domingo, 31 de marzo de 2024

GRANDES RESULTADOS PARA OS TEIXUGOS NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM

 O venres 29 e o sábado 30 celebrouse na canle de slálom da Seu D´Urgell a 2ª Copa de España de Slálom, competición de gran importancia pois forma parte dos selectivos para o equipo nacional e olímpico. As Copas de España son en realidade dous días con dúas competicións diferentes, cos seus podios e medallas. Semifinais e finais de venres e sábado puntuaban para formar parte do equipo nacional. 


 

O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con cinco deportistas, entre eles Luís Fernández e Manuel Ochoa con moitas posibilidades de superar os selectivos. Dado o nivel da competición podemos consideran que tiveron unha gran actuación ao acadar dúas medallas de bronce e unha de prata.

O tomiñés Manu Ochoa tivo unha boa actuación na súa axustadísima modalidade de K1 sénior. Rematou terceiro na semifinais do venres, e xa na final obtivo un cuarto posto. O sábado pasou a finais co cuarto mellor tempo, e na final foi terceiro, conseguindo o bronce. 


 

O salcedán Luís Fernández, en C1 sénior, pasou comodamente a finais o venres coa terceira mellor baixada, e na final, aínda que fixo un gran descenso, co segundo mellor tempo, catro segundos de penalización por dous toques deixárono en quinto lugar. Menos sorte tivo o sábado, cando fixo unha baixada perfecta e na penúltima porta, a criterio do equipo arbitral, consideraron que non a pasara correctamente e penalizárono con cincuenta segundos, rematando undécimo. 


 

Nesta mesma categoría, Brais Castro, quedou fóra de finais no venres, rematando duodécimo. O sábado, cunha gran baixada, conseguiu meterse na final, rematando en noveno lugar. 


 

Emilio Rodríguez en K1 veterano, subiu ao podio nos dous días, o venres acadou medalla de bronce e o sábado a de prata. 


 

Laura Alonso, en K1 sénior, o venres quedou fora de semifinais rematando décimo quinta e na xornada de sábado non fixo a súa baixada. 


 

Na próxima semana celebrarase a 3ª Copa de España na localidade francesa de Pau, que tamén será selectiva, e ao remate coñeceremos aos integrantes do equipo olímpico e do equipo nacional de Slálom.

lunes, 18 de marzo de 2024

MANU OCHOA GAÑADOR DA COPA PIRINEUS DE KAYAK CROSS

Manuel Ochoa e Luís Fernández,  do Club Deportivo Miño-Teixugos, estiveron participando ao longo destas últimas dúas semanas na Copa Pirineus de Slálom, unha competición internacional puntuable para o ranking mundial. Desde 2010, a Copa Internacional dos Pirineos une dúas sedes emblemáticas de Canoe-Kayak Slalom: a Seu d'Urgell en España e o Stade d'Eaux Vives de Pau en Francia. Este torneo reúnen tanto aos mellores do mundo como a mozos deportistas franceses e españois. Cada fin de semana hai unha competición diferente e ao final súmanse os puntos das dúas para determinar ós gañadores.

 Este ano participaron trescentos deportistas de vinte e tres países diferentes.

 Manu Ochoa tivo doble participación, en slálom e en Kayak Cross.Na modalidade de Kayak Cross, o domingo día 8 quedou segundo na contra reloxo e gañou tódolos enfrontamentos, excepto a final, onde rematou cuarto. En Pau marcou o mellor tempo na contra reloxo, e caeu nas semifinais, rematando quinto. A suma de puntos das dúas xornadas determinaron que foi o mellor, proclamándose gañador desta emblemática competición.


En slálom K1, Manu Ochoa, non tivo unha participación lucida. Na primeira fin de semana fixo unha clasificatoria lenta e con penalizacións quedando para a final B, onde fixo unha baixada impresionante, co mellor tempo de toda a competición, rematando undécimo. En Pau unha serie de fallos e penalizacións deixárono para a final B, onde volveu ter unha mala participación, quedando nos últimos lugares. 

Luís Fernández, en slálom C1, empezou moi ben, na primeira competición, na Seu d'Urgell, gañou as clasificatorias e pasou á final A onde rematou nun impresionante cuarto lugar. Na fin de semana seguinte, en Pau, un encadeado de fallos deixárono para a final B, e tampouco lle foron ben as cousas nela, e cunha penalización de cincuenta segundos quedou moi lonxe da cabeza. 


 

Esta competición foi un adestramento para os selectivos que terán lugar na última semana de marzo na Seu e na primeira de abril en Pau. Tanto Manu como Luís aspiran a un lugar na selección española de slálom.