domingo, 21 de julio de 2019

CAMPEONATO DO MUNDO SUB-23, CRACOVIA: 16 a21/07/2019

Do 16 ao 21 de xullo celebráronse na cidade polaca de Cracovia os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23 de Slálom. Dous deportistas do Club Deportivo Miño formaron parte da selección española para este evento, Manuel Ochoa en K1 Sub-23 e Luís Fernández en C1 Sub-23.

O martes 16 comezou o campionato coa modalidade de patrullas ou equipos, na que os tres integrantes da selección baixan xuntos. Luis Fernández, xunto con Miquel Travé e David Burgos fixeron a súa baixada na competición de canoa sub-23, o seu percorrido e velocidade foron boas, pero tres toques supuxéronlles seis segundos de penalización, rematando décimos do mundo. Máis tarde chegoulle a vez ao equipo formado por Unai Nabaskues, David Llorente e o teixugo Manuel Ochoa na modalidade de K1 sub 23. Fixeron unha baixada rápida e con apenas dous segundos de penalización, por un único toque nunha porta, que os deixou como o terceiro mellor equipo do mundo e unha medalla de bronce no seu haber.

No mércores comezaron as competicións individuais dos deportistas sub-23, con dúas mangas por categoría para intentar acadar praza en semifinais. Luís Fernández fixo unha boa primeira manga, pero tres toques cos seis segundos de penalización deixárono fóra de semifinais. No segundo intento, cun recorrido rápido e sen penalizacións conseguiu pase a semifinais. O xoves , xa en semifinais, fixo unha baixada boa e rápida, con apenas 2 segundos de penalización, pero non conseguiu estar entre os dez mellores, quedando fóra de finais. Luís rematou o campionato na vixésimo terceira posición.

Manuel Ochoa comezou a súa primeira manga arriscando moito para acadar un bo tempo, o que o levou a cometer un erro nunha das portas que lle supuxo unha penalización de cincuenta segundos. Xa no segundo intento, fixo un percorrido rápido, pero tocando tres portas, seis segundos de penalización que o deixaron fóra de semifinais, rematando o campionato na trixésimo segunda posición. Manuel participou tamén nunha nova modalidade de piragüismo denominada kaiak extremo, rematando en sétimo lugar.

Outros dous deportistas galegos formaron parte da selección española, os dous do club veciño Piragüismo Penedo de Tui. Daniel Pérez en C1 júnior, chegou a finalista rematando décimo e a súa compañeira Ainhoa Lameiro en C1 sub-23, tamén finalista, rematou novena.

Rematada a competición internacional sub-23 o seguinte reto dos deportistas do Club Deportivo Miño Teixugos estará no Campionato de España a celebrar os días 3 e 4 de agosto na canle da Seu D´Urgell.



domingo, 7 de julio de 2019

CAMPIONATO DE EUROPA SUB-23, LIPTOVSKY: 4a7/07/2019

Luís Fernández en C1 e Manuel Ochoa en K1, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foron quen de superar as complicadas probas de selección da Federación Española de Piragüismo para formar parte do equipo nacional sub-23 de slálom, e, ao longo desta semana, tiveron a súa primeira competición internacional, concretamente o campionato europeo.
 Do 4 ao 7 de xullo tiveron lugar na localidade eslovaca de Liptovsky os Campionatos Europeos Júnior e Sub-23 de piragüismo, na modalidade de slálom. Os teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa formaron parte dos vinte e catro deportistas do equipo nacional.

Luís, formando parte do equipo de canoa sub-23, fixo a súa primeira baixada nas clasificatorias na mañá do xoves, intentando acceder a un posto nas semifinais. A súa actuación foi boa, sen penalizacións, pero algo lenta, deixándoo fóra das semifinais. Pola tarde, na segunda baixada de repesca, tampouco tivo sorte, cunha baixada con seis segundos de penalización e que o deixaron xa fóra da competición, rematando finalmente vixésimo noveno. O venres cinco, xunto cos seus compañeiros de canoa David Burgos e Miquel Travé, participou na modalidade de equipos ou patrullas, rematando no oitavo lugar.

Pola súa banda, Manu, tivo a súa primeira actuación a primeira hora do venres na complicada e numerosa modalidade de kaiak, fixo unha baixada sen penalizacións, pero moi lenta, que o deixaron lonxe de semifinais. Xa pola tarde, na eliminatoria de repesca, , tivo unha baixada impecable e rápida, pero un pequeno erro nunha das portas supúxolle unha demora de tres segundos que o deixaron fóra de semifinais. Rematou o europeo en trixésimo sétimo lugar. Esa mesma tarde participou na modalidade de equipos xunto a David LLorente e Unai Nabaskues. O equipo tivo unha actuación correcta, pero lenta, acadando un oitavo posto.

Outros dous galegos acadaron praza no equipo nacional, os dous do club tudense Piragüismo Penedo. Daniel Pérez, en canoa júnior conseguiu entrar en semifinais, pero non en finais, rematando vixésimo. Ainhoa Lameiro, en canoa sub-23, tamén acadou semifinais, e quedou fóra de finais por apenas un segundo e medio de tempo, conseguindo un décimo terceiro posto.

Rematado o europeo, o equipo español pon rumbo a Cracovia, onde participaran no Campionato do Mundo sub-23 e júnior do 16 ao 21 de xullo, no que tanto Luís como Manu esperan acadar unha boa clasificación.
Fotos: © Nina Jelenc