martes, 16 de enero de 2024

CATRO MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NO INICIO DA TEMPADA 2024

 

    Esta pasada fin de semana deu comezo nas augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz Balneario, a primeira competición do ano de Slálom. O sábado 13 disputouse a 1ª Copa Galega de Novas Promesas e o domingo a 1ª Copa Galega de Slálom.  O Club Deportivo Miño-Teixugos, acudiu aos eventos cunha representación reducida, pero que desempeñou un gran papel. 


 

     O sábado déronse cita as categorías máis novas do panorama galego. Estas competicións teñen como fin a promoción do slálom entre os máis pequenos, que melloran a súas competencias técnicas e socializan cos deportistas doutros clubs, pois neste deporte a rivalidade é contra as augas e o río. A mellor actuación dos teixuguiños correspondeulle a Leila Álvarez que en K1 muller infantil acadou a medalla de bronce, na mesma categoría Nerea Álvarez rematou cuarta. En K1 home infantil Alejandro Barreiro rematou quinto e Brais Álvarez sexto en K1 home cadete. 

 






    O domingo competían as categorías adultas, e os resultados non puideron ser mellores. Laura Alonso foi a vencedora en K1 muller sénior, subindo ao máis alto do podio; Emilio Rodríguez gañou na categoría veteranos de K1, acadando tamén medalla de ouro; e en C1 sénior home Brais Castro rematou a final co terceiro mellor tempo, conseguindo o bronce. 






 

     Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos, rematou cuarto nas dúas competicións, pois aínda que os resultados foron bos, o número de participantes do club foi moi minguado.