domingo, 27 de septiembre de 2020

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONDARIZ: 27/09/2020

A praia do Val, no concello de Mondariz, foi o escenario escollido para celebrar este domingo a última e máis importante das probas da Liga Galega de Promoción de Slálom, o Campionato Galego. Nas augas do río Tea déronse cita os máis pequenos do slálom galego, concretamente nenas e nenos das categorías benxamín, alevín e infantil. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con nove deportistas que competiron e gozaron das augas e a marabillosa paisaxe da praia do Val.

 En K1 Muller Benxamín Leila Álvarez foi a gañadora da proba, acadando por tanto a medalla de ouro. Na mesma categoría, a súa irmá Nerea fíxose coa prata ao rematar segunda.

 En K1 Home Benxamín, Alejandro Barreiro , conseguiu a medalla de bronce co seu terceiro posto.

 En K1 Home Alevín, Javier Lluch, cunha baixada impecable e sen penalizacións, foi terceiro, acadando, por tanto, o bronce. Na mesma categoría, Pedro Lomba rematou octavo. 

En K1 Home Infantil, a categoría máis numerosa, Adrián Lluch, rozou o podio coa súa cuarta posición, o seu compañeiro Rui Magalhaes foi quinto, Antón Fernández sétimo e Alexandre González duodécimo.

 En C1 Home Infantil, Adrián Lluch, rematou quinto. 

Catro medallas individuais e o quinto posto na clasificación por equipos, foi o balance final no Campionato Galego de Slálom para os Teixugos. Pero moito máis importante cós resultados, foi que nenos e nenas practicaron deporte con seguridade e ao aire libre e desfrutaron dunha xornada de convivencia e amizade con nenas e nenos de toda Galicia. 


 

domingo, 20 de septiembre de 2020

CAMPIONATO DE EUROPA, PRAGA: 18 a 20/09/2020

O deportista de Salceda, membro do Club Deportivo Miño, Luís Fernández, foi convocado pola federación española de piragüismo para formar parte do equipo nacional de C1 que acudiu ao Campionato Europeo de Slálom celebrado na cidade de Praga. Esta é a primeira competición relevante que se celebra neste 2020, no que se cancelaron xa as Copas internacionais e as competicións restantes da Liga Española. 
Luís comezou a súa participación o venres 18, na modalidade individual. O circuíto para a proba foi considerado polos participantes como longo e duro. Na súa primeira baixada o teixugo fixo un bo tempo, pero con demasiadas penalizacións por toques nas portas, que o deixaron a un posto de entrar en semifinais. Na segunda baixada, para repesca de semifinais, tampouco Luís foi quen de facer un bo tempo, quedando definitivamente fóra das semifinais, rematando o campionato no posto vixésimo cuarto. 
O domingo, Luís participou na modalidade de equipos ou patrullas, cos outros dous integrantes do equipo de canoa, o catalá Miquel Travé, e, o tamén galego, Daniel Pérez. A baixada foi un tanto accidentada, con algúns fallos, que os deixaron lonxe das medallas, no sétimo lugar. 
Acompañando a Luís no equipo nacional estaban outros dous galegos, Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro, do Club Piragüismo PenedoTe Importa. Daniel, tampouco foi quen de acceder a semifinais, mentres que Ainhoa fixo unha boa baixada e si deu acadado semifinais, aínda que non as finais, rematando o campionato décimo sexta.
 Esta participación pon de relevo, unha vez máis, o bo momento do slálom galego, ata non fai moito dominado por deportistas vascos e catalás. 

 
 

 

domingo, 13 de septiembre de 2020

CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM, ARBO: 13/09/2020


Despois do parón nas competicións oficiais por mor da COVID-19, este domingo celebrouse nas augas do río Miño, ao seu paso por Arbo, o Campionato Galego de Slálom. A competición caracterizouse pola baixa participación, e sobre todo pola escasísima participación feminina, pero sobre todo polo carácter reivindicativo; coma xa é habitual, piragüistas, clubs e directivos da Federación aproveitaron a ocasión para recordar a necesidade dunha canle de slálom en Galicia. 

O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con cinco deportistas, que foron quen de traer un total de oito medallas. 

O mellor da xornada foi sen dúbida Brais Castro que na categoría absoluta de canoa se fixo coa medalla de ouro, proclamándose Campión galego absoluto en C1. 

Samuel Castro tamén en canoa, pero categoría júnior, rematou terceiro, acadando podio coa medalla de bronce. 

Sergio Rodríguez, en caiac, na categoría cadete, rematou primeiro, facéndose por tanto coa medalla de ouro e o campionato galego. 

Ainhoa Barreiro, en caiac cadete, tamén acadou o ouro, e o título de campioa galega cadete, mentres que en C1 rematou segunda. 

Alba Soutelo, en canoa cadete, tamén resultou gañadora, e, polo tanto, tamén campioa galega. Alba participou tamén en caiac, onde acadou a segunda posición. 

Inmellorable balance para o Deportivo Miño con estas oito medallas na Competición máis importante da Liga Galega de Slálom Olímpico. 

Na clasificación final por Clubs, os Teixugos remataron en terceiro lugar. 

Esta será probablemente a derradeira competición de slálom a nivel autonómico e estatal que vexamos este ano, pois a Federación Española tomou a decisión de non celebrar competicións oficiais ata o próximo ano. 

A nivel internacional, o teixugo Luís Pereira atópase neste momentos na cidade de Praga para acudir aos Campionatos Europeos de Slálom, no que tamén estarán os galegos Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro do Club Piragüismo Penedo Te Importa.