domingo, 28 de julio de 2024

OS TEIXUGOS GAÑADORES DA III COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN MONFORTE

 

    Este domingo, Monforte de Lemos, acolleu a terceira das competicións da Copa Galega de Promoción de Slálom. As augas do río Cabe recibiron a oitenta e cinco pequenos deportistas das catro provincias galegas. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento cunha gran representación formada por dezasete nenos e nenas. 

    A nosa única representante en canoa ou C1 foi Nerea Álvarez, que, na categoría infantil, acadou a medalla de prata. En caiac infantil feminino ou K1, Leila Álvarez gañou a proba, colgándose o ouro, Nerea Álvarez conseguiu o bronce, Beatriz Sánchez foi sexta e Catalina Sánchez, sétima. En infantil masculino, Iván Cruz rematou cuarto, Alejandro Barreiro quinto, Izan Vicente sétimo, Xurxo Ríos noveno e Leo Álvarez undécimo. 

En K1 alevín feminino medalla de ouro para Rita Olveira. En masculino, Lois Montenegro fíxose tamén coa medalla de ouro e Martín Vicente foi sétimo. 

Na categoría benxamín só houbo participación masculina, e nova medalla de ouro a cargo de Roque Olveira, Nicolás Piñeiro foi cuarto e Brais Vicente sexto. 

En K1 pre-benxamín Iria Álvarez gañou na categoría feminina e Marcos Río conseguiu o bronce co seu terceiro lugar. 

Impresionantes as categorías máis novas do club con estas oito medallas, cinco delas de ouro. Na clasificación final por clubs o Deportivo Miño -Teixugos gañou a proba cun total de 261puntos, seguido do club anfitrión, o Montaña Quixós, con 252 e o Piragüismo Dumbría con 170. 

A vindeira cita dos Teixugos será histórica, pois, o venres, comezará a súa participación nos Xogos Olímpicos de París, Manu Ochoa. O Teixugo é o primeiro galego en clasificarse para unha proba olímpica na modalidade de slálom.

 











lunes, 15 de julio de 2024

BOA ACTUACIÓN DOS TEIXUGOS NA 4ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN DUMBRÍA

Esta fin de semana o concello de Dumbría acolleu a 4ª e última das Copa de España de Slálom. Máis de 200 deportistas de toda España se deron cita nas augas do río Xallas no campo e slálom do Couquiño. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con catro deportistas, que a pesares de non acadar medallas, desempeñaron un gran papel ao longo das dúas xornadas. 


Luís Fernández, especialista na modalidade C1, competiu nesta ocasión en K1 sénior por mor dunha pequena molestia nun xeonllo. A pesares de non ser a súa especialidade, conseguiu entrar en finais nos dous días. O sábado rematou oitavo e o domingo décimo.

 Brais Castro, en C1 sénior, fixo unha gran competición, acadando as finais tamén nas dúas xornadas. O sábado finalizou en sétimo lugar e o domingo sexto, firmando a mellor actuación do teixugos. 

Alba Soutelo non competiu na súa modalidade habitual C1 por lesión, participando en K1 sénior, onde logrou meterse en finais o sábado, rematando décima. O domingo foi duodécima. 

Laura Alonso, tamén en K1 sénior , rematou undécima tanto sábado como domingo, quedando a un posto de finais ámbalas dúas xornadas. 

Na clasificación por Clubs, o Deportivo Miño-Teixugos rematou décimo o sábado e noveno o domingo. Destacar o terceiro lugar acadado polo Club Tea de Mondariz, xa que poucas veces un modesto club galego consigue subir ao podio dos equipos.