domingo, 30 de julio de 2023

4ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM E CAMPIONATO DE ESPAÑA DE KAYAK CROSS, SABERO: 28 a 30/07/2023

 Esta fin de semana na canle de augas bravas de Alejico-Sabero, en León, celebráronse a 4ª Copa de España de Slálom e o Campionato de España de Kayak Cross ou Slálom Extremo. Ás probas acudiu gran cantidade de deportistas de tódolos puntos de España. Nesta ocasión, o Club Deportivo Miño-Teixugos levou un equipo moi reducido, con tan so tres deportistas: Alba, Luís e Manuel. 


 

Venres e sábado foron os días para a primeira e segunda competición da Copa de España de Slálom. 

Luís Fernández, en C1 home sénior, fixo un gran papel nesta copa. O venres chegou a finais co segundo mellor tempo, e xa na final fixo unha baixada limpa e rápida, que lle deu unha medalla de prata a tan só 30 centésimas de segundo de Miquel Travé, o gañador da proba. O sábado volveu a finais co segundo mellor tempo, pero na final, nun intento de apurar ao máximo na busca do ouro, cometeu dous erros que o penalizaron, rematando en décimo lugar. 



 

Alba Soutelo, en C1 muller sénior, nas probas do venres, fixo unha boa baixada, pero unha penalización deixouna fóra das finais, rematando undécima. O sábado si conseguiu praza na final, onde rematou oitava.



 

 Manuel Ochoa, en K1 sénior, non tivo a mellor das participacións. O venres acadou por pouco entrar en finais onde fixo unha baixada boa, pero lonxe das medallas, rematando sexto. O sábado entrou en finais co terceiro mellor tempo, e na final, levaba tempo de medalla, pero apurando ao máximo unha das portas, foi penalizado, rematando décimo cuarto. 

 

O domingo celebrouse o Campionato de España de Kayak Cross, modalidade moi espectacular e que está gañando adeptos, que comeza cunha contra reloxo na que entran os primeiros 16, e despois eliminatorias de catro en catro. 

Alba Soutelo, en muller sénior, non deu superado a contra reloxo, rematando décimo quinta. 

Luís Fernández, en home sénior, superou a contra reloxo clasificándose para cuartos, onde, nunha emocionante carreira, rematou segundo, entrando en semifinais, onde rematou cuarto, quedando fóra das finais. Rematou o campionato en oitavo posto. 

Manuel Ochoa, en home sénior, superou a contra reloxo co segundo mellor tempo. Gañou os seus cuartos de final e as semifinais, e a piques estivo de quedar fóra da final por unha decisión arbitral na que lle adxudicaban unha falta que non cometera. Finalmente a reclamación foi adiante, e, na final, nun emocionante enfrontamento, entrou segundo, por detrás do segoviano David Llorente. 



 

Gran papel dos deportistas do Deportivo Miño-Teixugos, competindo coa elite. Alba entrando nunha final, Luís con tres grandes baixadas e unha medalla de prata e Manuel subcampión de kayak cross, confirmándose coma un dos mellores de España na modalidade. Destacar tamén que gran número de deportistas galegos que deron mostras do seu gran nivel, estando o slálom galego presente en case tódolos podios.

sábado, 22 de julio de 2023

V COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONFORTE: 22/07/2023

Nova cita dos máis pequenos co slálom. Nesta ocasión nas augas do río Cabe, en pleno núcleo urbano de Monforte de Lemos, onde se celebrou a quinta competición da Liga Galega de Promoción de Slálom. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con once deportistas que o deron todo para superarse a si mesmos. 


 

En k1 alevín muller, o podio foi totalmente “teixugo”. Leila Álvarez acadou o ouro, a prata foi para Nerea Álvarez e o bronce para Rita Olveira. Nerea Álvarez, ademais, acadou un ouro ao participar na modalidade de canoa. 



 

En k1 infantil muller, Francia Piñeiro estreouse na competición, acadando o oitavo lugar. 

En K1 infantil home, Iván Cruz foi sétimo e Brais Cambra noveno. 

En K1 alevín home, Alejandro Barreiro foi cuarto, a décimas de segundo de subir ao podio, e Leo Álvarez décimo segundo. 

En k1 home benxamín, Roque Olveira foi segundo, acadando, por tanto, a prata; Nicolás Piñeiro tamén subiu ao podio co terceiro mellor tempo e Martín Vicente foi cuarto.


 

 Moi bos resultados para os pequenos “teixugos” con seis medallas e un día de diversión, no que ademais de practicar deporte e superarse a si mesmo, coñeceron Monforte e reforzaron lazos e amizades con nenas e nenos de toda Galicia. 

Na clasificación final por equipos o Deportivo Miño rematou terceiro, por detrás do Tea de Mondariz e do equipo local, o Montaña-Quixós. 


 

domingo, 2 de julio de 2023

XOGOS EUROPEOS, CRACOVIA: 29/06/2023 a 2/07/2023

 Os Xogos Europeos 2023 é a terceira edición dunha especie de pre-olimpíada que se celebra cada catro anos. Nesta ocasión a sede elixida foi Cracovia, onde, entre o 21 de xuño e o 2 de xullo se deron cita uns 7000 deportistas de 48 países. O piragüismo de slálom, ao ser modalidade olímpica, tamén estivo presente, concretamente do 29 de xuño ao 2 de xullo celebráronse as distintas competicións. 

Entre os 12 representantes do equipo nacional atopábase o deportista do Club Deportivo Miño-Os Teixugos Luís Fernández Pereira. 

O deportista de Salceda pertencente ao Deportivo Miño comezou a súa participación o venres 1, buscando unha praza en semifinais de canoa masculino. No primeiro intento Luís fixo unha baixada algo lenta e con toques que o deixaron lonxe de postos de semifinais. Na segunda tentativa mellorou moito o tempo, e aínda que estaba dentro dos mellores, oito segundos de penalización por toques deixárono fóra, a apenas tres postos de conseguilo. Na clasificación final rematou trixésimo terceiro, un posto lonxe das súas aspiracións, pero o slálom é un deporte no que o máis mínimo erro se paga caro. 

Outros dous representantes galegos, do Club Penedo de Tui, estiveron tamén no evento, os dous na modalidade de C1. Ainhoa Lameiro que rematou tamén trixésimo terceira e Daniel Pérez que conseguiu un posto nas semifinais e rematou vixésimo sexto.