domingo, 16 de junio de 2024

TEIXUGO MANU OCHOA IMPRESIONANTE NA 3ª COPA DO MUNDO DE CAIAC CROSS

 

    Este domingo celebrouse na canle de Kolna en Cracovia a terceira Copa do Mundo de Slálom, última cita internacional antes dos Xogos Olímpicos. O tomiñés Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foi convocado coa selección española para participar na modalidade de caiac cross xunto co donostiarra Pau Etxaniz. 

    A proba comezou coa xa habitual contra reloxo para determinar as 32 embarcacións que pasarían a oitavos. Manu fixo unha gran baixada que o colocou no cuarto posto, a menos dun segundo do primeiro clasificado. Tanto en octavos de final como en cuartos gañou con claridade a súa series, nas semifinais tivo peor fortuna e non conseguiu pase a finais por ben pouco. Rematou esta Copa do Mundo nunha impresionante sétima posición que o reafirma entre os mellores do mundo. 

    Manu Ochoa agarda nestes momentos a decisión do comité técnico da Federación Española para ver que deportista representará a España en París. Terán que elixir entre el, o segoviano David LLorente, que non participou nesta copa, e o donostiarra Pau Etxaniz que rematou trixésimo sexto. Os criterios que seguirán para tomar a decisión non se coñecen.








domingo, 9 de junio de 2024

O TEIXUGO MANU OCHOA GAÑADOR DA 2ª COPA DO MUNDO DE CAIAC CROSS

 

     Do 7 ao 9 de xuño celebrouse na canle da augas bravas do río Moldava, en Praga, a segunda Copa do Mundo de Slálom. Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foi convocado coa selección nacional como integrante do equipo de caiac cross. A competición desta nova e emocionante modalidade do slálom adquiriu gran importancia en Praga, pois estaban en xogo seis prazas para os xogos olímpicos de París. Os mellores especialistas do mundo de cross acudiron ao evento no intento de acadar unha delas para o seu país. 

    O caiac cross comeza sempre cunha contra reloxo, neste caso pasaban os 41 mellores dos oitenta participantes. O teixugo Manu Ochoa entrou con comodidade ao rematar undécimo na tarde do sábado. 

    O domingo tiveron lugar os enfrontamentos, catro deportistas fan a vez o circuíto, os dous primeiros pasan a seguinte fase e os dous últimos quedan eliminados. Ata catro enfrontamentos superou Ochoa para meterse nas finais. Nestes momentos xa sabía que unha das prazas olímpicas era para España, pois na final metéranse dous franceses e so era posible unha praza por país. Na final enfrontouse os franceses Neveu e Madore e o xermano Roeller, dende o primeiro momento estivo en cabeza, gañando con claridade aos tres. 

    Primeira medalla de ouro nunha Copa do Mundo para Manuel Ochoa en caiac cross, primeira tamén para España nesta nova modalidade que gaña adeptos pola súa espectacularidade. Nova praza olímpica para España, aínda que falta determinar cal será o deportista que a ocupe. A seguinte cita internacional de Ochoa será o 15 e 16 de xuño en Cracovia, na terceira Copa do Mundo, e, de novo, só en cross. 




 

domingo, 2 de junio de 2024

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NA COPA DO MUNDO DE AUGSBURG

     Ao longo desta semana disputouse en Augsburg, Alemaña, a 1ª Copa do Mundo de Slálom na que se deron cita os mellores deportistas do mundo de canoa, caiac e caiac cross. A Federación Española enviou ao evento o equipo B, onde acadaron praza Luís Fernández en C1 e Manuel Ochoa en K1 e Caiac Cross. 

 


    Empezaron moi ben as cousas para Manu Ochoa na mañá do xoves. Na primeira manga clasificatoria fixo unha gran baixada, rematando décimo quinto e acadou pase directo a semifinais. O venres, en semifinais, fixo un bo percorrido, comezando moi rápido pero foi baixando o ritmo, quedando lonxe da final. Rematou a proba vixésimo oitavo. 


 

    Luís Fernández non conseguiu superar as clasificatorias de C1. Na primeira ronda, dúas penalizacións por toques, deixárono a menos dun segundo de conseguilo, e, na segunda, intentando apurar ao máximo, pasou unha das portas moi axustado, sendo penalizado con 50 segundos, quedando lonxe do tempo das semifinais. Rematou a proba no posto cincuenta e un. 


 

    O domingo, Ochoa competiu en caiac cross. Esta proba comeza coa contra reloxo para acadar posto nos enfrontamentos. A pesar de ser un especialista nesta modalidade, un erro ao tomar unha porta de remonte, fixérono perder segundos quedando fóra dos enfrontamentos. Rematou trixésimo sexto. 

    Tres foron os galegos que superaron os selectivos para estar no equipo nacional. Xunto cos dous deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos, estivo Ainhoa Lameiro do Piragüismo Penedo, que quedou as portas de semifinais, a décimas de segundo de conseguilo, rematando trixésimo sétima. 

    A próxima cita internacional de Manuel Ochoa será nunha semana en Praga, como parte do equipo español de caiac cross, onde loitará por acadar unha das tres prazas olímpicas que se disputan. Para Luís será en setembro en Ivrea, na penúltima Copa do Mundo.