domingo, 8 de marzo de 2020

2ª COPA DE ESPAÑA, PAU: 7-8/03/2020

Esta fin de semana celebrouse a 2ª Copa de España de Slálom na canle da localidade francesa de Pau. O mellor do slálom acudiu a cita, pois esta competición é o primeiro dos dous selectivos para formar parte dos diferentes equipos nacionais. Este ano, segundo a nova normativa da Federación Española de Piragüismo, cada Copa consta de dúas competicións diferentes, unha celebrada o sábado e a outra o domingo, en ámbalas dúas con clasificatorias e finais. Os circuítos tiñan trazados complicados de gran nivel, que fan máis meritorios aínda os resultados obtidos polo Club Deportivo Miño-Teixugos, que acudiu ao evento con nove deportistas, de diferentes categorías.

 Luís Pereira participou en C1 sénior e tanto sábado como domingo conseguiu entrar en finais. O sábado rematou terceiro e domingo segundo, bronce e prata, polo tanto para Luís, que con este posto ten serias opcións a formar parte tanto do equipo sénior como sub-23. Na mesma categoría, Brais Castro, tamén tivo unha boa actuación facendo finais nas dúas xornadas, rematando sétimo nos dous días, que o deixan lonxe do equipo sénior, pero con posibilidades no equipo sub-23.

Manuel Ochoa, tamén en categoría sénior, pero na modalidade de K1, entrou nas finais tanto sábado como domingo, nas finais do sábado fixo unha boa baixada, rematando terceiro, acadando a medalla de bronce, e nas finais do domingo, fixo unha baixada correcta, pero algo lenta, que o deixaron en octavo lugar. Manuel segue con moitas posibilidades de facer equipo sub-23, e con opcións a equipo sénior.

Emilio Rodríguez, en K1 veteranos, dominou as dúas carreiras, facéndose en ámbolos dous días coas medallas de ouro.

As nosa representantes femininas, Alba e Ainhoa, tiveron unha boa actuación, tendo en conta que este ano van na mesma categoría cas deportistas júnior, dous anos máis vellas ca elas. As dúas piragüistas participaron en K1 e C1 xuvenil. Alba Soutelo estivo impresionante nas clasificatorias, en C1, acadou finais os dous días cun segundo e un cuarto posto, xa en finais, rematou a proba en sétimo lugar o sábado e oitava o domingo. Na modalidade de K1, no sábado non acadou a final, rematando décimo terceira, e no domingo si acadou a final, rematando sexta. Ainhoa Barreiro, pola súa parte, en K1, conseguiu meterse en finais na segunda xornada, rematando décimo quinta o sábado e sétima o domingo. En canoa ou C1, o sábado entrou en finais, rematando décima, e no domingo quedou a un posto de chegar á final, rematando undécima.

 Samuel Castro participou en C1 xuvenil, o sábado meteuse nas finais, finalizando noveno e o domingo non acadou finais, rematando undécimo.

Alexis Segadaes en K1 xuvenil, non foi quen de clasificarse para finais, rematando vixésimo oitavo o sábado e cuadraxésimo segundo o domingo. Na mesma categoría Sergio Rodríguez, na xornada do sábado fixo unha boa baixada que o meteu en finais e rematou a proba co quinto mellor tempo. No domingo non deu acadado as finais, rematando décimo oitavo.

Moi bos resultados para o Deportivo Miño, nesta 2ª Copa de España, da que volven con cinco medallas, nunha competición complicada polo alto nivel de participantes e pola dificultade da canle e dos trazados dos circuítos. A vindeira competición a que deberán facer fronte será a 3ª Copa de España a celebrar na Seu D´Urgell o 21 e 22 de marzo, e de onde saíran xa conformados os distintos equipos nacionais.



domingo, 16 de febrero de 2020

1ª COPA DE ESPAÑA, MONDARIZ: 15-16/02/2020

Esta fin de semana celebrouse en Mondariz Balneario, nas augas do río Tea, a 1ª Copa de España de slálom, inaugurando así a Liga Española de Slálom. Case douscentos deportistas de toda España acudiron ao evento. Este ano con nova normativa, pois os dous días de competición tiveron semifinais e finais, e nos dous días houbo entrega de medallas. Tamén se agruparon as categorías cadete, nados en 2004 e 2005, e júnior, nados en 2002 e 2003, nunha única categoría, a xuvenil. A xornada do sábado transcorreu sen incidentes, non así a do domingo, na que o vento fixo estragos en moitos participantes, ao moverlles as portas no momento de ter que pasalas.
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con nove deportistas, que deron o mellor de si mesmos nas augas do río Tea.
 A mellor participación foi a de Luís Pereira, que na modalidade C1 sénior, acadou a medalla de ouro tanto no sábado como no domingo. Impresionantes as baixadas do deportista de Salceda que gañou as dúas finais da máxima categoría con varios segundos de diferencia do resto dos finalistas.
Brais Castro, tamén en C1 sénior logrou entrar en finais nos dous días, o sábado rematou en sexto lugar e o domingo, nunha baixada fixo o segundo mellor tempo, por detrás de Luís, acadando a medalla de prata.
Manuel Ochoa, en K1 sénior, superou as clasificatorias sábado e domingo, e aínda que aspiraba a algunha medalla, non foi quen de acadar podio, rematando os dous días en cuarto lugar.
Samuel Castro en C1 xuvenil, o sábado, conseguiu entrar en finais, rematando sétimo. Xa no domingo, non deu superado as clasificatorias, rematando décimo terceiro.
Sergio Rodríguez, en K1 xuvenil, o sábado rematou décimo terceiro, quedando fóra de finais. No domingo, nunha gran baixada, acadou finais co quinto mellor tempo da categoría, rematando sexto na final. Na mesma categoría Alexis Segadaese e Mateo Alvarez, aínda que non fixeron case penalizacións, e fixeron baixadas correctas, non deron acadado finais, Alexis rematou vixésimo segundo o sábado e vixésimo o domingo; e Mateo Álvarez quedou no trixésimo oitavo e trixésimo noveno.
Ainhoa Barreiro e Alba Soutelo dobraron participación en K1 e C1 xuvenil. O sábado Ainhoa acadou finais tanto en caiac como en canoa, rematando novena nas dúas categorías. O domingo so acadou finais en canoa, rematando undécima en K1 e quinta en C1. Pola súa banda Alba entrou en finais en C1 tanto sábado, rematando sexta, como domingo, rematando sétima. Na modalidade K1, rematou undécima e décimo quinta, boas posicións, pero fóra de finais.
Destacar o mérito dos postos das nenas e nenos da categoría xuvenil, pois todos eles están na franxa de idade cadete, dous anos menos que moitos dos seus competidores xa en idade júnior.
 Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño, rematou en quinto lugar cun total de 385 puntos.












domingo, 26 de enero de 2020

XI TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM:25-26/01/2020

Esta fin de semana celebrouse XI Taça Ibérica de Slálom, un exemplo de colaboración transfronteiriza. A xa emblemática competición tivo lugar nas augas do río Coura ao seu paso por Azenhas de Pagade, na freguesía de Covas. Organizada polas federacións galega e portuguesa de piragüismo, e polo Club Deportivo Miño, a proba puntuaba tanto na liga portuguesa, como na galega de slálom. Puro espectáculo foi o que deron os máis de cen deportistas participantes, nunhas xornadas nas que acompañou o bo tempo. Ao longo do sábado disputáronse as clasificatorias, nas que moitos piragüistas xa quedaron fóra da competición. E na mañá do domingo foi tempo de finais e semifinais. O Club Deportivo Miño-Teixugos, organizador principal do evento, acudiu a cita con 8 deportistas, que foron quen de acadar catro medallas de ouro, tres de prata e unha bronce. Ainhoa Barreiro, na categoría cadete, alzouse co triunfo tanto en canoa como en kaiak. Na mesma categoría, Alba Soutelo foi medalla de prata, tamén en C1 e K1. Samuel Castro, en C1 cadete, foi o gañador da proba.En K1 cadete,a que tivo a maior participación de "teixugos", Sergio Rodríguez gañou a proba, Alexis Segadaes foi prata, Samuel Castro rematou cuarto e Mateo Rivas sexto. En K1 infantil, Adrián Lluch, rematou en quinto lugar. Brais Castro, en C1 sénior, rematou coa medalla de bronce. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador con 270 puntos, compartindo podio co Augas Bravas Clube con 226 e a Associação Desportiva de Amarante con 180.
Para ver máis imaxes do evento preme  AQUÍ