domingo, 27 de abril de 2025

SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO GALEGO DE NOVAS PROMESAS DE SLÁLOM

    Este domingo celebrouse no campo de slálom de Covas, Vila Nova de Cerveira, o Campionato Galego de Nova Promesas de Slálom. Deportistas das categorías cadete e infantil demostraron as súas habilidades e nivel deportivo nas augas do río Coura. A competición, organizada polo Club Deportivo Miño-Teixugos, contou con moi boas condicións de caudais de auga. 

    Once foron os deportistas que representaron ao club Tomiñés nesta xornada. 

    Na categoría Infantil Feminina, en C1 muller Infantil Nerea proclamouse campioa galega e a súa irmá Leila subcampioa. 

    En K1 dominio total das teixugas, Rita Olveira campioa galega, Nerea Álvarez subcampioa, medalla de bronce para Catalina Sánchez, cuarto lugar para Leila Álvarez e quinto para Beatriz Sánchez. 

     En K1 Infantil Masculino, Lois Montenegro conseguiu o bronce, Izan Vicente foi sexto, Alejandro Barreiro sétimo e Leo Álvarez undécimo.

     En K1 cadete masculino, bronce para Brais Álvarez e sétimo lugar para Iván Cruz. 

    Dúas campioas galegas, Nerea e Rita, dúas medallas de prata e tres bronces, fan un total de sete podios para os teixugos, un gran resultado para tan importante xornada. 

    Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou terceiro, por detrás do Tea de Mondariz, que se converteu no novo campión galego da categoría, e do Montaña Quixós de Monforte. 


 










domingo, 20 de abril de 2025

BOA ACTUACIÓN DOS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NA COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM

 

    Esta fin de semana celebrouse en Orthez(Francia) a 3ª Copa de España de Slálom e 2ª Copa de España de Caiac Cross. Probas de gran importancia porque forman parte dos selectivos para determinar o equipo que representará a España nas competicións internacionais. A proba estivo determinada polas malas condicións meteorolóxicas e unha organización un tanto deficiente, lonxe do que deberían ser unha probas selectivas. 

    Do Club Deportivo Miño-Teixugos participaron Luís Fernández e Manuel Ochoa, centrados máis en acadar unha das prazas no equipo nacional que no medalleiro. 

     Manu comezou a súa participación o sábado nas clasificatorias en K1, pasando sen problema a finais ao rematar cuarto, pola tarde, nas finais, volveu a facer unha gran baixada quedando as portas do podio co cuarto mellor tempo. O domingo tocoulle o turno ao caiac cross, Ochoa gañou con claridade a contra reloxo,pasando a seguinte fase. En cuartos volveu impoñerse sen problema nos enfrontamentos. Nas semifinais tamén gañou a súa serie, pero sufriu unha penalización na saída, que o deixaron fóra da final. Rematou sétimo na fase de enfrontamentos. 

    Luís comezou o sábado en C1 masculino sénior, acadando o pase a finais co cuarto mellor tempo, pola tarde nas finais, seis segundos de penalización deixárono fóra do podio, rematando en noveno posto. O domingo participou en caiac cross, onde nas probas de contra reloxo rematou décimo cuarto, clasificándose para cuartos de final. Nos enfrontamentos entrou terceiro, quedando fóra de semifinais, rematou a competición en décimo segundo lugar. 

    Tanto Luís como Manu demostraron que están na elite do slálom español, aínda que non acadaran podio. Agora quedan pendentes do ditame do equipo técnico da Federación Española de Piragüismo, que seguindo os criterios publicados con antelación, deberán determinar se formarán parte do equipo nacionalesta tempada.


 

domingo, 13 de abril de 2025

O CLUB DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGOS GAÑADOR DA 2ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM

    No embalse de Verducido tivo lugar este domingo a 2ª das Copas Galegas de Promoción de Slálom, na que os máis pequenos da comunidade autónoma estiveron medindo as súas habilidades na auga.

     O Club Deportivo Miño-Teixugos participou cun equipo de trece deportistas que tiveron un papel máis que destacado. 


 

    En C1 Infantil Feminino, Nerea Álvarez fixo a mellor manga con diferencia, gañando a proba, a medalla de prata foi para Leila Álvarez. 

    Nerea volveu acadar outro ouro en K1 feminino, nun podio totalmente teixugo, no que Catalina Sánchez rematou segunda e Leila Álvarez terceira. Na mesma categoría Rita Olveira foi cuarta e Beatriz Sánchez, quinta. 

    En K1 feminino benxamín, Iria Álvarez gañou a proba, conseguindo unha nova medalla de ouro. 

    En K1 infantil masculino Lois Montenegro, rematou terceiro, conseguindo o bronce; Izan Vicente foi cuarto, Alejandro Barreiro sétimo e Leo Álvarez octavo. 

    En K1 alevín Roque Olveira gañou a proba facéndose co ouro e Martín Vicente rozou o podio ao rematar cuarto. 

    En K1 benxamín, Brais Vicente tamén se impuxo, acadando un novo ouro para o club. 

    Gran actuación, cun total de nove medallas, para o Deportivo Miño: cinco de ouro, dúas de prata e dúas de bronce. 

    Na puntuación final por equipos os Teixugos foron os gañadores da proba con 259 puntos, o Club Piragüismo Penedo-Te Importa de Tui e o Montaña Quixós de Monforte foron segundos e terceiros respectivamente.