domingo, 16 de septiembre de 2012

OS TEIXUGOS PRIMEIROS POR EQUIPOS NO CAMPIONATO GALEGO DE SLÁLOM EN DUMBRÍA

Este domingo celebrouse en Dumbría o Campionato Galego de Slálom, última das competicións oficiais de slálom desta tempada 2012. Os “Teixugos” acudiron con 10 dos seus deportistas, algúns dos cales participaron por partida dobre, nas categorías C1 e K1 correspondentes a súa idade. Aínda que tódolos deportistas fixeron un moi bo papel, destacan as catro medallas de ouro conseguidas por Marina Ruedas, Guilermo Martínez e Sara Vázquez, con dúas medallas en K1 e C1 ; dúas medallas de prata para Laura Alonso e Marina Ruedas e dúas medallas de bronce para Andrea González e Laura Alonso. Na categoría de patrullas destacar o terceiro posto conseguido pola patrulla formada por Guillermo Martinez, Nicolás Ruedas e Alejandro Ochoa. No reconto final por equipos O Club Deportivo Miño acadou o primeiro posto cun total de 249 puntos, seguido do Tea de Mondariz con 243 puntos e do Baiona con 185. Este é un inmellorable peche de tempada para o club, que non baixa a garda e prepara xa a tempada 2013.

domingo, 2 de septiembre de 2012

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN RIBADUMIA

Este domingo celebrouse en Ribadumia o Campionato Galego de Promoción de Slálom, que, como xa levamos explicado noutras ocasións, comprende as categorías alevín , benxamín e infantil. O club Deportivo Miño-Teixugos participou con cinco piragüistas, que foron quen de traer para Tomiño un total de 7 medallas. Destacar a impresionante participación de Brais Castro que se fixo co ouro nas categorías K1 e C1 Home Infantil, nas mesmas categorías Manuel Ochoa conseguiu dúas medallas de bronce. Clara González acadou prata en K1 Muller Infantil e ouro en C1 Muller Infantil. Finalmente Víctor Rodríguez foi bronce en K1 Home Alevín. Con esta competición péchase a tempada 2012 nas categorías de promoción na Comunidade Autónoma, unha tempada moi deslucida, marcada pola falta de medios e a falta de auga nos ríos, que unida a ausencia total de canles artificiais en Galicia fixo que so se celebraran dúas das sete competicións previstas a comezo de ano.

martes, 14 de agosto de 2012

OS TEIXUGOS 1º CLUB GALEGO NO XX CAMPEONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM

Esta fin de semana celebrouse en Ponts, Lleida o XX Campionato de España de Slálom. Os Teixugos acudiron con oito piragüistas, tres homes e cinco mulleres, que coa súa actuación conseguiron a sétima posición na clasificación final por clubs, sendo o mellor clasificado de tódolos galegos. A competición comezou o sábado pola mañá coas clasificatorias de slálom, os homes, todos de categoría sénior, na que cabe destacar o altísimo nivel dos participantes, non tiveron sorte e ningún se clasificou para semifinais. As mulleres, todas de categoría cadete, fixeron un mellor papel, e Sara Vázquez, Andrea González, Laura Alonso e Marina Ruedas e entraron en semifinais. Pola tarde nese mesmo día tivo lugar o Campionato de España por Equipos, na que os de Tomiño participaron con dous equipos, un masculino sénior que quedou no posto décimo cuarto e outro feminino cadete que quedou cuarto. Na mañá do domingo celebráronse as semifinais e as finais. Andrea González chegou a finais en K1 Muller cadete acadando unha meritoria novena posición. Sara Vázquez, unha luguesa que entrou a formar parte do noso club fai dous anos, tamén chegou a final en K1 muller cadete quedando sexta e en C1 muller cadete onde obtivo a medalla de prata. Destacar o impresionante papel que nas distintas competicións da Liga Española de Slálom Olímpico, rematada este domingo, fixeron as dúas piragüistas do Club Deportivo Miño Sara Vázquez e Andrea González.

domingo, 5 de agosto de 2012

OS TEIXUGOS NO IV CAMPEONATO DE ESPAÑA DE JÓVENES PROMESAS

Este sábado celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría unha tripla competición de slálom: IV Campionato de España de Infantís, III Campionato de España Infantil por Autonomías e a 1ª competición de Copa Galega de Promoción de Slálom. As once da mañá deu comezo a última e máis importante competición da liga española de “Jóvenes Promesas”, na que compiten nenos e nenas nacidos no 1998 e 1999. O Club Deportivo Miño estivo representado por Clara González nas categorías C1 Infantil B, na que acadou a cuarta posición e K1 Infantil B onde quedou sexta, sendo a galega mellor clasificada. Brais Castro quedou oitavo en C1 Infantil A e foi o primeiro galego coa súa quinta posición en K1 Infantil A. Manuel Ochoa quedou noveno en C1 Infantil A e décimo terceiro en K1 Infantil A. Unhas posicións moi dignas tendo en conta que os clubs cataláns e vascos contan con moitos máis medios, tanto económicos coma deportivos. As catro da tarde deu comezo a segunda competición da xornada, o III Campionato de España por Autonomías de patrullas. As patrullas son unha modalidade por equipos de slálom, os equipos están formados por tres piragüistas que saen xuntos e deben facer o circuíto no menor tempo posible e entrar na meta cunha diferenza non superior a 15 segundos entre o primeiro e o último palista. En C1 o equipo de Galicia, que estaba formado por Brais e Manuel do Teixugos e Martín do Dumbría, quedou en segundo lugar por detrás dun dos equipos de Cataluña; e en K1 o equipo galego integrado tamén por Brais e Manuel e Yoel do Tea de Mondariz quedou sexto por detrás de dous equipos vascos, dous cataláns e un equipo de Portugal, que tamén acudiu o Campionato. Como remate da xornada tivo lugar 1ª competición de Copa Galega de Promoción de Slálom. A estas alturas xa se deberían ter celebrado a lo menos tres competicións máis, pero a falta de auga, os problemas económicos e a falta de interese por parte da Federación Galega de Piragüismo fan que esta sexa a primeira da tempada. Destacar que foi organizada por membros da Federación Española, non estando presente ningún membro da Federación Galega. O club Deportivo Miño acadou tres medallas de ouro dúas prata e dúas bronce. Na clasificación por Clubs quedou segundo por detrás do Club Municipal de Piragüismo de Dumbría.

lunes, 30 de julio de 2012

SORT, CAMPIONATO DE ESPAÑA NOVAS PROMESAS

Tres Teixugos participaron este sábado na 2ª competición do Campionato de España de Novas Promesas que se celebrou na localidade ilerdense de Sort. Brais Castro e Manuel Ochoa participaron nas modalidades K1 eC1 Infantil A Home e Clara González en K1 e C1 Infantil B Muller. Aínda que non deron conseguido medalla fixeron un moi digno papel, tendo en conta o nivel de vascos e cataláns. Clara, a benxamina do grupo conseguiu a 7ª posición en K1 e non deu rematado o circuíto en C1, que só deron feito tres das participantes, xa que a modalidade de canoa(C1), de xeonllos e cunha pa dunha soa folla, apréndese despois da de kaiak(K1) na que van sentados e cunha pa de dúas follas. Manuel Ochoa quedou undécimo en C1 e oitavo en K1. Brais Castro foi o que obtivo mellores resultados con dous sétimos postos tanto en C1 coma en K1. “Os Teixugos” foi o club galego que obtivo unha mellor clasificación neste campionato. Na provincia de Lleida atópase un triángulo máxico para o piragüismo de augas bravas, formado polas localidades de Sort, Ponts e a Seu D´Urgell, que contan con cadanseu canle de augas bravas. Aproveitando a ocasión un numerosos grupo de teixugos uníronse aos máis pequenos e desprazáronse ata Sort para adestrar, xuntándose alí con outros galegos do Club tea de Mondariz e cos do Club de Dumbría. Os adestramentos fixéronse nas canles de Ponts e Sort que son gratuítas, non así a da Seu. Nesa semana estívose celebrando tamén en Ponts 49 Rally Internacional da Noguera Pallaresa, aproveitando os nosos piragüistas, participaron en varios dos seus actos, o xoves participaron no rafting nocturno, o venres pola mañá no Open internacional de slálom por patrullas e pola tarde no vistoso concurso de esquimotaxes. Destacar aquí a participación de Andrea González que pasou a final celebrada o sábado a noite se fixo coa primeira praza do concurso de esquimotaxe, nunha memorable actuación. Noraboa Andrea!!!! A vindeira cita será en Dumbría onde o sábado día 4 de agosto onde terá lugar o “IV Campeonato de España de Jóvenes Promesas”

domingo, 20 de mayo de 2012

HISTÓRICO TERCEIRO POSTO DOS TEIXUGOS NA 3ª COPA DE ESPAÑA DE SLALOM

Esta fin de semana celebrouse en Padrón a 3º competición da Liga Española de Slálom Olímpico, na que participaron equipos de augas bravas de toda a xeografía española. Na mañá do sábado tiveron lugar as clasificatorias para as semifinais, entrando en semifinais 8 piragüistas do Club Deportivo Miño- Teixugos. Estas probas foron tamén valedoiras e puntuables para a Copa Galega de Slálom. Durante a mañá do domingo celebráronse as semifinais e finais. Destacar as medallas de bronce conseguidas por Andrea González e Sara Vázquez en K1 feminino cadete e C1 feminino cadete respectivamente. Na clasificación final por equipos o Atlético San Sebastián da cidade do mesmo nome alzouse co primeiro posto, seguido do Cadi Canoe Kayak da localidade catalá da Seu d`Urgell e no terceiro lugar quedaron os Teixugos, sendo o mellor posto acadado por un club galego en augas bravas. Durante a mañá do domingo fíxose entrega tamén das medallas da Copa Galega De Slálom, para a que se tiveron en conta os tempos das clasificatorias do sábado. Sara Vázquez foi ouro en K1 e C1 cadete feminino, Laura Alonso bronce en k1 Cadete feminino e prata en C1 cadete feminino, Andrea González prata en K1 cadete feminino e Guillermo Martínez bronce en K1 sénior masculino. Por equipos o Club Deportivo Miño,quedou primeiro, seguido do Club Tea de Mondariz e do Piragüismo Baiona en terceiro lugar.

domingo, 8 de abril de 2012

O CLUB DEPORTIVO MIÑO GAÑA A 2ª COMPETICIÓN DA COPA GALEGA DE SLALOM

Este domingo celebrouse en Padrón a 2ª Competición da Copa Galega de Slálom coa participación de sete clubs de toda Galicia. O Club Deportivo Miño acudiu con 13 Deportistas de distintas categorías, tres dos cales non puntuaron pois foron de abridores, xa que pertencían a categorías de promoción.
Ao final da xornada os Teixugos alzáronse un total de sete medallas: Tres medallas de ouro, dúas para Sara Vázquez nas categorías C1 e K1 muller xuvenil e outra para Laura Alonso en K1 muller cadete; dúas de prata, unha en K1 muller xuvenil para Andrea González e outra para Guillermo Martínez en K1 sénior homes; dúas de bronce para Laura Alonso en C1 muller xuvenil e outra para Marina Ruedas en K1 muller cadete.
Na suma final de puntos o Club Deportivo Miño-Teixugos quedou primeiro cun total de 217 puntos, seguidos polo Tea-Mondaríz con 139 e o terceiro lugar foi acadado polo Dumbría con 116 puntos.


1ª COMPETICIÓN DA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM- IRÚN

O 17 e 18 de marzo o club acudiu a localidade vasca de Irún para participar na 1ª Competición da Copa de España de Slálom, onde Guilermo Martínez e Claudia Otero entraron en Semifinais e chegaron a final Andrea González que rematou octava e Sara Vázquez que se fixo coa medalla de ouro na categoría K1 muller cadete. Na clasificación por clubs os Teixugos remataron en octavo lugar.
A próxima cita será o 14 e 15 de abril na Seu D´Ugell, en Lleida,o onde se celebrará a 2ª Competición da Copa de España.

domingo, 29 de enero de 2012

OS TEIXUGOS INICIAN A TEMPADA 2012 NA TAÇA IBÉRICA DE SLALOM

Este domingo celebrouse na localidade portuguesa de Covas, en Vilanova de Cerveira a Taça Ibérica de Slálom. Este torneo, puntuable para o campionato galego,estivo organizado polas federacións portuguesa e galega de piragüismo. Participaron tódolos clubs galegos de augas bravas e os do veciño Portugal. Os Teixugos acudiron con 10 piragüistas das categorías cadete, xuvenil e sénior que participaron nas modalidades C1, C2 e K1.
A proba, que tivo lugar ao longo de todo o día, constou de tres mangas: clasificatoria, semifinais e finais. Os Teixugos pecharon o día con catro ouros para Sara Vázquez en K1 e C1 junior, Marina Rueda en K1 cadete e Claudia Otero en C1 cadete; tres pratas para Andrea González en K1 junior, Marina Rueda en C1 cadete e Claudia Otero en K1 cadete; e tres bronces para Víctor González e Pablo Vicente en C2, Claudia Otero en K1 cadete, Andrea González en C1 junior. Na clasificación final por clubs o “Club Deportivo Miño-Teixugos” quedou en terceiro lugar por detrás do Águas Bravas Clube de Amarante e da Associaçao Desportiva tamén de Amarante, sendo polo tanto o club galego mellor clasificado.
Con esta xornada de irmandamento , dáse comezo a tempada 2012, que esperamos que sexa tan frutífera e positiva coma a pasada, na que o club tomiñés acadou o primeiro posto na Liga Galega de Augas Bravas.