domingo, 29 de septiembre de 2024

SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM

     Este domingo celebrouse na praia de o Val, en Mondariz, o Campionato Galego de Promoción de Slálom, a máis importante das competicións da liga galega de promoción. Máis de oitenta deportistas de idades comprendidas entre os sete e os trece anos gozaron desta xornada de deporte e convivencia. 

     O Club Deportivo Miño-Teixugos levou un equipo moi numeroso que demostrou o gran momento do club. 

    En canoa a única representante dos teixugos foi Nerea Álvarez que rematou segunda en C1 infantil, acadando por tanto a prata. 

    En K1 infantil masculino, Iván Cruz rozou a medalla ao rematar cuarto, Alejandro Barreiro foi quinto, Izan Vicente sétimo, Xián Pérez décimo, Xurxo Río undécimo e Leo Álvarez duodécimo. 

    En K1 alevín masculino, Lois Montenegro alzouse co título de campión galego ao gañar a proba e o seu compañeiro Martín Vicente, foi oitavo. 

    En k1 benxamín masculino, Roque Olveira tamén acadou o ouro, Nicolás Piñeiro foi cuarto e Brais Vicente sexto. En K1 prebenxamín masculino, Marcos Río conseguiu a prata. 

    En k1 infantil feminino, Nerea Álvarez rematou segunda, gañando a prata, Nerea Álvarez foi cuarta, Beatriz Sánchez sexta e Catalina Sánchez sétima. 

    En K1 alevín feminino, Rita Olveira gañou con claridade, facéndose co ouro e co campionato. 

    En k1 prebenxamín feminino, Iria Álvarez tamén gañou o ouro. 

    Non puido ser máis impresionante a participación dos pequenos teixuguiños nesta competición, con Lois, Roque, Rita e Iria como campións galegos e Nerea, Leila e Marcos como subcampións. 

    Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos foi segundo por detrás do Tea de Mondariz, o Montaña Quixós de Monforte foi terceiro. 


 










domingo, 22 de septiembre de 2024

LUÍS FERNÁNDEZ, LAURA ALONSO E EMILIO RODRÍGUEZ CAMPIONS GALEGOS DE SLÁLOM

Esta fin de semana tivo lugar en Dumbría o Campionato Galego de Slálom e Caiac Cross con grandes resultados para o Club Deportivo Miño-Teixugos. O Campionato, a máis importante das competicións da liga galega, comezou o sábado con slálom e rematou o domingo con caiac cross. 

En slálom, C1 sénior, Luís Fernández fixo o mellor tempo, gañando o ouro, e, Brais Castro foi sexto. Luís tamén participou en K1 sénior onde rematou quinto, na mesma categoría, Antón Aparicio, foi décimo quinto. Emilio Rodríguez, en K1 veterano, tamén se impuxo aos seus contrincantes, acadando o ouro. En K1 Júnior, Brais Álvarez foi décimo. E en K1 sénior, Laura Alonso gañou o ouro e Laura Soutelo o bronce. Gran balance en slálom para os teixugos con tres campións galegos nas súas filas. 

 O domingo foi o turno para o caiac cross, a nova modalidade olímpica. Na categoría sénior masculina, Luís Fernández rematou segundo e Antón Aparicio terceiro, prata e bronce para os dous teixugos. Na categoría sénior feminina Laura Soutelo tamén conseguiu a prata. Brais Cambra, en júnior masculino, acadou as finais e rematou cuarto. 

Na clasificación xeral por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos, rematou cuarto en slálom e terceiro en caiac cross. 


 








O TEIXUGO MANU OCHOA PECHA A UNHA TEMPADA HISTÓRICA NA COPA DO MUNDO DA SEU

Ao longo desta semana estívose celebrando na canle da Seu D´Urgell a Copa Final do Mundo de Slálom e Caiac Cross, competición coa que se pecha a tempada internacional destes deportes. Nela estivo Manu Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, como parte do equipo español. 

Comezou a súa participación o xoves, na modalidade de slálom, coas clasificatorias nas que acadou praza nas semifinais no primeiro intento. Xa nas semifinais, fixo unha boa baixada, pero non conseguiu estar entre os dez primeiros, quedando fóra das finais. Rematou vixésimo cuarto dun total de sesenta e seis deportistas. 

O domingo foi o día para o caiac cross, Manu empezou moi ben na contra reloxo ao acadar o quinto posto, a tan só medio segundo do primeiro clasificado. Este gran tempo permitiulle encabezar a súa eliminatoria, que gañou con facilidade. Non tivo tanta sorte en cuartos de final, pois unha loita na porta un deixouno en último lugar da súa serie. Rematou esta Copa do Mundo en décimo cuarto lugar. 

Remata aquí unha gran tempada para o teixugo Manu Ochoa, na que fixo historia ao gañar unha praza olímpica e na que demostrou atoparse entre os mellores do mundo da modalidade de caiac cross, modalidade que está gañando cada vez máis adeptos.

Foto de Marc Etxaniz



 

lunes, 16 de septiembre de 2024

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NA COPA DO MUNDO DE IVREA

    Do 12 ao 15 de setembro celebrouse na cidade italiana de Ivrea a penúltima das Copas do Mundo de Slálom e caiac cross na que participaron deportistas de todo o mundo. Cada país pode enviar a un máximo de tres representantes por categoría. Entre os integrantes do equipo español estaban Luís Fernández e Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

    Luís Fernández, en canoa, comezou a súa participación o venres coas clasificatorias. A sorte non acompañou ao salcedense, pois o vento forzou varios toques que o penalizaron e ademais provocou a suspensión da repesca. A pesares de facer unha boa baixada, os tres toques nas portas deixárono fóra das semifinais por apenas décimas de segundo. Rematou en trixésimo primeira posición. 

    Manu Ochoa tivo dobre participación, en slálom e en caiac cross. 

En slálom K1, comezou o xoves coas clasificatorias, conseguindo o pase a semifinais con dúas boas baixadas. O sábado intentou conseguir un dos dez postos das finais pero quedou lonxe, rematando a competición vixésimo. 

    En caiac cross, modalidade na que é un gran especialista, comezou coa contra reloxo, facendo unha gran baixada, quedando noveno, a menos de un segundo do primeiro clasificado. Na fase de enfrontamentos superou oitavos de final e caeu en cuartos. Rematou a competición no décimo lugar. 

    Con esta competición Luís pecha a tempada oficial; pola súa banda a Manu aínda lle queda a Copa Final a celebrar a próxima semana na Seu D´Urgell. 


 


 

domingo, 8 de septiembre de 2024

O TEIXUGO MANU OCHOA CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CAIAC CROSS

    Do 6 ao 8 de setembro os mellores palistas de slálom español déronse cita no Parc Olimpic do Segre para celebrar os Campionatos de España de Slálom e de Caiac Cross. Esta é a principal e máis importante das competicións da Liga Española de Slalom.

    O Campionato de Caiac Cross, comezou na tarde do sábado coa contra reloxo que determina os emparellamentos e orde de saída dos enfrontamentos e rematou na mañá do domingo cos cuartos, semifinais e finais. Dos trinta deportistas que tomaron a saída só os dezaseis mellores tempos acadaban praza para a seguinte rolda. 

    Nesta modalidade participaron Luís e Manu. Os dous acadaron praza en cuartos de final, Luís ao rematar co sétimo mellor tempo, e, Manu, gañando con claridade a proba nunha baixada espectacular e rapidísima. 


 

    O domingo Luís caeu en cuartos de final ao entrar terceiro da súa serie, rematou a proba en noveno lugar. Pola súa banda, Manuel gañou claramente as tres series, cuartos, semifinais e finais, moi por diante de tódolos seus contrincantes, proclamándose campión de España desta modalidade que cada vez conta con máis seguidores.


   


 Este dobre campionato iniciouse co slálom. Venres celebráronse as clasificatorias e o sábado de mañá as semifinais e finais. O club Deportivo Miño levou tan só tres deportistas ao evento, e a pesares de ter opcións a medalla e realizar unha boa actuación, viñeron de baleiro. 


 


    Brais Castro, en C1 sénior, conseguiu na tarde do venres o seu paso a semifinais e o sábado quedou fóra de finais por moi pouco, rematando undécimo. 


 

    Luís Fernández, tamén en C1 sénior, o venres gañou as clasificatorias cunha baixada espectacular, superou as semifinais co cuarto mellor tempo, e, xa nas finais, fixo unha gran baixada, que o colocaban no segundo lugar, pero unha penalización máis que dubidosa, relegárono finalmente ao décimo lugar. 


 

    Manuel Ochoa, en K1 sénior, tamén superou clasificatorias e semifinais nos postos de cabeza, e, na final, fixo unha gran baixada sen penalizacións, rematando cuarto. 

    Remata o Campionato de España, última e máis importante competición da Liga Española de Slálom sen medallas para os teixugos, pero demostrando nas distintas mangas que están entre a elite do slálom español. 

Tanto Luís como Manu parten esta semana cara a Ivrea onde disputarán unha Copa do Mundo. Luís en canoa e Manu en caiac e en cross.





domingo, 25 de agosto de 2024

AS TEIXUGAS LEILA E NEREA INTEGRANTES DA SELECCIÓN GALEGA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM POR AUTONOMÍAS

     Esta fin de semana celebrouse en Calasparra, Murcia, o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Slálom e Caiac Cross de Novas Promesas. Nas augas do río Segura, déronse cita os mellores deportistas de cada Comunidade Autónoma das categorías cadete e infantil. O sábado disputáronse as probas de slálom, caiac, canoa e patrullas; e, o domingo, as probas de caiac cross. 

    A Federación convocou a Leila Álvarez e Nerea Álvarez, do Club Deportivo Miño-Teixugos, como integrantes da selección galega. 



 

    O sábado, Leila Álvarez, en K1 infantil, rematou a proba en décimo lugar. O domingo, en caiac cross, volveu a acadar o décimo posto. 

    Nerea tivo dobre participación, xa que o fixo en C1 e K1 infantil. En K1 rematou a proba duodécima e en C1 foi décima. O domingo en caiac cross foi décimo terceira. 

    Tamén no sábado se celebrou a competición de patrullas ou equipos, na que os tres integrantes deben facer xuntos o circuíto. Leila e Nerea, formando parte do equipo de k1 de Galicia xunto a Freixa Rey acadaron a medalla de bronce. Nerea volveu a facerse con outra medalla, tamén de bronce, co equipo de C1 xunto a Uxía Cortegoso e Freixa Rey. 

    Gran papel destas pequenas teixugas que viviron unha gran experiencia deportiva e social en terras de Murcia, xunto a pequenos deportistas de outras autonomías. 

    Na clasificación final por autonomías a Federación Galega rematou terceira por detrás da Federación Catalá e da Vasca. 


 








 


 

lunes, 12 de agosto de 2024

OS TEIXUGOS, SEGUNDO MELLOR CLUB NA IV COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN DUMBRÍA

     Seguen as competicións da Liga Galega de Promoción de Slálom, nesta ocasión no concello de Dumbría, no campo de slálom do Couquiño, celebrouse este sábado a cuarta competición da Copa Galega de Promoción de Slálom. A finalidade destas competicións é a promoción deste deporte e fomentar a actividade física entre os máis novos. O Club Deportivo Miño acudiu con un gran equipo formado por quince nenos e nenas. Todos eles fixeron dúas baixadas do circuíto, contando a mellor das dúas para determinar a súa posición final. 

    Abriu a competición Nerea Álvarez, en C1 Infantil. A  única representante do club en canoa, rema de xeonllos e cunha soa folla na pa, acadou o cuarto lugar, a centésimas de segundo de acadar a medalla de bronce. 

O resto de representantes  competiron en K1 onde se rema sentado e con dúas follas na pa.

    O K1 Infantil Masculino, tivo moita representación do club; Iván Cruz rematou cuarto, Izan Vicente, sexto, Alejandro Barreiro, sétimo, Leo Álvarez, noveno e Xián Pérez décimo. 

    En K1 Benxamín Masculino, Roque Olveira foi o gañador da proba, conseguindo unha medalla de ouro, e o seu compañeiro Brais Vicente quinto. 

    En K1 Alevín Masculino, Lois Montenegro acadou a medalla de bronce e Martín Vicente foi sétimo. 

    En K1 Infantil Feminino, Leila Álvarez conseguiu a medalla de prata ao rematar segunda, Nerea Álvarez foi cuarta, Catalina Sánchez sétima e Beatriz Sánchez oitava. 

    En K1 Alevín Feminino, Rita Olveira gañou con claridade, acadando a medalla de ouro. 

    En K1 Prebenxamín Feminino, a teixuguiña máis nova, Iria Álvarez, tamén acadou a medalla de ouro. 

Bo balance para os Teixugos a nivel de podios con tres ouros unha prata e un bronce. Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño -Teixugos, rematou segundo cun total de 206 puntos por detrás do Montaña Quixós con 253 e diante do Club Tea de Mondariz con 146.


 







 

miércoles, 7 de agosto de 2024

OPINIÓN: MANU OCHOA, O MEU FILLO OLÍMPICO

     Son a nai de Manu Ochoa, piragüista de augas bravas e olímpico. Levo anos redactando novas do Club Deportivo Miño-Teixugos (con pouca calidade periodística, seino) intentando dar un pouquiño de visibilidade a este deporte que é pura poesía sobre a auga. Penso que algo conseguín, pouquiño, pero algo si. Cando redacto as novas (mal e cutremente, xa o sei) intento falar obxectivamente, é certo que as veces non vos digo que esa medalla de ouro a conseguiu porque non había máis que un competindo, ou que o bronce foi un terceiro posto de tres... pero o que eu pretendo e que vos enganchedes a este deporte, tan marabilloso, e se coa venta de medallas na prensa o consigo, pois a min váleme.

Cando nesas novas aparece meu fillo, parece un máis, porque intento ser obxectiva. Hoxe non o vou a ser, tampouco vou omitir verdades. A verdade é que meu fillo é moi bo, a altura dos mellores de España. Con catorce anos deixou a casa para ir ao centro de tecnificación, con dezasete foise para a Seu DÚrgell para poder seguir coa súa preparación. Solo, co noso apoio, iso si, pero solo. Pouquiño a pouco foise gañando un lugar a pulso na elite, el, un ninguén(como diría Neira Vilas). Varias veces conseguiu formar parte da selección nacional, e iso xa vos digo que é moi complicado, porque Manuel está solo. Direivos, como exemplo, para que vexades ata que punto é dos mellores, que entre os que compiten con el para formar parte da selección están fillos de adestradores olímpicos, de ex adestradores olímpicos, outros teñen familiares no equipo arbitral (non abrades moito os ollos, si, é certo, pais, nais, irmá, primos,...), a ver, que igual son imparciais, tampouco sexamos mal pensados, pero o dato está aí. Non tiña diñeiro para caiacs, así que mentres os demais tiñan dous ou tres cada ano, el tiña un, que aprendeu a reparar, para tres anos.

 

Cando apareceu o caiac cross, el empezou a destacar, porque é un deportista con moita forza. Cando o fixeron modalidade olímpica el viu unha posible vía para cumprir o seu sono, ir a unhas olimpíadas. Era un novo deporte, empezou a estudar técnicas e estratexias para ser o mellor, a adestrarse deixando un pouco de lado o slálom tradicional. Eu deixábao soñar, pero confianza pouca, non pola súa capacidade, senón porque sempre pensei que a Federación mandaría a calquera outro. Cando gañou en Praga, a Federación e o equipo técnico foron con el a morte, e elixírono para representar a España nos Xogos de París. Cremos que se gañou o respecto de todos co seu traballo e deportividade ao longo dos anos.

Antes de seguir, aclarar que as augas bravas nada teñen que ver coas tranquilas. As veces reciben o nome de augas vivas, porque literalmente están vivas. Un deportista de slálom ten un vocabulario especial para nomear os comportamentos das augas e as accións: rulo, rebufo, contra, dar casco, circular,remonte...e as veces no slálom non manda o deportista, manda a auga...

Despois da introdución( ben longa, perdoade) paso a contarvos o paso de Manu Ochoa por París.

Primeiro día, conta o reloxo, na que un fallo (non foi tal, xa vos dixen antes que as augas bravas están vivas, e pillouno un golpe que o levou para abaixo) na maldita porta oito, fixo que perdera varios segundos. Rematou décimo, décimo entre os mellores, a pesares do fallo.

Segundo día, enfrontamentos. Había doce series, encabezadas polos doce mellores tempos. El encabezou a serie 10, gañouna con claridade, como moita xente puido ver. Quedaron 32 deportistas para a seguinte fase.

Terceiro día, clasificatorias. Oito series de catro. Gaña a súa serie de forma clara e pasa a cuartos de final. Quedan 16 deportistas.

Cuarto día, cuartos de final. Aquí a cousa xa se complica, pois solo quedan os mellores. O de remar coma un tolo e fuxir diante xa é unha estratexia que se pode complicar, porque os do lado xa son tan rápidos coma ti. Saíu con dorsal verde, isto quere dicir que foi o segundo en elixir o posto de saída na rampla. O primeiro, o dorsal vermello, Joe Clark, o mellor do mundo nestes intres. E aínda así, gañou, Clark intentou  gañar, pero non puido. Os alí presentes dando saltos, e ...aparece a falta, falta na porta oito. A falta foi dubidosa, e moito, porque tardaron moito en dar resultado oficial. Parte do equipo arbitral considerou que si, outros que non, ao final gañou o si. Rematou os xogos na decimocuarta posición, que non é pouca cousa, ao meu modo de ver.

Deixádeme rematar facendo referencia aquí ao titular de prensa dun coñecido(e pouco respectado, pola miña banda) periódico: “Una precipitación innecesaria deja a Manu Ochoa fuera de las semifinales en kayak cros” ...pero...que sabe esta xente de caiac cross?, como se sentirá o deportista(xa devastado) vendo semellante titular?, que pasa con aquilo da saúde mental?...En fin, señores... a precipitación era necesaria porque tiña que gañar a serie, e tiña que gañar  porque dado o mal tempo que fixo na contra o reloxo se chega a entrar segundo, asignaríanlle o dorsal amarelo, sen dereito a escoller na rampla, levándoo a unha posición no que gañar sería case imposible, dependendo unicamente dos fallos dos demais. Maialen Chourraut perdeu a súa serie e ela explicouno ben: “He salido desde la calle 4 y era casi imposible sacar la carrera adelante” por si pensades que intento xustificar a meu fillo.

E ata aquí a miña primeira e última crónica dende a alma e dende o corazón. Espero seguir informando(con artigos de baixa calidade, seino) de forma obxectiva e promocionando o slálom en Tomiño durante moitos anos. 


 

domingo, 28 de julio de 2024

OS TEIXUGOS GAÑADORES DA III COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM EN MONFORTE

 

    Este domingo, Monforte de Lemos, acolleu a terceira das competicións da Copa Galega de Promoción de Slálom. As augas do río Cabe recibiron a oitenta e cinco pequenos deportistas das catro provincias galegas. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu ao evento cunha gran representación formada por dezasete nenos e nenas. 

    A nosa única representante en canoa ou C1 foi Nerea Álvarez, que, na categoría infantil, acadou a medalla de prata. En caiac infantil feminino ou K1, Leila Álvarez gañou a proba, colgándose o ouro, Nerea Álvarez conseguiu o bronce, Beatriz Sánchez foi sexta e Catalina Sánchez, sétima. En infantil masculino, Iván Cruz rematou cuarto, Alejandro Barreiro quinto, Izan Vicente sétimo, Xurxo Ríos noveno e Leo Álvarez undécimo. 

En K1 alevín feminino medalla de ouro para Rita Olveira. En masculino, Lois Montenegro fíxose tamén coa medalla de ouro e Martín Vicente foi sétimo. 

Na categoría benxamín só houbo participación masculina, e nova medalla de ouro a cargo de Roque Olveira, Nicolás Piñeiro foi cuarto e Brais Vicente sexto. 

En K1 pre-benxamín Iria Álvarez gañou na categoría feminina e Marcos Río conseguiu o bronce co seu terceiro lugar. 

Impresionantes as categorías máis novas do club con estas oito medallas, cinco delas de ouro. Na clasificación final por clubs o Deportivo Miño -Teixugos gañou a proba cun total de 261puntos, seguido do club anfitrión, o Montaña Quixós, con 252 e o Piragüismo Dumbría con 170. 

A vindeira cita dos Teixugos será histórica, pois, o venres, comezará a súa participación nos Xogos Olímpicos de París, Manu Ochoa. O Teixugo é o primeiro galego en clasificarse para unha proba olímpica na modalidade de slálom.