundo intento, desta vez sen erros pero a un segundo de diferenza dos postos de semifinais, rematando a competición no cuadraxésimo terceiro posto. 

 Tamén participou Manuel na novísima modalidade de slálom extremo, que debutará como modalidade olímpica en París 2024. Na tarde do sábado máis de cen deportistas de todo o mundo se enfrontaron nunha contra reloxo, intentando acadar unha das 32 prazas para as series de extremo, Manuel conseguiu a súa de forma clara ao rematar co décimo terceiro mellor tempo. Ao día seguinte, os deportistas enfróntanse en series de catro na que se clasifican os dous primeiros. Manuel gañou a primeira das series, xa en cuartos de final, rematou terceiro, quedando fóra das semifinais. Rematou a competición nun destacable décimo segundo lugar. 

Non foi malo o balance final dos dous teixugos, nunha modalidade coma o slálom, no que un erro de décimas de segundo se paga caro. Por diante quedan o Campionato de España e dúas copas do mundo, na que novamente os dous teixugos loitarán por ascender postos no ranking mundial.