domingo, 25 de agosto de 2024

AS TEIXUGAS LEILA E NEREA INTEGRANTES DA SELECCIÓN GALEGA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM POR AUTONOMÍAS

     Esta fin de semana celebrouse en Calasparra, Murcia, o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Slálom e Caiac Cross de Novas Promesas. Nas augas do río Segura, déronse cita os mellores deportistas de cada Comunidade Autónoma das categorías cadete e infantil. O sábado disputáronse as probas de slálom, caiac, canoa e patrullas; e, o domingo, as probas de caiac cross. 

    A Federación convocou a Leila Álvarez e Nerea Álvarez, do Club Deportivo Miño-Teixugos, como integrantes da selección galega. 



 

    O sábado, Leila Álvarez, en K1 infantil, rematou a proba en décimo lugar. O domingo, en caiac cross, volveu a acadar o décimo posto. 

    Nerea tivo dobre participación, xa que o fixo en C1 e K1 infantil. En K1 rematou a proba duodécima e en C1 foi décima. O domingo en caiac cross foi décimo terceira. 

    Tamén no sábado se celebrou a competición de patrullas ou equipos, na que os tres integrantes deben facer xuntos o circuíto. Leila e Nerea, formando parte do equipo de k1 de Galicia xunto a Freixa Rey acadaron a medalla de bronce. Nerea volveu a facerse con outra medalla, tamén de bronce, co equipo de C1 xunto a Uxía Cortegoso e Freixa Rey. 

    Gran papel destas pequenas teixugas que viviron unha gran experiencia deportiva e social en terras de Murcia, xunto a pequenos deportistas de outras autonomías. 

    Na clasificación final por autonomías a Federación Galega rematou terceira por detrás da Federación Catalá e da Vasca. 


 








 


 

lunes, 12 de agosto de 2024

OS TEIXUGOS, SEGUNDO MELLOR CLUB NA IV COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN DUMBRÍA

     Seguen as competicións da Liga Galega de Promoción de Slálom, nesta ocasión no concello de Dumbría, no campo de slálom do Couquiño, celebrouse este sábado a cuarta competición da Copa Galega de Promoción de Slálom. A finalidade destas competicións é a promoción deste deporte e fomentar a actividade física entre os máis novos. O Club Deportivo Miño acudiu con un gran equipo formado por quince nenos e nenas. Todos eles fixeron dúas baixadas do circuíto, contando a mellor das dúas para determinar a súa posición final. 

    Abriu a competición Nerea Álvarez, en C1 Infantil. A  única representante do club en canoa, rema de xeonllos e cunha soa folla na pa, acadou o cuarto lugar, a centésimas de segundo de acadar a medalla de bronce. 

O resto de representantes  competiron en K1 onde se rema sentado e con dúas follas na pa.

    O K1 Infantil Masculino, tivo moita representación do club; Iván Cruz rematou cuarto, Izan Vicente, sexto, Alejandro Barreiro, sétimo, Leo Álvarez, noveno e Xián Pérez décimo. 

    En K1 Benxamín Masculino, Roque Olveira foi o gañador da proba, conseguindo unha medalla de ouro, e o seu compañeiro Brais Vicente quinto. 

    En K1 Alevín Masculino, Lois Montenegro acadou a medalla de bronce e Martín Vicente foi sétimo. 

    En K1 Infantil Feminino, Leila Álvarez conseguiu a medalla de prata ao rematar segunda, Nerea Álvarez foi cuarta, Catalina Sánchez sétima e Beatriz Sánchez oitava. 

    En K1 Alevín Feminino, Rita Olveira gañou con claridade, acadando a medalla de ouro. 

    En K1 Prebenxamín Feminino, a teixuguiña máis nova, Iria Álvarez, tamén acadou a medalla de ouro. 

Bo balance para os Teixugos a nivel de podios con tres ouros unha prata e un bronce. Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño -Teixugos, rematou segundo cun total de 206 puntos por detrás do Montaña Quixós con 253 e diante do Club Tea de Mondariz con 146.


 







 

miércoles, 7 de agosto de 2024

OPINIÓN: MANU OCHOA, O MEU FILLO OLÍMPICO

     Son a nai de Manu Ochoa, piragüista de augas bravas e olímpico. Levo anos redactando novas do Club Deportivo Miño-Teixugos (con pouca calidade periodística, seino) intentando dar un pouquiño de visibilidade a este deporte que é pura poesía sobre a auga. Penso que algo conseguín, pouquiño, pero algo si. Cando redacto as novas (mal e cutremente, xa o sei) intento falar obxectivamente, é certo que as veces non vos digo que esa medalla de ouro a conseguiu porque non había máis que un competindo, ou que o bronce foi un terceiro posto de tres... pero o que eu pretendo e que vos enganchedes a este deporte, tan marabilloso, e se coa venta de medallas na prensa o consigo, pois a min váleme.

Cando nesas novas aparece meu fillo, parece un máis, porque intento ser obxectiva. Hoxe non o vou a ser, tampouco vou omitir verdades. A verdade é que meu fillo é moi bo, a altura dos mellores de España. Con catorce anos deixou a casa para ir ao centro de tecnificación, con dezasete foise para a Seu DÚrgell para poder seguir coa súa preparación. Solo, co noso apoio, iso si, pero solo. Pouquiño a pouco foise gañando un lugar a pulso na elite, el, un ninguén(como diría Neira Vilas). Varias veces conseguiu formar parte da selección nacional, e iso xa vos digo que é moi complicado, porque Manuel está solo. Direivos, como exemplo, para que vexades ata que punto é dos mellores, que entre os que compiten con el para formar parte da selección están fillos de adestradores olímpicos, de ex adestradores olímpicos, outros teñen familiares no equipo arbitral (non abrades moito os ollos, si, é certo, pais, nais, irmá, primos,...), a ver, que igual son imparciais, tampouco sexamos mal pensados, pero o dato está aí. Non tiña diñeiro para caiacs, así que mentres os demais tiñan dous ou tres cada ano, el tiña un, que aprendeu a reparar, para tres anos.

 

Cando apareceu o caiac cross, el empezou a destacar, porque é un deportista con moita forza. Cando o fixeron modalidade olímpica el viu unha posible vía para cumprir o seu sono, ir a unhas olimpíadas. Era un novo deporte, empezou a estudar técnicas e estratexias para ser o mellor, a adestrarse deixando un pouco de lado o slálom tradicional. Eu deixábao soñar, pero confianza pouca, non pola súa capacidade, senón porque sempre pensei que a Federación mandaría a calquera outro. Cando gañou en Praga, a Federación e o equipo técnico foron con el a morte, e elixírono para representar a España nos Xogos de París. Cremos que se gañou o respecto de todos co seu traballo e deportividade ao longo dos anos.

Antes de seguir, aclarar que as augas bravas nada teñen que ver coas tranquilas. As veces reciben o nome de augas vivas, porque literalmente están vivas. Un deportista de slálom ten un vocabulario especial para nomear os comportamentos das augas e as accións: rulo, rebufo, contra, dar casco, circular,remonte...e as veces no slálom non manda o deportista, manda a auga...

Despois da introdución( ben longa, perdoade) paso a contarvos o paso de Manu Ochoa por París.

Primeiro día, conta o reloxo, na que un fallo (non foi tal, xa vos dixen antes que as augas bravas están vivas, e pillouno un golpe que o levou para abaixo) na maldita porta oito, fixo que perdera varios segundos. Rematou décimo, décimo entre os mellores, a pesares do fallo.

Segundo día, enfrontamentos. Había doce series, encabezadas polos doce mellores tempos. El encabezou a serie 10, gañouna con claridade, como moita xente puido ver. Quedaron 32 deportistas para a seguinte fase.

Terceiro día, clasificatorias. Oito series de catro. Gaña a súa serie de forma clara e pasa a cuartos de final. Quedan 16 deportistas.

Cuarto día, cuartos de final. Aquí a cousa xa se complica, pois solo quedan os mellores. O de remar coma un tolo e fuxir diante xa é unha estratexia que se pode complicar, porque os do lado xa son tan rápidos coma ti. Saíu con dorsal verde, isto quere dicir que foi o segundo en elixir o posto de saída na rampla. O primeiro, o dorsal vermello, Joe Clark, o mellor do mundo nestes intres. E aínda así, gañou, Clark intentou  gañar, pero non puido. Os alí presentes dando saltos, e ...aparece a falta, falta na porta oito. A falta foi dubidosa, e moito, porque tardaron moito en dar resultado oficial. Parte do equipo arbitral considerou que si, outros que non, ao final gañou o si. Rematou os xogos na decimocuarta posición, que non é pouca cousa, ao meu modo de ver.

Deixádeme rematar facendo referencia aquí ao titular de prensa dun coñecido(e pouco respectado, pola miña banda) periódico: “Una precipitación innecesaria deja a Manu Ochoa fuera de las semifinales en kayak cros” ...pero...que sabe esta xente de caiac cross?, como se sentirá o deportista(xa devastado) vendo semellante titular?, que pasa con aquilo da saúde mental?...En fin, señores... a precipitación era necesaria porque tiña que gañar a serie, e tiña que gañar  porque dado o mal tempo que fixo na contra o reloxo se chega a entrar segundo, asignaríanlle o dorsal amarelo, sen dereito a escoller na rampla, levándoo a unha posición no que gañar sería case imposible, dependendo unicamente dos fallos dos demais. Maialen Chourraut perdeu a súa serie e ela explicouno ben: “He salido desde la calle 4 y era casi imposible sacar la carrera adelante” por si pensades que intento xustificar a meu fillo.

E ata aquí a miña primeira e última crónica dende a alma e dende o corazón. Espero seguir informando(con artigos de baixa calidade, seino) de forma obxectiva e promocionando o slálom en Tomiño durante moitos anos.