domingo, 23 de febrero de 2025

FIN DE SEMANA DE ALTA COMPETICIÓN PARA OS TEIXUGOS MANU OCHOA E LUÍS FERNÁNDEZ

    Fin de semana de competición de alto nivel para os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa. 

    Manuel Ochoa atópase en Australia concentrado coa selección nacional, adestrando na canle de augas bravas de Penrith. Como remate desta concentración, esta fin de semana participaron no Australian Open, puntuable para o ranking mundial. Manu participou nas modalidades de k1 e cross . En K1 nas clasificatorias non deu acadado as finais, rematando vixésimo terceiro dun total de sesenta deportistas. En caiac cross rematou a contra reloxo undécimo, o que o meteu sen problemas nas loitas, superou octavos, cuartos e caeu nas semifinais, rematando a competición sétimo. 

    Luís, pola súa banda, foi o único representante dos Teixugos na 1ª Copa de España celebrada en Irún. As augas do rio Bidasoa recibiron ao mellor do panorama nacional en slálom. Cada Copa de España consta de dúas competicións, unha sábado e outra domingo, coas súas respectivas clasificatorias e finais. Luís Fernández competiu na modalidade de C1 sénior masculino. O teixugo entrou nas finais ámbolos dous días, rematando tanto sábado como domingo en quinto lugar, as dúas baixadas de finais levaban tempo de medalla pero as penalizacións por toques relegárono a este quinto posto. 


 

domingo, 9 de febrero de 2025

SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA XV TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

    As augas do Coura acolleron esta fin de semana a XV Taça Ibérica de Slálom. Esta competición tranfronteiriza, organizada polo Deportivo Miño-Teixugos e a Federación Portuguesa de Canoagem, leva xa quince anos reunindo a deportistas galegos e portugueses na aldea de Covas, en azenha de Pagade. Ao longo do sábado disputáronse as clasificatorias e as semifinais, quedando as finais para o domingo.

     Un total de 164 deportistas acudiron a cita que puntuaba para a Liga Portuguesa e para a Liga Galega. Do Club Deportivo Miño-Teixugos acudiron ao evento un total de dezasete piragüistas. 

 


    En K1 Home Veterán Emilio Rodríguez dominou nas tres mangas, rematando coa medalla de ouro da categoría. 

    En K1 Home Infantil Lois Montenegro foi o mellor dos teixugos ao rematar sexto, Alejandro Barreiro foi undécimo, Leo Álvarez duodécimo e Izán Vicente décimo terceiro. 

    En K1 Home Cadete Brais Álvarez quedou décimo segundo e Iván Cruz décimo oitavo. 

    En K1 Muller Infantil, as irmás Nerea e Leila Álvarez dominaron a proba e conseguiron ouro e prata respectivamente, na mesma categoría Rita Olveira foi cuarta, Catalina Sánchez foi quinta e Beatriz Sánchez sexta. 

    En K1 Muller Cadete, Daniela Otero rematou novena. 

    En K1 Muller Sénior Laura gañou clasificatorias e semifinais e na final quedou segunda, levándose a prata da máxima categoría , na que Ainhoa Barreiro rematou sétima e Alba Soutelo oitava. 

Na modalidade de canoa ou C1 a participación foi máis reducida pero frutífera a nivel de podios. Alba Soutelo gañou en C1 muller sénior, dominando con claridade nas tres baixadas. En C1 Infantil Nerea Álvarez tamén conseguiu un ouro; e, en C1 sénior home, Brais Castro, cunha gran participación acadou un bronce. 

    Un total de sete podios para os Teixugos nesta XV Taça Ibérica con catro medallas de ouro , dúas de prata e unha de bronce. 

    Na clasificación final por equipos, o gañador da Taça foi o Club Tea de Mondariz Balneario, seguidos do Aventura Marao Club e en terceiro lugar o Montaña Quixós de Monforte. O Club Deportivo Miño rematou no cuarto posto. 


 














 











domingo, 2 de febrero de 2025

SEIS MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA COPA IBÉRICA DE SLÁLOM

    Nas augas do río Tea, en Mondariz Balneario, deu comezo a tempada de slálom deste ano 2025 coa Copa Ibérica de Slálom. Éxito total desta proba organizada polo Club Tea de Mondariz, cun río nunhas condicións inmellorables para esta modalidade e cunha gran participación nesta primeira cita do ano. Cento oitenta saídas de participantes de dezaoito clubs, acudiron á cita clubs casteláns, asturianos, portugueses e galegos, para estes últimos os resultados contaban como a primeira Copa Galega de Slálom. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun gran equipo de dezaoito deportistas que deron o mellor de si mesmos nesta xornada de competencia e convivencia. 

    En K1 muller infantil a proba estivo dominada polas teixuguiñas, Nerea Álvarez foi a gañadora da proba, Leila Álvarez foi prata, Rita Olveira bronce, Catalina Sánchez cuarta e Beatriz Sánchez sexta. Nerea Álvarez levou unha segunda medalla de ouro na categoría C1 muller infantil. 

    En K1 muller cadete, Daniela Otero foi octava. 

    En K1 muller sénior Laura Alonso acadou a medalla de prata, Ainhoa Barreiro foi octava e Alba Soutelo novena. Alba tamén participou en C1 onde rematou quinta. 

    En K1 home veterano Emilio Rodríguez dominou a proba en tódalas baixadas colgándose o ouro na final. 

    Na categoría K1 home Infantil os mellores clasificados foron Izan Vicente que rematou sétimo e Lois Montenegro noveno, os dous acadaron a final. Na mesma categoría Xurxo Río foi duodécimo, Leo Álvarez décimo quinto e Alejandro Barreiro décimo sexto.      

    En K1 home cadete Brais Álvarez chegou a semifinais rematando undécimo e Iván Cruz décimo noveno. 

    En C1 home sénior Brais Castro rematou undécimo.

     Na clasificación final por equipos o gañador foi o Tea de Mondariz e o Deportivo Miño quedou noveno. 

    A próxima semana nova cita co slálom nas augas do Coura onde se celebrará a XV Taça Ibérica de Slálom.