domingo, 29 de julio de 2018

CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM, SEU D´URGELL:28-29/07/2018

Esta fin de semana celebrouse na localidade ilerdense de La Seu D´Urgell o Campionato de España de Slálom Olímpico, última das competicións da Liga Española de Slálom, e que ademais era selectiva para formar parte da selección española júnior, sub-23 e sénior. Nesta ocasión a representación do Club Deportivo Miño, non foi moi numerosa, só seis deportistas, pero si de alto nivel. 
Durante a mañá do sábado celebráronse as clasificatorias nun circuíto moi rápido e menos técnico, o que fixo que os resultados xerais da proba foran bos para todos, e, na tarde, aproveitando o mesmo circuíto, tiveron lugar as probas de patrullas ou slálom por equipos. E a mañá do domingo foi o momento de semifinais e finais das diferentes categorías individuais nun circuíto cun trazado moi técnico e difícil, que deu lugar a máis de unha sorpresa. 
Andrea González, a única representante galega da categoría máis numerosa e difícil, o K1 sénior feminino, fixo unha primeira baixada sen fallos pero algo lenta, que dado o elevadísimo nivel da proba non lle deu acceso a semifinais. 
Ariadna Pereira, en K1 muller cadete, as máis novas da competición, fixo unha boa baixada no sábado, pasando a semifinais coa terceira posición, xa no domingo, ante un circuíto tan difícil, tivo varias penalizacións, que a deixaron sen medalla, pero nunha envexable cuarta posición. 
Brais Castro, en C1 sénior home, baixou moi ben o sábado, rematando sexto e entrando directamente en semifinais, o domingo, logrou unha baixada, de novo limpa e sen penalizacións, pero cun tempo que o deixou fóra de finais, rematando oitavo do campionato. A suma de postos do sábado e do domingo, a falta de confirmación oficial, danlle a Brais a praza para os europeos sub-23, a celebrar en agosto en Bratislava.
 Luís Fernández, tamén en C1 sénior, xogábase medalla e posto na selección absoluta, baténdose pola praza con Ander Elósegui, quedando moi igualados, e, por unha polémica decisión arbitral na que se lle saca unha penalización ao representante vasco, Luís queda fóra da selección absoluta, aínda que mantén o seu posto na sub-23 de canoa. En canto a campionato de España, Luís fixo unhas clasificatorias impresionantes, logrando o segundo mellor tempo, xa nas semifinais, volveu facer unha baixada rápida e perfecta que o levaron a finais co primeiro lugar. A súa baixada final, aínda que rápida, tivo catro toques en portas que lle supuxeron oito segundos de penalización, deixándoo no cuarto lugar, a menos dun segundo da medalla. 
Emilio Rodríguez, na categoría veteranos, acadou a única medalla para o club da xornada. Tanto nas clasificatorias do sábado como nas finais do domingo, rematou segundo, por detrás do vasco Urko Zabaleta, o que lle valeu a medalla de prata da categoría.
 Manuel Ochoa, en K1 sénior, tamén se xogaba praza nos equipos nacionais, e non tivo sorte, a pesar da súa boa actuación. Esta é a categoría máis numerosa e tamén a máis igualada, o que reviste de gran dificultade acadar praza na selección. Na mañá do sábado entrou en semifinais cunha oitava posición, xa no domingo logra paso a finais co sétimo mellor tempo, que o deixan a un tris de entrar no equipo sub-23 de cáiac, pero de novo, un erro arbitral, ao non penalizar a un dos competidores o deixan fóra. Xa nas finais, fai unha baixada rapidísima, pero na última porta unha lixeira perda de tempo e un toque déixano fóra de medalla no sétimo lugar. 
Tamén participaron na modalidade de equipos ou patrullas na tarde no sábado. O equipo de C1 formado por Emilio, Luís e Brais rematou en octavo lugar e o de k1 formado tamén por Emilio e Brais ao que se uniu nesta ocasión Manu, rematou décimo segundo.
 Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño rematou a XIII Liga Española de Slálom Olímpico en noveno lugar. 
Para ver imaxes dos participantes galegos na competición preme AQUÌ 
 

domingo, 22 de julio de 2018

V COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, MONFORTE: 22/07/2018

Este domingo celebrouse en Monforte de Lemos a quinta proba da Liga Galega de Promoción de Slálom da que o Club Deportivo Miño-Teixugos retornou con nove medallas. 
Os podios da categoría infantil estiveron dominados polos teixugos e teixugas que acudiron ao evento. 
 En Infantil masculino, Sergio Rodríguez foi ouro en caiac e prata en canoa, Samuel Castro ouro en C1 e bronce en K1 , Alexis Segadaes prata en K1 e Mateo Álvarez rematou octavo en K1. 
En Infantil feminino, Ainhoa Barreiro dominou en K1 e foi segunda en C1, mentras que a súa compañeira de equipo e categoría Alba Soutelo foi primeira coa canoa e prata en caiac. 
Éxito total para os teixugos e teixugas na quinta Copa Galega, a vindeira cita dos padeeiros do Club Deportivo- Miño será a próxima fin de semana na Seu d`Urgell onde terá lugar o Campionato de España, nesta ocasión das categorías superiores.

 

CAMPIONATO MUNDIAL JÚNIOR E SUB-23, IVREA, ITALIA: 17 A 22/07/2018

Do 17 ao 22 de xullo celebráronse na canle italiana de Ivrea os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23. Nesta competición participan os mellores piragüistas do mundo das categorías júnior e sub-23 ou atletas sénior de 19 a 23 anos; sendo a competición máis importante do calendario internacional. 
Ano a ano, máis deportistas galegos superan os selectivos nacionais, dando fe do bo momento que atravesa o noso slálom. Cinco foron os galegos seleccionados para Ivrea: Lorena Costa do Piragüismo Dumbría en k1 júnior, Daniel Pérez do Penedo en C1 júnior, Ainhoa Lameiro en C1 e K1 júnior, tamén do Penedo de Caldelas e Luís Fernández en C1 sub-23 e Manu Ochoa en K1 sub-23 do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

Luís Fernández non tivo moita sorte nesta ocasión. Na mañá do 18 fixo a súa primeira baixada nas clasificatorias para semifinais de C1 sub-23, quedando vixésimo segundo, a apenas dous postos de semifinais, na segunda manga, tivo peor baixada, e por mor de 6 segundos de penalizacións por toques, quedou fóra. Na clasificación final do Campionato rematou trixésimo oitavo. 
No día anterior, Luís participou na modalidade de equipos, xunto co catalá Jordi Tebe e o segoviano David LLorente, tampouco a sorte acompañou, pois David sufriu unha rotura de pa na metade do percorrido que os descualificou. Na mañá do venres rematou a súa experiencia mundialista na modalidade de C2, na que acompañado de Clara González, rematou décimo; nesta modalidade, os seus compañeiros de equipo, David Llorente e Miren Lazkano, acadaron a medalla de ouro. 

Pola súa parte, Manuel Ochoa, no seu primeiro ano como sub-23, tivo mellor sorte. O mércores fixo unha moi boa primeira baixada nas clasificatorias de k1 sub-23 que o meteron directamente en semifinais. A primeira hora do domingo, xa en semifinais, fixo unha baixada impecable, sen penalizacións, pero non entra en finais, quedando a oito centésimas de segundo de logralo. Na clasificación final rematou en undécima posición, un posto máis que destacable para o primeiro galego que logra formar parte do equipo nacional de K1. 
Na modalidade de equipos, tamén chamada patrullas, xunto con Unai Nabaskues e David LLorente, fixeron un percorrido correcto, con só unha penalización de 2 segundos por un toque, pero algo lenta, que os deixou na sétima posición. 

En canto ao resto de representantes galegos, Lorena quedou nas clasificatorias, rematando cuadraxésimo cuarta, Daniel pasou a semifinais finalizando vixésimo e Ainhoa, que participou tanto en caiac como en canoa, facendo semifinais nos dous, rematou vixésima e vixésimo oitava, respectivamente. Destacar a medalla de bronce acadada por Ainhoa, en C2, formando equipo con Pau Echaniz. 

Os trazados dos circuítos foron de gran dificultade, o que deixou fóra a moitos dos favoritos, porque un fallo nestes niveis págase moi caro. Nas categorías individuais a única medalla española foi para Miquel Travé que acadou o primeiro posto en C1 Júnior, o palmarés español completouse con outro ouro para o equipo español de C1 feminino sub-23, o ouro de C2 mixto sub-23 e o bronce para C2 mixto júnior. 

Integrantes galegos do equipo nacional co seu adestrador David Pérez

lunes, 16 de julio de 2018

2ª COPA DE ESPAÑA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, SORT: 14-15/07/2018

Esta pasada fin de semana tivo lugar na localidade catalá de Sort a segunda das competicións da Liga Nacional de “Jóvenes Promesas de Slálom”. Na xornada do sábado tiveron lugar as clasificatorias e no domingo semifinais e finais, nun circuíto rápido e con moitas partes técnicas, que fixo que, xunto coa gran cantidade de auga que baixaba, fora de gran dificultade. O Club Deportivo Miño acudiu con seis deportistas que tiveron unha destacada actuación. En K1 Cadete Ariadana Pereira acadou a primeira das medallas para os Teixugos ao rematar segunda, por detrás de Valentina Torras do Cadí Canoe Kayak. En K1 Infatil A Alba Soutelo non conseguiu superar as clasificatorias por moi pouquiño, a súa compañeira Ainhoa Barreiro superou as clasificatorias en segunda manga e pasou as semifinais do domingo, rematando en sétima posición. Estas mesmas deportistas participaron tamén na modalidade de canoa ou C1, nesta modalidade ámbalas dúas entraron en semifinais, Ainhoa non acadou final, rematando octava, pola súa banda, Alba, fixo final, e despois dunhas moi boas baixadas en clasificatorias e semifinais, fallou en finais, o que a deixou fóra do medalleiro, pero nun envexable quinto lugar. En K1 Infantil A, pero masculino, Alexis Segadaes non acadou as semifinais do domingo, Samuel Castro acadou semifinais, pero non conseguiu entrar nas finais rematando undécimo. Sergio Rodríguez tivo unha moi boa actuación, facendo final, e rematando en cuarto lugar a menos dun segundo de medalla. Samuel e Sergio tamén participaron en C1, neste caso Sergio fixo semis, pero non finais, rematando décimo. Pola súa banda Samuel conseguiu a outra medalla para o club, ao rematar segundo,so por detrás de Markel Imaz do Atlético San Sebastián. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño- Teixugos quedou quinto. Para esta Copa de España, os Teixugos compartiron experiencia e viaxe cos integrantes do Club Tea de Mondariz. Durante estas competicións nenas e nenos aproveitan para facer turismo, coñecer mellor os lugares aos que acoden e convivir e facer amizades con nenas e nenos do resto de España e Portugal. Na noite do xoves, Tea e Teixugos, participaron xuntos no rafting nocturno, e as mozas fixeron podio co seu terceiro lugar. O slálom é máis que deporte, é unha forma de vida.
 

domingo, 1 de julio de 2018

1ª COPA DE ESPAÑA JÓVENES PROMESAS, ARFA: 01/07/2018

Esta fin de semana tivo lugar na localidade catalá de Arfa, na Seu d´Urgell, a 1ª Copa de España “Jóvenes Promesas” no que participan piragüistas de toda España das categorías cadete, nenas e nenos nacidos no 2002 e 2003, infantil A, ou nacidos no 2004 e infantil B do 2005. 

Durante o sábado celebráronse dúas mangas clasificatorias e o domingo tiveron lugar as finais, rematando O Club Deportivo Miño con tres medallas no seu haber, unha de prata e dúas de bronce, e conseguindo meter a case todos os seus deportistas en finais, todo un logro para o club. 

A representación do Club Deportivo Miño-Teixugos estivo formada por seis deportistas. 
En K1 Cadete Feminino, Ariadna Pereira, acadou a quinta posición. 
 En K1 Infantil A, Ainhoa Barreiro foi oitava e Alba Soutelo novena. Estas mesmas deportistas baixaron tamén en C1, onde Alba acadou unha moi merecida medalla de bronce ao rematar terceira, a súa compañeira Ainhoa acabou oitava. 
En K1 Infantil A masculino, Alexis Segadaes, non conseguiu entrar nas finais, Samuel Castro foi undécimo e Sergio Rodríguez alzouse coa medalla de prata da categoría ao rematar segundo. Estes últimos tamén participaron en C1, onde Sergio quedou fóra de finais e Samuel fíxose coa terceira medalla para o club, neste caso de bronce.
Na clasificación final, o Deportivo Miño-Teixugos rematou cuarto, sendo o club galego mellor clasificado.

LUÍS FERNÁNDEZ, UN TEIXUGO NO EQUIPO NACIONAL

Os meses de xuño e xullo forno datas intensas para o piragüista Luís Fernández. Este canoísta de Salceda de Caselas, integrante do Club Deportivo Miño- Teixugos, logrou superar os selectivos nacionais de slálom e entrar a formar parte do Equipo Nacional absoluto, na modalidade C1 o pasado mes de maio. Luís é o único galego que conseguiu forma parte deste Equipo Nacional.

A súa participación na Liga Internacional comezou en Praga onde se celebrou o Campionato de Europa do 3 ao 6 de xuño. Nesta competición non lle foi moi ben, quedando fóra de semifinais e rematando no trixésimo noveno lugar.

Do 21 ao 24 de xuño participa na 1ª Copa do Mundo na localidade eslovaca de Liptovsky Mikulas, onde Luís fixo o seu mellor papel. Nesta ocasión comezou con bo pé, cunha primeira baixada, na que a pesares de facer bo tempo, non acadou semifinais, cousa que si fixo no segundo intento. En semifinais a súa baixada foi impecable e rápida, quedando a segundo e medio de entrar en finais. Rematou finalmente na décimo sétima posición.

Esta pasada semana rematou esta primeira fase internacional en Cracovia, Polonia, onde do 28 de xuño ao 1 de xullo se celebrou a 2ª Copa do Mundo. Nesta ocasión fixo dúas boas baixadas, pero non deu entrado en semifinais, quedando a só dous segundos de logralo. Rematou trixésimo noveno.

Quédanlle agora por diante uns días de descanso, para en breve tomar rumbo a Ivrea, Italia, onde participará no Campionato do Mundo Sub-23.