domingo, 26 de marzo de 2023

COPA PIRINEUS, PAU-LA SEU D´URGELL: 18-19-25-26/03/2023

A International Pyrenees Cup Canoe Slálom, ou Copa Pirineus como se coñece en España, é unha competición sénior internacional que se celebra cada ano nas canles de slálom de Pau en Francia e a Seu D´Urgell en Lleida. 
O 18 e 19 disputouse en Pau e o 26 e 27 na Seu. En Pau competiron máis de 350 deportistas, e, na Seu a participación foi algo menor, con 200 piragüistas. 
Padeeiros de todas partes do mundo acudiron á cita, entre eles, os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos Manuel Ochoa, Luís Fernández e Alba Soutelo.
 En Pau, na modalidade de k1, Manuel Ochoa, conseguiu acceder a semifinais na primeira ronda co terceiro mellor tempo, nas semifinais conseguiu estar entre os dez mellores e pasar a finais onde rematou cuarto, rozando o podio. En C1, Luís Fernández, tamén conseguiu superar as clasificatorias, pero non as semifinais, rematando vixésimo oitavo. Alba Soutelo, en C1, non conseguiu entrar nas semifinais, rematando vixésimo novena. 
Na Seu D´Urgell, Manuel Ochoa superou nunha gran baixada as clasificatorias, nas semifinais quedou fóra das finais por pouco, rematando décimo terceiro. Luís Fernández, tivo unha impresionante participación, superou as clasificatorias e as semifinais, e, xa na final, fixo unha baixada moi rápida onde un toque nunha porta o deixaron sen a medalla de bronce, rematando finalmente cuarto. Alba Soutelo superou as clasificatorias pero non as semifinais, rematando vixésimo segunda. 
Rematadas as dúas rondas súmanse os resultados de Pau e Seu para determinar os gañadores da Copa Pirineus. Na categoría K1 masculino o gañador foi por segundo ano consecutivo o teixugo Manu Ochoa.






2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, O CORDEIRO: 26/03/2023

Este domingo celebrouse en Cordeiro, Salvaterra do Miño, a 2º Copa Galega de Promoción de Slálom. Máis de 60 pequenos palistas de toda Galicia se deron cita nas augas do río Tea. Nestas competicións cada deportista fai dúas baixadas do circuíto, contando para a clasificación a mellor das dúas. 
 O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con dez padeeiros de diferentes categorías. 


En K1 muller alevín o podio foi copado polas teixugas. Leila Álvarez gañou a proba, conseguindo o ouro, Nerea Álvarez fíxose coa medalla de prata e Rita Oliveira foi bronce. Nerea ademais atreveuse coa canoa na súa categoría, conseguindo o ouro. 
En K1 home benxamín, Nicolás Piñeiro conseguiu a medalla de prata e Martín Vicente o bronce. Na mesma categoría Roque Oliveira foi cuarto e Tiago Rey octavo. 
En K1 home alevín Lois Montenegro foi quinto, Alejandro Barreiro sétimo e Leo Álvarez noveno. 
Seis podios para os pequenos teixugos nesta segunda cita da tempada 2023, aínda que o máis importante nestas competicións e desfrutar do deporte, do río e da compañía de nenas e nenos de toda Galicia. 
Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto.






domingo, 12 de marzo de 2023

1ª COPA DE ESPAÑA DE KAYAK CROSS, LA SEU D´URGELL: 11-12/03/2023

 

Esta fin de semana celebrouse na canle de augas bravas do Parc Olimpic do Segre, na localidade ilerdense da Seu D´Urgell, a 1ª Copa de España de Kayak Cross. Esta disciplina de slálom, antes coñecida como slálom extremo ou boatcross, está gañando moitos seguidores pola súa espectacularidade. Como tódalas copas, constou de dúas competicións diferentes, cos seus respectivos podios, unha o sábado e outra o domingo. A proba comeza cunha contra-reloxo, puntuable para os selectivos nacionais, onde os dezaseis mellores tempos pasan a cuartos, despois semifinais e finalmente finais. 
O Club Deportivo Miño-Teixugos levou ao evento a tres deportistas, os tres de categoría sénior, que tiveron unha gran actuación. 
Manu Ochoa, todo un especialista na modalidade, comezou ben o sábado ao sacar o segundo mellor tempo da contra-reloxo da categoría sénior masculina, en cuartos de final gañou claramente a serie, pero unha falta dubidosa nunha das portas, deixouno fóra , rematando décimo terceiro. No domingo foi terceiro na contra-reloxo e superou con baixadas espectaculares cuartos de final e semifinais. Nas finais impúxose claramente aos seus tres contrincantes proclamándose gañador. 





Luís Fernández tivo unha moi boa actuación a pesar de que a súa especialidade é a canoa e non o caiac. Superou a contra-reloxo tanto o sábado como o domingo. O sábado conseguiu chegar a semifinal, rematando oitavo. O domingo quedouse en cuartos rematando duodécimo. 



Alba Soutelo foi a nosa única representante feminina, e tamén tivo un papel destacado, tendo en conta que é o seu primeiro ano na categoría sénior. O sábado non pasou o corte da contra-reloxo por pouco, rematando décimo sétima. O domingo superou a contra e cuartos de final, caeu nas semifinais rematando nunha impresionante oitava posición. 


Moi boa a actuación dos tres “teixugos” competindo cos mellores do panorama nacional, pois ao ser selectivo para o equipo nacional, ninguén quixo faltar a cita. Destacar tamén a actuación dos galegos a Mario Otero do Tea de Mondariz e a Ainhoa Lameiro do Penedo, que conseguiron chegar a finais.

COPA DAVID CASTRO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, TOMIÑO: 12/03/2023

 Este domingo celebrouse a primeira competición da tempada de promoción do slálom do circuíto galego, a 1ª Copa Galega ou Copa “David Castro”. Nas augas do río Cereixo ao seu paso pola Pedra, nenas e nenos de toda Galicia, demostraron as súas habilidades no slálom. Máis de 50 deportistas das catro provincias galegas fixeron dúas baixadas, intentando superar no menor tempo posible as portas do circuíto. Para a clasificación final contaba a mellor das dúas. 

 Doce deportistas do Club Deportivo Miño acudiron ao evento organizado polo seu propio club. 
En K1 muller alevín o podio estivo copado polas teixugas. Leila Álvarez foi a mellor da categoría, conseguindo o ouro, segunda foi Nerea Álvarez e o bronce foi para Rita Oliveira. Nerea Álvarez, conseguiu, ademais, o ouro en canoa alevín. 



En K1 benxamín, Roque Oliveira fixo o terceiro mellor tempo, facéndose co bronce. Na mesma categoría Nicolás Piñeiro foi cuarto, Tiago Rey quinto e Martín Vicente sexto. 
En K1 home alevín, Lois Montenegro conseguiu a prata; Alejandro Barreiro foi cuarto e Leo Álvarez sexto. 
En k1 home infantil Iván Cruz foi sétimo e Brais Álvarez foi décimo. 

Dúas medallas de ouro, dúas pratas e dous bronces son un moi bo balance para o club. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño foi segundo, por detrás do Quixós de Monforte de Lemos.