domingo, 25 de septiembre de 2022

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONDARIZ: 25/09/2022

Este domingo disputouse no río Tea ao seu paso por Mondariz o Campionato Galego de Promoción de slálom. Os máis cativos dos clubs galegos déronse cita nesta competición, que é a máis importante da Liga Galega de Promoción. 


O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con 12 pequenos deportistas, un bo número, que día a día continúa medrando, acompañados de Emilio Rodríguez e Pablo Pousa, os seus adestradores. 


En K1 benxamín, Rita Oliveira, proclamouse campioa galega ao facer a mellor baixada da categoría. 


Nerea Álvarez, na categoría alevín, tivo dobre participación e dobre medalla de bronce, pois rematou terceira en K1 e tamén en C1, modalidade na que se estreaba en competición. 


En K1 pre-benxamín, Roque Oliveira acadou a prata e o seu compañeiro Nicolás Piñeiro o bronce. 


En K1 benxamín, Lois Montenegro rematou terceiro, subindo tamén ao podio. Na mesma categoría Tiago Rey foi noveno e Martín Vicente décimo.
 En K1 home alevín, Alejandro Barreiro rematou sexto, Iván Cruz décimo terceiro, Leo Álvarez décimo cuarto e Tymofii Monasty décimo quinto. 
En k1 home infantil, Brais Álvarez foi décimo. 
Gran balance para os do Deportivo Miño a nivel de podios, con unha medalla de ouro, outra de prata e catro bronces, aínda que a finalidade destas competicións e a promoción deste deporte entre os máis pequenos. Un deporte no que prima o esforzo e a loita contra o río e as portas, o espírito de superación, o compañeirismo e a solidariedade. 
Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto.

sábado, 10 de septiembre de 2022

CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM, ARBO: 10/09/2022

Este sábado, na localidade de Arbo, celebrouse o Campionato Galego de Slálom. Nas augas do río Miño, piragüistas das categorías sénior e júnior, mediron as súas forzas. 

O Club Deportivo Miño- Teixugos acudiu con cinco deportistas, e todos eles conseguiron subir ao podio.


 Laura Alonso gañou en K1 muller sénior. Emilio Rodríguez tamén foi o gañador en k1 veterano. Sergio Rodríguez, en k1 júnior , conseguiu a medalla de prata. Ainhoa Barreiro, en K1 júnior, tamén foi segunda. Alba Soutelo participou en K1 júnior, onde obtivo a medalla de prata e en C1, onde resultou gañadora. 

Tres medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce é un impresionante balance para os Teixugos na máis importante das competicións da Liga Galega de Slálom. 

Na clasificación por equipos, o Club Deportivo Miño- Teixugos, rematou cuarto. 

Tamén se celebrou a competición por equipos ou patrullas. Laura, Ainhoa e Alba formaron equipo en k1 sénior, sendo o único que baixou na categoría, o que denota o grave problema que atravesa este deporte na categoría sénior feminina, reflexo dunha sociedade na que as mulleres, chegada unha idade, deixan de practicar deporte, fronte a unha maioría de homes que si continúan.





domingo, 4 de septiembre de 2022

2022 ICF CANOE SLALOM WORLD CUP FINAL, LA SEU D´URGELL: 2 a 4/09/2022



Última cita internacional da tempada para Luís Fernández e Manuel Ochoa coa selección española de slálom. Nas augas do Parc Olimpic do Segre, na Seu D´Urgell, os días 2, 3 e 4 de setembro celebrouse a “2022 ICF Canoe Slalom World Cup Final”, última das competicións internacionais de carácter oficial. 


O tomiñés Manuel Ochoa fixo historia ao acadar a medalla de prata na modalidade de Slálom Extremo. Na contra reloxo do sábado fixo o mellor tempo de todos e meteuse en clasificatorias. Unha vez superada esta fase da competición, fanse enfrontamentos de catro en catro, pasando os dous primeiros a seguinte fase. Nese mesmo sábado Manuel gañou a súa serie, clasificándose para cuartos de final. Na tarde do domingo, amosando un dominio total da situación, gañou con vantaxe cuartos de final, nas semifinais entrou segundo, o que o meteu xa na gran final. Neste enfrontamento final o checo Heger Vojtech entrou primeiro, e detrás del, case a un tempo Manuel Ochoa e o francés Theo Desvignes, tan igualada foi a chegada que os xuíces tiveron que recorrer ao vídeo oficial para determinar cal dos dous entrou primeiro. Este resultado confirma ao teixugo Manu Ochoa como un dos mellores especialistas do mundo nesta nova modalidade que se estreará como olímpica en París 2024. 


Manuel participou tamén na modalidade de k1 en slálom. O venres nunha gran baixada, entrou directo en semifinais co oitavo mellor tempo. Nas semifinais, xa non tivo tanta sorte, e non conseguiu estar entre os dez mellores, para estar nas finais. Rematou na vixésimo primeira posición. 


Luís Fernández participou en C1, e na tarde do venres, cunha gran baixada, conseguiu pase directo a semifinais. Nas semifinais do domingo, Luís fixo un espectacular e rapidísima percorrido, pero dúas penalización por toques deixárono fóra, rematou a copa décimo noveno. 
As copas do mundo son unha especie de liguiña, e na última súmanse as puntuacións obtidas polos participantes. Neste ranking final, Luís Fernández rematou vixésimo quinto en C1, e, Manuel Ochoa vixésimo oitavo en K1 e cuarto en extremo. 
Destacar tamén a participación doutra galega, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo Te Importa de Tui, que conseguiu meterse nas finais de C1, rematando nunha máis que destacable sétima posición. 
Tanto Manuel como Luís seguirán adestrando coa selección nacional, e nos primeiros meses do ano que ven, deberán superar os durísimos selectivos para seguir formando parte do equipo nacional.
Fotos de Norbert Aguilera