domingo, 30 de marzo de 2025

MEDALLA DE PRATA PARA LUÍS FERNÁNDEZ NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM

     Esta fin de semana celebrouse na canle do Parc Olimpic do Segre a 2ª Copa de España de Slálom e a 1ª de Caiac Cross. Solo Luís Fernández e Manuel Ochoa acudiron en representación do Club Deportivo Miño-Teixugos. Para os dous teixugos a competición tiña gran importancia pois forma parte dos selectivos para o equipo nacional que acudirá ás diferentes competicións internacionais. 

    O sábado celebrouse a 1ª Copa de España de Caiac Cross, que comezou con dúas baixadas a contra reloxo, que eran as que puntuaban para os selectivos, seguidas dos enfrontamentos. O domingo foi o día para o slálom coa celebración da 2ª Copa de España, na que os deportistas fixeron unha baixada clasificatoria e os doce primeiros pasaban á final. 

    Luís Fernández comezou o sábado a súa participación en caiac cross, na contra reloxo rematou décimo cuarto, entrando nos enfrontamentos, superou os cuartos de final e caeu nas semifinais. O domingo chegoulle o momento ao slálom, Luís, fixo fronte ás clasificatorias en C1 que superou cun gran tempo, pero con dúas penalizacións nas portas 6 e 7 que o deixaron no sexto lugar. Na final volveu facer unha gran baixada, que só mellorou o catalá Marc Vicente, rematando en segundo lugar, e conseguindo a medalla de prata.  

    Manu Ochoa comezou o sábado coas dúas contra reloxo de caiac cross, e demostrou o seu dominio da modalidade ao gañar as dúas rondas, obtendo a máxima puntuación posible para os selectivos nacionais. Renunciou despois a participar nos enfrontamentos para evitar o desgaste físico e reservarse para o slálom do día seguinte. O domingo en K1 conseguiu entrar nas finais ao rematar sexto nas clasificatorias, e xa na finais, a piques estivo de subir ao podio, rematando cuarto. 

    En quince días, tanto Luís como Manu, volveran a competir en Orthez, na segunda proba dos selectivos para o equipo nacional, loitando por unha praza no equipo español. 




domingo, 16 de marzo de 2025

GRANDES RESULTADOS PARA MANU OCHOA E LUÍS FERNÁNDEZ NA COPA PIRINEOS

Ao longo destas dúas últimas fins de semana celebrouse a Copa Internacional do Pirineos, unha competición internacional de slálom, puntuable para o ranking mundial, que se celebra en dúas canles emblemáticas do Pirineo: o Stade d'Eaux Vives de Pau en Francia e o Prac Olimpic do Segre na Seu d'Urgell en España. Este torneo reúnen a deportistas dos cinco continentes, esta edición caracterizouse por unha elevadísima participación, con máis de cincocentos deportistas de vinte e tres países. Cada fin de semana hai unha competición diferente que puntúa por separado no ranking da federación Internacional, o 7 e 8 de marzo en Pau e o 15 e 16 na Seu. A suma de puntos das dúas competicións determina os gañadores absolutos.



Luís Fernández e Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos acudiron con vistas a prepararse e mellorar o seu posto no ranking mundial, cara aos selectivos para formar os distintos equipos nacionais.

Na primeira competición en Pau, nin Luís en C1, nin Manu en K1, tiveron unha boa actuación, ámbolos dous fixeron unhas malas clasificatorias, rematando moi lonxe dos doce primeiro postos que permitían un acceso a finais. As cousas foron moito mellor para Ochoa en caiac cross, na contra reloxo acabou sétimo, gañou as loitas de octavos, cuartos e semifinais, chegando a finais, onde rematou segundo por detrás do francés Gael Adisson.

Esta fin de semana, na Seu d´Urgell as cousas foron moito mellor para os dous “teixugos”. Luis estivo brillante cun cuarto posto nas clasificatorias que mellorou nas finais, acadando a prata, solo superado polo catalá Miquel Travé. Manu foi sétimo nas clasificatorias, conseguindo o pase á final, onde un fallo na última das portas o deixaron nun meritorio décimo sétimo lugar. En caiac cross, Manu Ochoa, volveu demostrar o seu dominio da modalidade, gañando a contra reloxo e tódalas series ata chegar á final, onde entrou terceiro.

Na suma final das dúas competicións, Luís quedou décimo cuarto en canoa e Manu trixésimo quinto en caiac e segundo en caiac cross.








 

domingo, 9 de marzo de 2025

GRAN COMEZO DE TEMPADA PARA OS MÁIS PEQUENOS DO DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGOS

 

    Este domingo celebrouse na praia fluvial do Cordeiro, en Salvaterra, a 1ª Copa Galega de Promoción de Slálom. As augas do río Tea acolleron esta primeira competición da Liga Galega de Promoción, destinada a nenos e nenas de idades comprendidas entre os sete e os trece anos. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento con doce pequenos deportistas que gozaron do deporte e a amizade. 

     Na categoría infantil feminina as nosas padexeiras dominaron a competición. En canoa Nerea Álvarez impúxose cun gran tempo e Leila Álvarez foi segunda na súa estrea na modalidade. En caiac o podio foi enteiramente teixugo, Leila gañou o ouro, Nerea a prata e Rita Olveira, na súa primeira competición como infantil, acadou o bronce; Catalina Sánchez foi cuarta e Beatriz Sánchez sétima. 

    Pola súa banda, Iria Álvarez, en k1 benxamín, foi a gañadora da proba. 

    En K1 Infantil masculino Izan Vicente foi quinto, Lois Montenegro sexto ,Alejandro Barreiro oitavo e Leo Álvarez duodécimo. 

    En K1 Alevín, Roque Olveira acadou o ouro ao facer a mellor manga da categoría e Martín Vicente acabou quinto. 

    Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos gañou a proba cun total de 219 puntos, segundo foi o Montaña Quixós de Monforte con 147 e terceiros o Piraguismo Penedo de Tui con 97.