lunes, 26 de junio de 2023

ICF RANKING E OPEN DE KAYAK CROSS, EPINAL, FRANCIA: 24 e 25/06/2023

 Na canle de Epinal en Francia celebrouse esta semana unha ICF Ranking a que acudiu Manuel Ochoa do Club deportivo Miño. As ICF Ranking son probas internacionais puntuables para o ranking oficial, pero de participación libre. Esta proba contou coa participación de cento trinta deportistas de doce países diferentes. 

Na proba de slálom, modalidade K1, a máis numerosa con máis de 50 participantes, o tomiñés conseguiu meterse en semifinais sen demasiado problema, aínda que con unha baixada lenta. No domingo superou as semifinais co oitavo mellor tempo, e, xa nas finais, fixo unha baixada espectacular e rapidísima, pero na penúltima porta os xuíces determinaron que non a pasara correctamente e penalizárono con 50 segundos, rematando a proba en undécima posición. 

Na mesma canle, o sábado pola tarde, celebrouse un Open de kayak cross. Nos “time trials” ou contra reloxo Manu Ochoa logrou o mellor tempo de tódolos participantes. Superou sen problemas cuartos de final e semifinais, e, na final, rematou terceiro, por detrás do neocelandés Finn Butcher e do francés Paul Aubertin.

 Esta semana teremos a outro teixugo en probas internacionais. Luís Fernández participará nos xogos europeos que se celebran en Cracovia, Polonia. 


 


martes, 20 de junio de 2023

3ª COPA GALEGA DE SLÁLOM, OURENSE: 18/06/2023

 

    Esta fin de semana volveu o slálom a Ourense. Xa facía anos que non se vía unha competición de slálom nesta cidade, lonxe quedan aqueles anos en que Velle chegou a acoller ata Copas de España de Promoción. Nesta ocasión a cita coas augas bravas foi na acea de Oira, onde se disputaron a 2ª Copa Galega de Promoción e a 3ª Copa Galega de Slálom, con estas competicións Ourense busca postularse como futura sede dunha canle de augas bravas. 
     A participación foi baixa, o que demostra que o slálom necesita máis campañas institucionais de difusión e promoción. Nunca Galicia tivo tantos deportistas en alto nivel, sen embargo non se ve un relevo xeracional. O Club Deportivo Miño-Teixugos non participou en Promoción ao non ter deportistas da categoría. 
     Na 3ª Copa Galega de Slálom, tres foron os deportistas que acudiron e os seus resultados non puideron ser mellores. Emilio Rodríguez acadou a medalla de ouro na categoría K1 veterano, Brais Castro foi prata en C1 sénior e Laura Alonso conseguiu a medalla de ouro en K1 sénior. 
    Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou quinto, pese aos bos resultados, pola falta de deportistas que puntúen. Dende o club fan un chamamento a todos aqueles que queiran probar este deporte que non dubiden en poñerse en contacto e anotarse, fan fincapé, tamén, no feito de que este é un deporte moi seguro, que se practica baixo normas estritas de seguridade.




domingo, 11 de junio de 2023

COPA DO MUNDO, PRAGA: 8 a11/06/2023

 

 Do 8 ao 11 de xuño celebrouse na cidade de Praga a segunda Copa do Mundo de Slálom onde se deron cita os mellores deportistas do mundo desta modalidade. A este evento acudiu o primeiro equipo nacional de slálom do que forma parte Luís Fernández. 
O deportista de Salceda, membro do Club Deportivo Miño-Teixugos, despois de superar os durísimos selectivos nacionais, estreouse no circuíto internacional. Xunto co catalá Miquel Travé e o tamén galego Daniel Pérez formou o equipo español de canoa ou C1. 
O venres comezaron as clasificatorias, buscando estar entre os trinta mellores para acadar un lugar nas semifinais. No primeiro intento dous toques deixaron fóra a Luís, a pesares de facer boa baixada; na segunda tentativa non houbo fallos, e, cunha boa carreira acadou a súa praza nas semifinais. 
O sábado disputáronse as semifinais. Luís comezou moi ben a súa baixada, levando tempo de final no primeiro tramo, pero segundo tramo, unha serie de fallos e penalizacións, deixárono lonxe dos postos da final. Rematou esta primeira competición internacional no vixésimo oitavo lugar. 
A súa vindeira cita internacional será no Campionato de Europa a celebrar en Cracovia en dúas semanas. 
 Outros dous galegos acompañaron a Luís a esta Copa do Mundo, os dous do Piragüismo Penedo de Tui. Daniel Pérez en C1 rematou trixésimo quinto e Ainhoa Lameiro tamén en C1 rematou trixésimo sexta.


domingo, 4 de junio de 2023

COPA DO MUNDO, AUGSBURG: 1a 4/06/2023

Do 1 ao 4 de xuño celebrouse la cidade alemá de Augsburg a primeira das copas do mundo de slálom. A Federación Española de Piragüismo enviou ao segundo equipo nacional a disputar as probas. Entre os seus integrantes estaba o tomiñés Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos. 
 O día 1 celebráronse as clasificatorias da modalidade de k1 slálom, no seu primeiro intento Manuel fixo unha mala baixada e non deu entrado en semifinais. Tampouco o conseguiu no segundo intento, onde unha penalización de dous segundos por un toque, o deixou fóra. Rematou cuadraxésimo noveno. 
No domingo catro celebrouse a competición de kayak-cross ou slálom extremo, modalidade na que Manu se atopa entre os dez mellores do mundo. Superou sen problemas a contra reloxo. Nas clasificatorias, onde de catro pasan os dous primeiros de cada serie, tíñaa xa practicamente superada, e, a piques de cruzar a meta, envorcou e quedou fóra. Rematou a proba nun máis que meritorio décimo noveno lugar. 
Non foron os resultados esperados polo teixugo, que tiña grandes esperanzas de facer algún podio. Con esta proba Manu xa queda fóra do circuíto oficial internacional, aínda que non descarta acudir a competicións oficiosas pero puntuables para o ranking mundial. 
Outro teixugo, Luis Fernández, acudirá co primeiro equipo nacional a segunda copa do mundo a celebrar en Praga do 4 ao 11 de xuño.