domingo, 8 de septiembre de 2024

O TEIXUGO MANU OCHOA CAMPIÓN DE ESPAÑA DE CAIAC CROSS

    Do 6 ao 8 de setembro os mellores palistas de slálom español déronse cita no Parc Olimpic do Segre para celebrar os Campionatos de España de Slálom e de Caiac Cross. Esta é a principal e máis importante das competicións da Liga Española de Slalom.

    O Campionato de Caiac Cross, comezou na tarde do sábado coa contra reloxo que determina os emparellamentos e orde de saída dos enfrontamentos e rematou na mañá do domingo cos cuartos, semifinais e finais. Dos trinta deportistas que tomaron a saída só os dezaseis mellores tempos acadaban praza para a seguinte rolda. 

    Nesta modalidade participaron Luís e Manu. Os dous acadaron praza en cuartos de final, Luís ao rematar co sétimo mellor tempo, e, Manu, gañando con claridade a proba nunha baixada espectacular e rapidísima. 


 

    O domingo Luís caeu en cuartos de final ao entrar terceiro da súa serie, rematou a proba en noveno lugar. Pola súa banda, Manuel gañou claramente as tres series, cuartos, semifinais e finais, moi por diante de tódolos seus contrincantes, proclamándose campión de España desta modalidade que cada vez conta con máis seguidores.


   


 Este dobre campionato iniciouse co slálom. Venres celebráronse as clasificatorias e o sábado de mañá as semifinais e finais. O club Deportivo Miño levou tan só tres deportistas ao evento, e a pesares de ter opcións a medalla e realizar unha boa actuación, viñeron de baleiro. 


 


    Brais Castro, en C1 sénior, conseguiu na tarde do venres o seu paso a semifinais e o sábado quedou fóra de finais por moi pouco, rematando undécimo. 


 

    Luís Fernández, tamén en C1 sénior, o venres gañou as clasificatorias cunha baixada espectacular, superou as semifinais co cuarto mellor tempo, e, xa nas finais, fixo unha gran baixada, que o colocaban no segundo lugar, pero unha penalización máis que dubidosa, relegárono finalmente ao décimo lugar. 


 

    Manuel Ochoa, en K1 sénior, tamén superou clasificatorias e semifinais nos postos de cabeza, e, na final, fixo unha gran baixada sen penalizacións, rematando cuarto. 

    Remata o Campionato de España, última e máis importante competición da Liga Española de Slálom sen medallas para os teixugos, pero demostrando nas distintas mangas que están entre a elite do slálom español. 

Tanto Luís como Manu parten esta semana cara a Ivrea onde disputarán unha Copa do Mundo. Luís en canoa e Manu en caiac e en cross.





No hay comentarios:

Publicar un comentario