domingo, 24 de febrero de 2019

1ª COPA DE ESPAÑA, ORTHEZ: 23/24-02-2019

Esta fin de semana tivo lugar na localidade francesa de Orthez a primeira competición da Liga Española de Slálom Olímpico. A falta de canles de augas bravas en España, obriga a que moitas competicións recorran as infraestruturas do país veciño, coma neste caso. 
O Club Deportivo Miño- Teixugos acudiu, como xa é habitual, con tódolos seus deportistas de categorías superiores. 
A mellor actuación foi a de Luís Fernández, na modalidade C1 sénior, na mañá do sábado foi quen de entrar en semifinais co segundo mellor tempo, despois no domingo entrou nas finais, onde se impuxo a todos os participantes e acadou a medalla de ouro desta 1ª Copa de España. 
A outra medalla de ouro foi para Emilio Rodríguez en K1 Veterano, que se impuxo aos seus competidores na final directa do domingo. 
Na categoría K1 muller cadete, as dúas representantes do club, Alba Soutelo e Ainhoa Barreiro, foron quen de superar as clasificatorias e entrar nas semifinais. Xa na mañá do domingo, non deron pasado a finais, rematando sétima e octava respectivamente. Tamén participaron en C1 Cadete, onde tras pasar a semifinais non conseguiron facer final, rematando Ainhoa sétima e Alba novena. 
Brais Castro, en C1 sénior, tamén acadou semifinais no sábado, e xa no domingo non foi quen de entrar en finais, por apenas un segundo, rematando na quinta posición. 
Samuel Castro en, C1 cadete, na mañá do sábado logrou entrar nas semifinais, pero non nas finais do domingo, rematando en quinto lugar. 
Manuel Ochoa en K1 sénior tamén logrou o seu pase a semifinais na mañá do sábado, xa en semifinais fixo unha moi boa baixada, co terceiro mellor tempo, pero quedou fóra de finais por unha dubidosa penalización de 50 segundos, rematando décimo oitavo.
 Sergio Rodríguez, en K1 cadete, acadou tamén semifinais, pero non finais, rematando en décimo segundo lugar. Na mesma categoría, Alexis Segadaes, quedou fóra de semifinais rematando vixésimo cuarto. 
Na clasificación por equipos o gañador foi o Atlético San Sebastián, seguido do Cadí Canoe-Kayak, en terceiro lugar quedou o Santiagotarrak, na cuarta posición os galego do Piragüismo Penedo e xa a seguir o Deportivo Miño-Teixugos que rematou en quinto lugar. 

A próxima competición da Liga Española de Slálom será en terras galegas, concretamente nas augas do río Tea ao seu paso por Mondariz. 


domingo, 3 de febrero de 2019

X TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM- COVAS:2-3/02/2019

Gran festa do piragüismo esta fin de semana nas augas do río Coura. Na aldea de Covas, no lugar de Azenha de Pagade, celebrouse a X edición da Taça Ibérica de Slálom, organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos.Contou co a presencia da televisión galega, podedes ver o programa Padexando no seguinte link: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/padexando-24-4062967

Esta cita é un exemplo máis da cooperación e colaboración galego-portuguesas, pois a Taça puntúa como primeira competición da Liga Portuguesa de slálom e como segunda Copa da Liga Galega de Slálom. Ademais dos representantes galegos e portugueses, acudiron tamén deportistas do Centro de Alto Rendemento de León, un total 136 os padexeiros e padexeiras tomaron a saída na tarde do sábado nas augas do Coura. Destacar o alto nivel dos deportistas participantes nas distintas categorías, aínda que se segue botando en falta unha maior presencia feminina.

 En K1 sénior o gañador foi Alejandro Drago do club catalá Baix Cinca, nesta categoría oTeixugo Emilio Rodríguez entrou en finais , rematando décimo oitavo, e Alejandro Ochoa foi vixésimo quinto. En K1 home júnior o club non levou representación, e en k1 cadete os dous representantes pasaron a finais, Alexis Segadaes acadou a medalla de bronce e Sergio Rodríguez foi quinto. En K1 infantil Adrián Lluch foi bronce e Mateo Rivas cuarto. 

Na categoría absoluta feminina de kaiak a gañadora foi a portuguesa Sara Bastos do ADA Amarante, categoría na que a teixuga Laura Soutelo rematou cuarta. O club tamén levou representación na categoría cadete, Ainhoa Barreiro foi a gañadora e a súa compañeira Alba Soutelo foi segunda, sendo as únicas deportistas que superaron o tempo de corte e entraron en finais. 

En C1 sénior, ou absoluto, o gañador foi o teixugo Brais Castro, cunha baixada impresionante, rápida e sen fallos, que o puxeron por diante do segoviano David Cano do Río Eresma e do olímpico José Carvalho do ADA Amarante. Nesta categoría Alejandro Ochoa foi décimo sétimo e Luís Pereira abandonou debido a unha lesión. Na categoría cadete, Samuel Castro foi o mellor, facéndose co ouro da categoría.

En canoa feminino a participación andou baixo mínimos, e so as teixugas da categoría cadete fixeron final, resultando Alba Soutelo primeira e Ainhoa Barreiro segunda. 
Oito medallas, polo tanto, para o Club Deportivo Miño nesta emblemática competición. Na clasificación final por equipos o gañador foi o Club Deportivo Miño –Teixugos, seguido de cerca polo PenedoTe importa de Caldelas e o Tea de Mondariz en terceiro lugar.
Pra ver tódolos resultados, preme AQUÍ 

Para ver as fotos preme na imaxe.
https://photos.app.goo.gl/eu6c1jhugeLMaFW57