martes, 14 de agosto de 2012

OS TEIXUGOS 1º CLUB GALEGO NO XX CAMPEONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM

Esta fin de semana celebrouse en Ponts, Lleida o XX Campionato de España de Slálom. Os Teixugos acudiron con oito piragüistas, tres homes e cinco mulleres, que coa súa actuación conseguiron a sétima posición na clasificación final por clubs, sendo o mellor clasificado de tódolos galegos. A competición comezou o sábado pola mañá coas clasificatorias de slálom, os homes, todos de categoría sénior, na que cabe destacar o altísimo nivel dos participantes, non tiveron sorte e ningún se clasificou para semifinais. As mulleres, todas de categoría cadete, fixeron un mellor papel, e Sara Vázquez, Andrea González, Laura Alonso e Marina Ruedas e entraron en semifinais. Pola tarde nese mesmo día tivo lugar o Campionato de España por Equipos, na que os de Tomiño participaron con dous equipos, un masculino sénior que quedou no posto décimo cuarto e outro feminino cadete que quedou cuarto. Na mañá do domingo celebráronse as semifinais e as finais. Andrea González chegou a finais en K1 Muller cadete acadando unha meritoria novena posición. Sara Vázquez, unha luguesa que entrou a formar parte do noso club fai dous anos, tamén chegou a final en K1 muller cadete quedando sexta e en C1 muller cadete onde obtivo a medalla de prata. Destacar o impresionante papel que nas distintas competicións da Liga Española de Slálom Olímpico, rematada este domingo, fixeron as dúas piragüistas do Club Deportivo Miño Sara Vázquez e Andrea González.

domingo, 5 de agosto de 2012

OS TEIXUGOS NO IV CAMPEONATO DE ESPAÑA DE JÓVENES PROMESAS

Este sábado celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría unha tripla competición de slálom: IV Campionato de España de Infantís, III Campionato de España Infantil por Autonomías e a 1ª competición de Copa Galega de Promoción de Slálom. As once da mañá deu comezo a última e máis importante competición da liga española de “Jóvenes Promesas”, na que compiten nenos e nenas nacidos no 1998 e 1999. O Club Deportivo Miño estivo representado por Clara González nas categorías C1 Infantil B, na que acadou a cuarta posición e K1 Infantil B onde quedou sexta, sendo a galega mellor clasificada. Brais Castro quedou oitavo en C1 Infantil A e foi o primeiro galego coa súa quinta posición en K1 Infantil A. Manuel Ochoa quedou noveno en C1 Infantil A e décimo terceiro en K1 Infantil A. Unhas posicións moi dignas tendo en conta que os clubs cataláns e vascos contan con moitos máis medios, tanto económicos coma deportivos. As catro da tarde deu comezo a segunda competición da xornada, o III Campionato de España por Autonomías de patrullas. As patrullas son unha modalidade por equipos de slálom, os equipos están formados por tres piragüistas que saen xuntos e deben facer o circuíto no menor tempo posible e entrar na meta cunha diferenza non superior a 15 segundos entre o primeiro e o último palista. En C1 o equipo de Galicia, que estaba formado por Brais e Manuel do Teixugos e Martín do Dumbría, quedou en segundo lugar por detrás dun dos equipos de Cataluña; e en K1 o equipo galego integrado tamén por Brais e Manuel e Yoel do Tea de Mondariz quedou sexto por detrás de dous equipos vascos, dous cataláns e un equipo de Portugal, que tamén acudiu o Campionato. Como remate da xornada tivo lugar 1ª competición de Copa Galega de Promoción de Slálom. A estas alturas xa se deberían ter celebrado a lo menos tres competicións máis, pero a falta de auga, os problemas económicos e a falta de interese por parte da Federación Galega de Piragüismo fan que esta sexa a primeira da tempada. Destacar que foi organizada por membros da Federación Española, non estando presente ningún membro da Federación Galega. O club Deportivo Miño acadou tres medallas de ouro dúas prata e dúas bronce. Na clasificación por Clubs quedou segundo por detrás do Club Municipal de Piragüismo de Dumbría.