domingo, 29 de diciembre de 2013

CONCENTRACIÓN AMISTOSA DE SLÁLOM OLÍMPICO EN COVAS

Este domingo celebrouse en Covas, Vilanova de Cerveira, unha competición amistosa e non oficial de Slálom Olímpico nun tramo tranquilo do río Coura. Estiveron o Club Tea Mondariz, o Darque Kayak Clube de Viana do Castelo e o Club Deportivo Miño-Teixugos. Foi unha xornada de preparación para a tempada 2014, na que participaron deportistas de tódalas idades e categorías. Comezaron os máis pequenos, benxamíns, alevíns e infantís, facendo un circuíto de slálom. Despois as categorías cadete, júnior e sénior fixeron unha competición de “circuítos paralelos” na que o menos importante foron os resultados. Foi un día de confraternización na que reinou un ambiente de alegría no que incluso o tempo axudou. A tempada oficial 2014 comezará o 26 de xaneiro, neste mesmo lugar, no río Coura, en Covas, pero desta vez no tramo de augas bravas, coa V Troféu Ibérico de Slálom que estará organizado polo Darque e os Teixugos.

jueves, 14 de noviembre de 2013

CAMPIÓN DA SUPERLIGA GALEGA AUGAS BRAVAS 2013

O Club Deportivo Miño-Teixugos acaba de ser proclamado Campión da Superliga Galega de Augas Bravas 2013 pola Federación Galega de Piragüismo. Este título obtense pola suma de puntos obtidos nas distintas competicións de augas bravas. Acadaron a máxima puntuación dun total de trece clubs de toda Galicia, obtendo un total de 976 puntos , por diante do Club Piragüismo Tea de Mondariz-Balneario con 921 e do Club Penedo de Caldelas con 913. A Superliga comprende a Liga Galega de Slálom, a Liga Galega de Promoción de Slálom, quedando Os Teixugos campións de ámbalas dúas, e a Liga Galega de Descenso de Augas Bravas na que quedaron cuartos. Esta tempada 2013 formaron parte do equipo un total de 24 deportistas entrenados por Pablo Pousa e Emilio Rodríguez, que ao longo do ano foron recorrendo a xeografía galega de competición en competición.

lunes, 19 de agosto de 2013

DUMBRÍA, CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN 2013

Este domingo celebrouse en Dumbría, na provincia da Coruña, o Campionato Galego de Promoción de Slálom, que pecha o circuíto galego desta tempada. Estas competicións, como o seu propio nome indica, promocionan esta modalidade de piragüismo entre os nenos máis pequenos, nas categorías benxamín, alevín e infantil. O Club Deportivo Miño rematou terceiro por detrás dos anfitrións do Club Municipal de Dumbría que quedaron primeiros e do Penedo de Caldelas de Tui. O medalleiro quedou como sigue: Alba Soutelo ouro e Ainhoa Barreiro bronce en K1 benxamín, Sergio Martínez bronce en K1 benxamín, Víctor Rodríguez ouro en K1 Infantil e prata en C1 infantil e Clara González prata en K1 infantil e en C1 infantil.

jueves, 15 de agosto de 2013

DUMBRÍA, CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM 2013

Este xoves celebrouse no concello coruñés de Dumbría o Campionato Galego de Slálom Olímpico co que se pecha a tempada oficial 2013. Competiron as categorías cadete, júnior, sénior e veterano, todas elas nas modalidades de kaiak e canoa tanto masculina como feminina. Participaron piragüistas dos seis clubs galegos que fixeron un total de 70 baixadas. Tódolos teixugos fixeron un moi bo papel, xa que o nivel era moi alto, quedando o medalleiro do Club Deportivo Miño da seguinte maneira: Sara Vázquez ouro en C1 e K1 júnior. Brais Castro prata en K1 e C1 cadete. Andrea González prata en K1 júnior. Laura Alonso prata en C1 júnior. Claudia Otero prata en K1 cadete. Aínda que nun primeiro momento na clasificación final por clubs se lle adxudicou ao Club Deportivo Miño a segunda praza, parece ser que houbo algún tipo de erro no reconto final dos puntos correspondéndolle realmente a primeiro posto, gañando por tanto o Campionato Galego de Slálom. Este domingo os máis pequenos tamén competirán no Campionato Galego de Promoción nesta mesma localidade coruñesa.

lunes, 12 de agosto de 2013

CAMPIONATO DE ESPAÑA PONTS 2013

Esta fin de semana na localidade catalá de Ponts tivo lugar o Campionato de España de slálom olímpico no que participaron uns 270 piragüistas de tódalas comunidades autónomas. A competición foi unha das de máis alto nivel que se recorda nos últimos anos, nela participaron os mellores de España, nos que cabe destacar os olímpicos Maialen Chorrault , Samuel Hernanz e Ander Elosegui e os mundialistas Jordi Domenjo, Joan Crespo, etc O Club Deportivo Miño acudiu con 9 deportistas que fixeron un total de 16 baixadas, pois a maioría participou nas categorías de kaiak e canoa. O circuíto foi moi técnico e difícil, pero aínda así catro teixugos deron entrado na final. Durante o sábado tiveron lugar as clasificatorias, onde quedaron eliminados case a metade dos participantes.Os Teixugos deron metido en semifinais a nove deportistas: en K1 pasaron Andrea González, Sara Vázquez, Manuel Ochoa e Brais Castro e en C1 os anteriores e Laura Alonso. A mañá do domingo comezou coas semifinais as nove da mañá, Sara Vázquez entrou nas finais de k1 e c1 xuvenil, Andrea González en k1 xuvenil, Brais Castro en k1 cadete e Manuel Ochoa en c1 cadete. As doce da mañá deu comezo a final, na que Brais Castro rematou oitavo en k1 cadete, Manuel Ochoa sexto en C1 cadete, Andrea González rozou o bronce co seu cuarto posto en k1 xuvenil e Sara Vázquez quedou quinta en K1 xuvenil; pero o máis destacado foi a medalla de prata que Sara Vázquez conquistou en C1 xuvenil. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou en quinto lugar, detrás dos catro grandes equipos que dominan o Slálom nacional: os vascos Atlético San Sebastián e Santiagotarrak; e os cataláns Cadí C.K. e Mig Segre.

sábado, 13 de julio de 2013

COPA DE ESPAÑA DE JÓVENES PROMESAS DE SLALOM EN DUMBRÍA

Este sábado celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría a primeira competición da Copa de España de Jóvenes Promesas de Slálom Olímpico. Nela participaron deportistas nacidos nos anos 1999 e 2000 de toda España. Os Teixugos so contan nestes momentos con dous piragüistas destas idades: Clara González e Víctor Rodríguez, que participaron en dúas categorías: en K1 e C1. Coma xa é habitual vascos e cataláns fixéronse coa maioría do medalleiro.En canto aos Teixugos, Clara Gónzalez quedou sétima en K1 e cuarta en C1 e Víctor Rodríguez foi quinto en C1 e terceiro en K1, posto este que lle valeu unha moi meritoria medalla de bronce. Na clasificación por equipos gañou o Cadí C.K. de Lleida, seguido do Atlético San Sebastián de Guipúscoa, e terceiros o Beti Busti tamén de Guipúscoa; o Club Deportivo Miño-Teixugos quedou en sétimo lugar. A vindeira cita será o 20 de xullo en Sort, onde se celebrará a 2ª competición da Copa de España de Jóvenes Promesas de Slálom.

domingo, 2 de junio de 2013

3ª COMPETICIÓN LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN EN SALVATERRA 2013

Este domingo celebrouse en Salvaterra a 3ª Competición da Liga Galega de Promoción de Slálom, na que compiten os máis pequenos dos clubs de toda Galicia. Participaron seis clubs con nenos e nenas de 8 a 14 anos; os maiores, é dicir, os deportistas da categoría infantil participaron en kaiak, remo de dúas pas e van sentados, e canoa, remo dunha soa pa e van de xeonllos. Despois de dúas mangas o medalleiro dos Teixugos quedou como segue: 3 medallas de ouro, para Alba Soutelo en K1 muller benxamín, Clara González en C1 muller infantil e Víctor Rodríguez en K1 home infantil; outras tres de prata para Clara González en K1 muller infantil, Víctor Rodríguez en C1 home infantil e Manuel Piedra en K1 home benxamín; e dúas de bronce para Ainhoa Barreiro en K1 muller benxamín e Samuel Castro en K1 home benxamín. Ao remate esta foi a puntuación dos clubs: Club Deportivo Miño-Teixugos 169 puntos, Tea Mondariz 141 puntos, CD Municipal Dumbría 111, Penedo de Caldelas 106, Montaña Quixós de Monforte 65 e Val Miñor-Frioya de Nigrán 0.

domingo, 21 de abril de 2013

2ª COMPETICIÓN PROMOCIÓN 2013 EN GONDOMAR

Este domingo celebrouse en Gondomar a 2ª competición da Liga Galega de Promoción de Slálom Olímpico organizada pola Federación Galega de Piragüismo e o Club de Piragüismo Val Miñor. Recordar que na promoción participan os máis pequenos e cada club, concretamente as categorías benxamín, alevín e infantil. O club Deportivo Miño acudiu cunha gran remesa de palistas das tres categorías, que fixeron un gran papel. Na categoría infantil muller Clara González fíxose con dous ouros, en C1 e K1; en infantil home Víctor Rodríguez tamén dous ouros en C1 e K1; en alevín non se acadaron medallas; en benxamín home houbo triplete dos Teixugos no podio, ouro para Sergio Martínez, prata para Manuel Piedra e bronce para Samuel Castro; e por último en benxamín muller prata para Ainoha Barreiro e bronce para Alba Soutelo. Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño quedou no primeiro posto seguido do Club Tea de Mondariz e en terceiro lugar a Escola Municipal de Piragüismo de Dumbría.

domingo, 14 de abril de 2013

MONDARIZ, 3ª COMPETICIÓN COPA GALEGA DE SLÁLOM

Este domingo o Club Deportivo Miño-Teixugos volveu de novo ao campo de Slálom de Mondariz Balneario para disputar a terceira e penúltima das competicións galegas de slálom olímpico. As condicións do río eran excelentes grazas as chuvias caídas, e o tempo tamén se puxo do lado dos organizadores cunha espléndida e soleada mañá de primavera. Participaron os sete equipos galegos, nas categorías cadete, júnior e sénior. Os teixugos levaron a 10 deportistas, moitos dos cales dobraron nas categorías de kaiak e canoa. O medalleiro do club quedou da seguinte maneira: Andrea González acadou unha medalla de ouro en K1 júnior muller, Brais Castro foi prata en C1 e bronce en K1 home cadete, Manuel Ochoa prata en K1 e bronce en C1 home cadete, Marina Ruedas bronce en K1 muller júnior e Laura Alonso bronce en C1 muller sénior. Na clasificación final por clubs quedou primeiro o Club Deportivo Miño con 186 puntos, seguido de preto polo Club Tea de Mondariz con 180 puntos e no terceiro lugar a Escola Municipal de Piragüismo de Dumbría con 118 puntos.

domingo, 7 de abril de 2013

OS TEIXUGOS NA 2ª COMPETICIÓNDA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN MONDARIZ


Esta fin de semana celebrouse en Mondariz Balneario a 2ª Competición da Copa de España de Slálom. Aínda que inicialmente estaba previsto que tivera lugar en Padrón, o alto caudal do río Ulla obrigou a Federación a un cambio de emprazamento desta competición que forma parte da VIII Liga de Slálom Olímpico Manuel Fonseca. Participaron un total de 15 equipos, dous deles da veciña Portugal, que aínda que competiron, non puntuaron para a liga. Coma xa é habitual vascos e cataláns dominaron a competición, aínda o nivel dos palistas galegos está subindo ano a ano, e catro dos podios foron galegos.
O Club Deportivo Miño acudiu con un total de nove deportistas, dos cales catro entraron oito en semifinais e catro deron chegado as finais: Alejandro Ochoa oitavo en C1 sénior home, Manuel Ochoa undécimo en K1 cadete home, Brais Castro, que competiu en dúas categorías, rematou décimo en K1 e cuarto en C1 cadete home e por último destacar impresionante papel de Andrea González que acadou medalla de prata na categoría K1 xuvenil muller. Parabéns Andrea!!!
Na clasificación final por equipos o club tomiñés rematou en quinto lugar, sendo o mellor clasificado dos seis equipos galegos.
O vindeiro fin de semana celebrarase na mesma localidade de Mondariz Balneario a 3ª Competición da Liga Galega de Slálom, na que esperamos que os Teixugos fagan un gran papel.


domingo, 17 de marzo de 2013

CATRO TEIXUGOS NA FINAL DA 1ª COMPETICIÓN DA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM



Esta fin de semana oito piragüistas do Club Deportivo Miño acudiron a 1ª Competición da Copa de España de Slálom Olímpico celebrada na localidade vasca de Irún, no río Bidasoa. Durante a mañá e a tarde do sábado deportistas dun total de 19 equipos de toda España intentaron entrar nas semifinais do domingo. A pesares do gran número de competidores e do seu alto nivel, catro Teixugos entraron en semifinais. A primeira hora do domingo os catro fixeron unha boa semifinal e deron entrado nas finais.


Brais Castro acabou décimo en K1 cadete home, Manuel Ochoa sétimo na mesma categoría, Andrea González rematou quinta en K1 cadete muller e Sara Vázquez foi bronce nesta mesma categoría e prata en C1 cadete muller.


Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño rematou quinto, sendo o mellor clasificado dos equipos galegos. A 2ª Competición da Copa de España terá lugar en Padrón os días 6 e 7 de abril.






domingo, 10 de marzo de 2013

OS TEIXUGOS GAÑAN A 1º COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM "DAVID CASTRO"

Durante a mañá do domingo celebrouse no río da Pedra, en Tomiño,a 1º Competición da Liga Galega de Promoción Slálom “David Castro”. Aínda que a mañá estivo bastante chuviosa, non foi impedimento para que os máis pequenos de toda Galicia competisen nun río da Pedra con moitísima auga. Participaron un total de sete clubs, cinco galegos e dous portugueses, con nenos e nenas de oito a trece anos.
O Club Deportivo Miño conseguiu 10 medallas; catro de ouro, para Alba Soutelo en K1 Muller Benxamín, Víctor Rodríguez en C1 Home Infantil, Manuel Piedra en K1 Home Benxamín e para Clara González en C1 Muller Infantil; tres de prata para Sergio Martínez en K1 home Benxamín, Clara González en K1 Muller Infantil e Victor Rodríguez en K1 Home Infantil; e outras tres de bronce para Ainoha Barreiro en K1 Muller Benxamín, Samuel Castro en K1 Home Benxamín e Gabriel Alonso en K1 Home Alevín.
O Club Deportivo Miño-Teixugos quedou primeiro na clasificación por clubs cun total de 207 puntos, seguido polo Tea Mondariz con 137 e en terceiro lugar o Montaña Quixós de Lugo con 61 puntos.
 Imposible esquecer durante esta competición a David Castro, que tanto fixo por este club e que nos deixou fai agora tres anos.


domingo, 24 de febrero de 2013

TEIXUGOS EN FRIDAO

   Catro representantes dos Teixugos participaron este domingo no XIX Slálom Internacional de Fridao en Portugal. Aínda que non é unha competición da Liga Galega, o Club Deportivo Miño acude cada ano á concentración nesta localidade portuguesa preto de Amarante. Participaron cinco clubs galegos e cinco portugueses. 
    As dez da mañá portuguesas, once españolas, comezaron as clasificatorias en tres categorías K1 muller, K1 home e C1 home. Estas categorías eran absolutas, é dicir non se dividiron por tramos de idades, competindo xuntos cadetes, infantís, juniors e séniores. Os catro representantes dos Teixugos deron entrado na final, feito moi meritorio pois eran dous nenos de 14 anos e dúas nenas de 16 que competiron con piragüistas de moita máis idade. 
   A partir das tres da tarde, hora portuguesa, celebrouse a final quedando Brais Castro noveno en K1 home, Manuel Ochoa oitavo en K1 home, Sara Vázquez cuarta en K1 muller e Andrea Ucha terceira na mesma categoría, o que lle valeu un trofeo.

domingo, 3 de febrero de 2013

IV TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

Este domingo tivo lugar a primeira competición de slálom olímpico da tempada 2013. Aínda que estaba prevista para a pasada fin de semana, o mal tempo obrigou ao seu aprazamento. Organizada polas federacións galega e portuguesa contou coa participación de cinco equipos galegos e cinco portugueses. Tomaron a saída un total de 150 piragüistas das categorías cadete, infantil, xúnior, sénior e veterano, nas modalidades K1, C1 e C2. Esta proba considérase tamén a primeira da Copa Galega de Slálom, polo que puntúa para a Liga Galega. O Club Deportivo Miño tivo unha moi boa actuación, conseguindo tres medallas de ouro: Andrea Ucha en K1 Muller Xunior, Marina Ruedas en K1 Muller Cadete e Claudia Otero en C1 Muller Cadete; unha de prata para Claudia Otero en k1 Muller cadete e dúas de bronce para Brais Castro que fixo dobrete en K1 e C1 Home Cadete. Na clasificación por equipos acadou o primeiro posto o Augas Bravas Clube de Portugal, cun total de 233 puntos, seguido polos Teixugos con 200 e no terceiro posto o ADA de Amarante con 183 puntos. Na Liga Galega os Teixugos acadan polo tanto a primeira posición seguido do Club Tea de Mondariz con 189 puntos, e no terceiro lugar quedaría o Penedo de Caldelas con 98. Se queredes ver videos da xornada podédelo facer nos seguintes enlaces: 1, 2, 3 e 4