domingo, 31 de agosto de 2025

POUCA FORTUNA PARA MANU OCHOA NA CUARTA COPA DO MUNDO EN TACEN

    Ao longo da pasada semana, Manuel Ochoa, o deportista do Club Deportivo Miño-Teixugos estivo concentrado en Tacen, Eslovenia, como membro da selección española de slálom para preparar e disputar a cuarta Copa do Mundo de Slálom. 

    A quenda chegoulle a Manu o domingo co caiac cross. Comezaron coas contra reloxos para determinar que deportistas pasarían a fase de loitas. Manu empezou moi ben a súa baixada, e aínda que na última parte foi algo máis lento, rematou décimo primeiro, acadando comodamente o paso para a ronda de eliminatorias. Nas eliminatorias entrou segundo, por detrás do suízo Rohrer, pero nun enfrontamento na primeira porta, a súa barca subiu por enriba dun compañeiro e tocoulle no corpo, sendo sancionado cunha falta e quedando eliminado. Na clasificación final rematou vixésimo sétimo. 

    O teixugo atópase nestes momentos na cidade xermana de Augsburg para preparar a Copa Final do Mundo que se disputará o 5, 6 e 7 de agosto. As Copas do Mundo son varias competicións nas que os deportistas van sumando puntos a modo de liga; na clasificación xeral, Manu, está en terceiro lugar por detrás do suízo Jan Rohrer e do francés Mathurin Madore, e, a falta do resultado de Augsburg. 


 

domingo, 24 de agosto de 2025

OURO EN CANOA E PRATA EN CROSS PARA NEREA ÁLVAREZ E VARIAS MEDALLAS POR EQUIPOS PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA POR COMUNIDADES AUTÓNOMAS

    Esta fin de semana celebrouse na localidade catalá de Ponts o Campionato de España de Slálom e Caiac Cross por Seleccións Autonómicas. Nesta competición participan deportistas das categorías infantil e cadete, entre doce e dezaseis anos, organizados por equipos autonómicos. Cada equipo estaba formado polos tres mellores piragüistas de cada comunidade e categoría. Seis teixugos foron seleccionados para formar parte do equipo galego. 

    O equipo infantil feminino era integramente do Club Deportivo Miño-Teixugos. En canoa Nerea Álvarez dominou a competición, facendo o mellor tempo das dúas mangas, gañando o ouro; Catalina Sánchez rematou sexta e Leila Álvarez oitava. En patrullas, onde baixan as tres xuntas, o equipo formado por Leila, Nerea e Catalina conseguiu a medalla de prata. En caiac a mellor foi Rita Olveira que rematou quinta, Leila Álvarez sexta e Nerea Álvarez sétima. Na competición por equipos ou patrullas Rita, Leila e Nerea acadaron a prata ao rematar segundas. 

    Brais Álvarez formou parte do equipo de K1 cadete, foi décimo sétimo. Na competición por equipos, xunto con Pedro Cacabelos do Tea de Mondariz e Martín Prats do Quixós, remataron cuartos. 

    Lois Montenegro como integrante do equipo infantil de K1 acabou décimo primeiro. En patrullas, xunto con Mario Leda do Tea e Xoel Fernández do Quixós, conseguiron a medalla de bronce. 

    O domingo foi o día do caiac cross. Comezaron coas contra reloxos que daban o pase as loitas. Aclarar que nestas categorías as loitas fanse de dous e non de catro. Pasaban de ronda os oito mellores tempos. 

    En cadete masculino Brais Álvarez foi vixésimo, Lois Montenegro en infantil rematou tamén vixésimo.

     En Infantil feminino pasaron ronda Nerea Álvarez, Leila Álvarez e Rita Olveira ao rematar cuarta, sexta e sétima, respectivamente. Catalina Sánchez quedou fóra pola mínima ao rematar novena. Na fase de enfrontamentos Leila e Rita caeron en cuartos mentres que Nerea chegou á final, rematando segunda por detrás da vasca Maddi Aramendia, conseguindo a súa terceira medalla neste campionato.

    Na clasificación final por equipos a Federación Galega foi terceira con 314 puntos, a pouca distancia da Catalá, 371 puntos, e da Vasca, 372 puntos. 



 

domingo, 10 de agosto de 2025

O TEIXUGO LUÍS FERNÁNDEZ SUBCAMPIÓN DE ESPAÑA DE SLÁLOM EN C1

    O mellor do slálom español deuse cita esta fin de semana nas augas do río Esla ao seu paso por Sabero. O sábado disputaron o XXXI Campionato de España de Slálom e o domingo o Campionato de España de Caiac Cross. Estas competicións son o peche da tempada nacional de slálom das categorías superiores. O sábado de mañá comezaron coas clasificatorias, unha soa baixada e os doce mellores de cada categoría pasaban á final; este novo sistema, que se ven de aplicar tamén a nivel internacional, non da pé a segundas oportunidades ou repescas. E, pola tarde, os mellores disputaron as finais. Máis de 288 deportistas das categorías sénior, júnior e veterano deron fe do bo momento polo que está a pasar o slálom nacional. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos, solo contou nesta ocasión coa participación de Luís Pereira e Manuel Ochoa. 

    Luís Pereira, en C1 sénior, fixo un campionato espectacular. Nas clasificatorias baixou moi rápido, rematando cuarto e entrando folgadamente na final. Pola tarde a baixada foi impecable, rapidísima e sen penalizacións, rematando segundo, por detrás do catalá Miquel Travé, a menos de catro décimas de segundo de acadar o ouro. Prata e subcampionato de España para o teixugo. 



 

    Manu Ochoa, en K1 sénior, tamén tivo unha gran participación. De mañá conseguiu sen problemas o pase a finais co quinto mellor tempo. Pola tarde mellorou a baixada da mañá, facendo un tempo espectacular, pero que non foi suficiente para acadar un posto no podio, rematando o campionato en quinto lugar. 


 

    O domingo, en caiac cross, so participou Manu, que aspiraba a revalidar o título nacional, pero a sorte non estivo da súa parte. Na contra reloxo o seu dominio foi absoluto, gañando a proba con claridade. Nos enfrontamentos gañou sen problema os cuartos de final, e, nas semifinais, tamén entrou de primeiro, pero dúas faltas nas primeiras portas deixárono fóra. Rematou a competición sétimo. 


 

domingo, 3 de agosto de 2025

A TEIXUGA LEILA ÁLVAREZ SUBCAMPIONA DE ESPAÑA DE C1 INFANTIL E CAIAC CROSS

     Os días 1, 2 e 3 de agosto celebrouse na canle de augas bravas de Alejico en León o Campionato de España de “Jóvenes Promesas” de Slálom e Caiac Cross. As augas do río Esla acolleron a máis de douscentos piragüistas das categorías cadete e infantil de toda España. O venres tiveron lugar as clasificatorias de cada categoría, nas que os dez mellores tempos pasan as finais a celebrar no sábado. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con once deportistas que viviron a emoción da máis importante competición do ano. 

    En C1 muller infantil A Leila Álvarez superou as clasificatorias e na final tivo unha gran actuación, rematando segunda, na mesma categoría, Catalina Sánchez rematou cuarta cunha gran final, e, Nerea Álvarez fixo unhas clasificatorias impresionantes pero na final a sorte non estivo con ela, rematando finalmente oitava. Estas mesmas deportistas participaron en K1, tamén pasaron todas á final, Leila Álvarez a piques estivo de conseguir unha segunda medalla ao rematar cuarta, Catalina Sánchez foi sétima, Nerea Álvarez novena e Beatriz Sánchez décima. 


 

    Rita Olveira, en K1 Infantil B, tamén conseguiu meterse na final onde fixo unha gran baixada, rematando cuarta. 

    En K1 home cadete ningún conseguiu entrar en finais, Brais Álvarez acabou vixésimo oitavo e Iván Cruz trixésimo quinto. 

    Tampouco fixeron final en K1 Infantil A, Izan Vicente rematou vixésimo terceiro, Alejandro Barreiro vixésimo sétimo e Leo Álvarez vixésimo oitavo. 

    Lois Montenegro si conseguiu o pase a final na categoría K1 Infantil B, quedando finalmente noveno. 

    Tamén competiron en patrullas ou equipos, na que baixan a un tempo tres deportistas do mesmo equipo. Os teixugos gañaron a proba de C1 Infantil feminino, a de K1 infantil feminino rematou segunda, k1 Infantil home foron quintos. 

    E como remate o domingo celebrouse o Campionato de España “Jóvenes Promesas” de Caiac Cross. Comezaron coas contra reloxos: en Infantil B, Lois Montenegro foi quinto; en Infantil A, Izan Vicente rematou décimo noveno e Alejandro Barreiro vixésimo noveno; en cadete Iván Cruz foi vixésimo primeiro e Brais Álvarez vixésimo cuarto; en infantil B feminino Rita Olveira foi quinta e en Infantil B, Leila Álvarez terceira, Nerea Álvarez quinta e Catalina Sánchez oitava. 

    Todas as nenas entraron na fase de loitas, e dos nenos so o conseguiu Lois. Rita, Nerea e Catalina caeron en cuartos de final, Lois rematou terceiro, conseguindo por tanto a medalla de bronce e Leila acadou o súa segunda medalla de prata deste campionato de España.

    Grandes resultados para o Club Deportivo Miño-Teixugos, que a pesares de non contar en Galicia cunha instalación adecuada para adestrar, fixeron unha gran competición, no que destacan as dúas pratas de Leila Álvarez e o bronce de Lois Montenegro.