domingo, 20 de marzo de 2016

TRES TEIXUGOS NO EQUIPO NACIONAL DE SLÁLOM

Histórica fin de semana para o Club Deportivo Miño, que logrou que tres dos seus piragüistas entraran a formar parte do equipo nacional.
Na pasada fin de semana celebrouse a 1ª Competición da Copa de España de Slálom, que ademais funcionou como 1º selectivo. Luís Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa foron quen de entrar nos seis mellores da súa categoría e pasar ao 2º selectivo a celebrar na localidade francesa de Pau.
 Esta fin de semana, na canle de Pau tivo lugar o 2º selectivo. Sábado cada deportista fixo dúas mangas e o domingo outras dúas. O resultado final non puido ser mellor. Luís Fernández, que adestra desde fai anos no centro nacional da Seu D´Urgell, acadou praza na modalidade C1 absoluta e C1 sub-23. Brais Castro entrou en C1 júnior e Manuel Ochoa en k1 júnior, ámbolos dous están becados no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, adestrados por Ekhi Díez. Xunto a eles tres entrou tamén outra galega do centro, Ainhoa Lameiro, do Club Penedo de Caldelas.
Histórico resultado para o slálom galego, xa que a selección nacional desta modalidade está dominada desde fai anos por cataláns e vascos, sendo a primeira vez que un galego entra na categoría absoluta, e, a primeira tamén, que tantos galegos superan o selectivo.
Os catro, xunto cos restantes seleccionados, representarán a España no Campionato do Mundo que se disputará en Cracovia, Polonia.
O mérito destes deportistas e maior, se cabe, porque tiveron que clasificarse coa desvantaxe que supón que as probas se realizaron na canle na que adestra o equipo catalá, Seu, e na que adestra o equipo vasco, Pau. Eles xogaban na casa, os nosos xogaron fóra.

1ª COMPETICIÓN COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM-SEU 12/13-03-2016

Esta fin de semana, o 12 e 13 de marzo, celebrouse a primeira competición da Liga Española de slálom “Manuel Fonseca”, na localidade catalá da Seu D`Urgell. Os deportistas do Club Deportivo Miño levaba moitas expectativas, pero non se viron todas cumpridas, pois a competición foi dura ao longo de dous días. Aínda así o club acadou dúas medallas de prata: Luís Fernández en C1 na categoría sénior e Brais Castro, tamén en canoa pero categoría júnior. Manuel Ochoa rozou o podio cunha quinta praza en K1 júnior e, na mesma categoría, Brais Castro quedou sexto. Esta competición forma parte ademais das probas para o Selectivo Nacional, que continuaran a vindeira fin de semana na localidade francesa de Pau. Para este segundo selectivo clasificáronse Luís Fernández, Brais Castro e Manuel Ochoa. Sábado e domingo farán as súas baixadas intentando estar entre os mellores para formar parte da selección nacional Júnior e SUB-23.

sábado, 5 de marzo de 2016

2º COMPETICIÓN DA LIGA GALEGA DE SLÁLOM-SALVATERRA, 05-03-2016

Na mañá deste sábado tivo lugar a 2ª competición da Liga Galega de Augas Bravas 2016. Celebrouse no río Tea, en Alxén, Salvaterra do Miño, nesta ocasión organizada polo Club Piragüismo Penedo. Participaron unha centena de deportistas das categorías sénior, júnior, cadete e infantil.

O Club Deportivo Miño acudiu con 10 deportistas que fixeron un total de 14 participacións pois algúns deles fixeron dobre participación, baixando en kaiak e canoa.

Andrea González, na categoría sénior, gañou en C1 e quedou segunda en K1. Na mesma categoría Laura Alonso quedou segunda en C1 e terceira en K1. Na categoría júnior, Brais Castro, gañou en C1 e quedou terceiro en K1 e Manuel Ochoa gañou en k1 e quedou segundo en C1. Ariadna Pereira foi prata en K1 Infantil.

Sumando polo tanto tres ouros, catro pratas e dous bronces para os Teixugos. Na puntuación final por equipos os Club Deportivo Miño-Teixugos quedou en primeiro lugar con 172 puntos, seguido polo Club Tea de Mondariz con 167 e terceiro o Club Penedo con 112.

 A seguinte cita será vindeira fin de semana na 1ª Competición da Copa de España que se celebrará na canle da Seu D´Urgell, e que ademais será selectiva para conseguir praza para o equipo nacional. SORTE TEIXUGOS!!!