domingo, 26 de octubre de 2025

O TEIXUGO MANU OCHOA SEXTO NO RANKING MUNDIAL DE CAIAC CROSS

 

    A Federación Internacional de piragüismo acaba de publicar os ranking do mundo de caiac cross deste ano 2025. Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, remata o ano cun impresionante sexto lugar. Manu, que se atopa adestrando e traballando na Seu D´Urgell, fálanos do que significa este sexto posto e dos seus plans cara o futuro máis inmediato.

     -Que supón para ti este sexto posto no ranking mundial? 

    -Para min, quedar sexto na clasificación mundial ten un significado moi grande, xa que me permite gañar confianza ao saber que, ao longo de dous anos, fun un dos seis palistas do mundo con maior consistencia e mellores resultados a nivel internacional. Isto é algo moi positivo para fortalecerse e, sobre todo, para poder render de cara ao futuro. 

    -Como valoras a túa tempada 2025?

     -A tempada 2025 foi unha tempada que empezou moi forte, con dúas medallas en tres Copas do Mundo. En xeral, foi unha tempada moi consistente, porque, a pesar de que nalgúns casos os resultados non foron nin semifinais nin medallas, si foron resultados sólidos, nos que estiven no top 20 das clasificacións finais de cada competición. Iso é unha mostra dun nivel moi alto. Aínda que algunhas desas probas deron puntuacións que non contaron para o ranking mundial, serven igualmente como mostra da consistencia que tiven ao longo da tempada, algo que, como dixen antes, é clave para que no futuro cheguen resultados mellores ou similares. En definitiva, podo dicir que a tempada 2025 foi probablemente a mellor da miña vida en termos do nivel mostrado en diferentes competicións.

     -Que obxectivos ou plans tes de cara á tempada 2026? 

    -Como cada ano, de cara ao 2026 o obxectivo é, clasificarme para o equipo tanto de slalom como de kayak cross e, de conseguilo, facer unha boa actuación no Mundial. Ademais, nesta tempada comeza o cómputo do ranking para a clasificación olímpica. Aínda non está completamente definido, porque falta que se aprobe o sistema oficial, pero polo que sabemos ata agora, haberá un ranking no que se escollerán certas competicións do ano que vén e do 2027 para determinar as prazas olímpicas. Polo tanto, será unha tempada moi importante e haberá que render a alto nivel dende o principio. 

    -Pensas retomar o slalom no futuro ou prefires centrarte no kayak cross? 

    Como xa dixen antes, a miña intención é intentar clasificarme tanto en slalom como en kayak cross, xa que creo que son dúas modalidades nas que teño un gran potencial. De feito, considero que o traballo nunha modalidade é positivo para o rendemento na outra: o que melloro en slalom axúdame no kayak cross, e o que melloro en kayak cross tamén mellora o meu rendemento en slalom. Así que, finalmente, si, optarei por competir en ambas modalidades. 


 

sábado, 4 de octubre de 2025

O TEIXUGO MANU OCHOA DÉCIMO TERCEIRO NO CAMPIONATO DO MUNDO DE CAIAC CROSS

 

    Peche da tempada internacional de slálom, en Sidney, Australia, coa celebración este sábado de madrugada da competición de caiac cross. Manuel Ochoa, do Deportivo Miño-Teixugos, gañou o pasado luns o pase a esta fase nas contra reloxos, e contaba con moitas posibilidades de estar no podio, pero non puido ser. 

     No primeiro enfrontamento, en dezaseisavos de final, gañou a serie con moita claridade. En oitavos de final tivo que loitar algo máis, entrando segundo por detrás do belga Aubertin. Xa en cuartos de final, foille adxudicado o dorsal azul, por non gañar a súa serie, o que lle deu unha mala posición na rampla de saída. En palabras do propio deportista:

    -Tiven que asumir un risco altísimo porque vin que os outros dous fixeran o remonte da súa vida na primeira porta, ao estar as dúas portas no mesmo cable, moveuse tamén a miña porta, e perdín uns segundos que me fixeron imposible alcanzalos. Foi un golpe de mala sorte. 

    Na clasificación final, Ochoa rematou décimo terceiro dun total de setenta participantes de corenta países. 

    Con esta competición dáse por rematada a tempada 2025, tempada que confirman ao teixugo como un dos mellores do mundo en caiac cross. Despois dun merecido descanso, comezará a preparación para a seguinte. Na que, tanto Manu como Luís Fernández, buscarán un dos contados postos na selección nacional de slálom.