domingo, 15 de marzo de 2026

O TEIXUGO MANUEL OCHOA GAÑADOR DA COPA PIRINEUS EN CAIAC CROSS

    Segunda competición da Copa Pirineus, nesta ocasión no Pireneo francés, en Pau. Altísima participación, case 400 deportistas: 80 mulleres e 150 homes en caiac e 66 mulleres e 90 homes en canoa. Neste tipo de competicións internacionais os deportistas poden anotarse libremente, previo pago, son carreiras fóra do circuíto internacional, pero puntúan para o ranking oficial, clasificación que cada vez adquire maior importancia pois formará parte dos criterios para as prazas deste ciclo olímpico. 

    Do Deportivo Miño-Teixugos participaron Nerea Álvarez, Luís Fernández e Manuel Ochoa. 

    O tomiñés Manuel Ochoa comezou o venres coa fase individual de caiac cross, onde máis de cento cincuenta deportistas intentaron estar entre os trinta e dous mellores tempos para pasar a seguinte fase de enfrontamentos de catro en catro. Rematou quinto, posto que lle permitiu ser cabeza de serie en oitavos. O domingo pechouse a Copa Pirineus co caiac cross nas fases de loitas. Manu, superou sen problemas oitavos e cuartos gañando as súas series, perdeu en semifinais, rematando a competición oitavo. Sumando a puntuación obtida a semana pasada na Seu d´Urgell e este domingo en Pau, Manu foi o mellor da Copa Pirineus por diante do catalá Miquel Farran e do francés Lucas Latimier. 


 

    Manu Ochoa competiu tamén en K1, fixo unha baixada perfecta, pero lonxe dos tempos das finais, rematando vixésimo oitavo. O domingo renunciou a participar na final B para gardar forzas para o caiac cross. 

    Luís Fernández, en C1, tivo unha baixada de semifinais moi boa, pero algo lenta, rematou vixésimo cuarto, non entrando na final A. Na final B mellorou a súa baixada en case dous segundos, rematando undécimo. 

    Nerea Álvarez, recordamos que aínda é unha nena de categoría cadete, ía en busca de sensacións e perfeccionamento. Nesta ocasión atreveuse coa súa especialidade, canoa, rematou moi abaixo na clasificación, pero hai que destacar que a pequena promesa da canoa galega, fixo unha gran baixada sen saltarse ningunha porta nesta canle de gran dureza. Tamén se atreveu co caiac cross, quedando como era esperable fóra dos enfrontamentos. 



 

domingo, 8 de marzo de 2026

IMPRESIONANTE VICTORIA DE MANU OCHOA NA COPA PIRINEUS

    Preto de douscentos deportistas de diferentes países participaron esta fin de semana na primeira das competicións da Copa Pirineus, celebrada na Seu D´Urgell. Esta competición cobra cada vez máis importancia porque puntúa para o ranking do mundo da categoría, que será fundamental á hora de determinar as prazas olímpicas de cada país. 

    Do Deportivo Miño-Teixugos participaron Nerea Álvarez, Luís Fernández e Manuel Ochoa. O sábado tivo lugar a competición de slálom e o domingo a de caiac cross. Destacar que neste tipo de competicións só hai categoría absoluta. 

    Manu Ochoa non tivo sorte o sábado co slálom. En K1, nas semifinais dúas penalizacións por saltarse portas, deixárono fóra da final A. Na final de consolación de novo penalizárono, rematando sesaxésimo sexto. No domingo, en caiac cross, desfíxose do mal fado do sábado dominando por completo a proba. O de Tomiño, impúxose na proba individual cun tempo de 47,72 segundos. Na fase de enfrontamentos, gañou tódalas roldas dende oitavos ata a final, mostrando un dominio absoluto da modalidade. 


 

    Luís Fernández, en C1, fixo unhas moi boas semifinais , entrando na final A co sétimo mellor tempo. Xa na final, varias penalizacións, deixárono fóra das medallas, rematando décimo segundo. 


 

    Nerea Álvarez, de categoría cadete, mediuse as forzas coas mellores do panorama internacional de K1, e tanto a súa xuventude como a falta de adestramento en canles de augas bravas, non a favoreceron. Deu rematado o seu percorrido nas semifinais, acabando vixésimo sétima. O domingo tamén se atreveu co caiac cross rematando trixésimo sexta. 


 

    A Copa Pirineus consta de dúas competicións, a primeira na Seu D´urgell e a segunda na canle francesa de Pau, a celebrar a vindeira semana. Ámbalas dúas probas puntúan para ranking da Federación Internacional de Piragüismo.

CINCO MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA COPA DAVID CASTRO DE PROMOCIÓN

    Este domingo celebrouse a Copa David Castro de Promoción de Slálom nas augas do río Cereixo. Esta copa, coa que se rende homenaxe ao primeiro referente das augas bravas en Tomiño, David Castro, celébrase nunha paraxe espectacular coñecida como “o río da Pedra”. Os máis pequenos de toda Galicia acudiron ao evento para gozar dunha xornada de deporte, alegría e convivencia. Neste tipo de competicións de promoción hai dúas baixadas, das que conta a mellor. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos, organizador desta Copa, levou un pequeno equipo de 6 deportistas. 


 

    En categoría infantil, Rita Olveira, estivo impresionante ao conseguira vitoria tanto en C1 como en K1, acadando dúas medallas de ouro. 

    En categoría infantil masculina, Lois Montenegro, conseguiu a medalla de bronce en K1, tamén participou en canoa onde rematou sétimo. Martín Vicente foi sétimo en K1. 

    En alevín masculino, Roque Olveira dominou na categoría ao facerse coa medalla de ouro tanto en caiac como en canoa. O seu compañeiro Brais Vicente rematou quinto. 

    Na categoría benxamín, Iria Álvarez, conseguiu outro ouro para o club en K1. 

    Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos, rematou cuarto. 











 

domingo, 1 de marzo de 2026

SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

    En Azenha de Pagade, na aldea de Covas, as augas do río Coura ofrecen unha paraxe e unhas condicións ideais para a práctica do slálom, cada ano o Club Deportivo Miño-Teixugos, xunto coas federacións portuguesa e galega de piragüismo, organiza nesta localización a Taça Ibérica de Slálom. Esta fin de semana preto de 150 piragüistas galegos e portugueses déronse cita na xa emblemática competición, exemplo de colaboración e convivencia. 

    O club Deportivo Miño- Teixugos acudiu cun total de trece palistas, moitos dos cales tiveron dobre participación, baixando en caiac e en canoa. 


 

    Na categoría sénior, Luís Fernández, dominou completamente en C1, ao gañar clasificatorias, semifinais e finais, facéndose coa medalla de ouro. Tamén participou en K1, pero con peor sorte, chegou a semifinais, rematando décimo quinto. 

    Tamén en K1 sénior, pero feminino, Alba Soutelo superou clasificatorias e semifinais, e, xa na final rematou terceira acadando a medalla de bronce. Na mesma categoría Ainhoa Barreiro foi sexta.

     En K1 júnior, Brais Álvarez Cambra, non acadou pase a final, pero rematou nun meritorio décimo posto. 

    En K1 cadete feminino a participación foi numerosa, Catalina Sánchez foi sexta, Beatriz Sánchez quinta, Leila Álvarez cuarta e Nerea Álvarez, terceira, e medalla de bronce, por tanto. As catro competiron tamén en C1, repetindo posicións. 

    En K1 cadete masculino Izan Vicente rematou sexto, Alejandro Barreiro undécimo, Iván Cruz décimo quinto e Leo Álvarez décimo sétimo. 

     Na categoría cadete feminino, Rita Olveira atreveuse coas dúas modalidades, acadando a medalla de prata en K1 e o ouro en C1. 

    En cadete masculino Lois Montenegro participou en K1, superando todas as probas e rematando finalmente segundo, levándose a medalla de prata. 

    Bos resultados para os teixugos con sete podios, dous ouros, dúas pratas e tres bronces; pero sobre todo bo tempo e bo ambiente para os amantes das augas brancas. 

    Na clasificación final por equipos, os de Tomiño, remataron sextos. 











 

domingo, 22 de febrero de 2026

TEIXUGOS NA 1ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM: OURO E BRONCE PARA LUÍS E BRONCE PARA MANU

     Comeza a tempada de slálom 2026 coa celebración da 1ª Copa de España de slálom Olímpico en Mondariz esta fin de semana. Numerosa participación nesta primeira cita, con deportistas sénior e júnior de toda España, ata un total de douscentos dorsais. O tempo e os caudais axudaron a que o evento se desenrolara sen incidencias. Ao igual que a pasada tempada, cada Copa de España consta de dúas competicións diferentes, con podios nos dous días. 

     O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con cinco deportistas que tiveron un papel máis que destacado. 

    A mellor actuación foi a de Luís Fernández en C1 sénior, que na xornada do sábado conseguiu o pase a finais onde rematou terceiro, facéndose co bronce. O domingo tamén acadou o pase a finais, pese a non facer unha gran baixada; xa na final fixo un percorrido perfecto e rapidísimo que lle deu a medalla de ouro cun primeiro posto a máis de dous segundos da medalla de prata. Tamén competiu en K1 sénior, a pesares de non ser a súa especialidade, non acadou pase a finais en ningún dos dous días, rematando décimo quinto o sábado e décimo cuarto o domingo. 


 

Manu Ochoa participou en k1 sénior. O sábado gañou con contundencia as clasificatorias, pasando a finais onde rematou terceiro acadando a medalla de bronce. O domingo acadou tamén pase a finais cunha boa baixada, e xa na final levaba un trazado moi rápido, pero un erro na ultima porta deixouna as portas da medalla cun cuarto lugar. 

 


    Emilio Rodríguez en K1 veterano, rematou terceiro nas clasificatorias dos dous días, acadando o paso á final, onde rematou cuarto tanto sábado como domingo. 


 

     Brais Álvarez, en K1 júnior, non conseguiu pase as finais, fixo dúas baixadas moi correctas pero lentas, rematando vixésimo cuarto e vixésimo sexto. 


 

    Alba Soutelo, en C1 sénior, acadou pase a finais nos dous días. O sábado fixo unha gran baixada, rematando sétima. O domingo varias penalizacións fixeron que rematara décimo segunda.Tamén participou en K1 sénior, o sábado entrou na final e rematou décima, o domingo non conseguiu entrar en finais, acabando décimo terceira. 


 

    Esta competición confirman a Luís e Manu como parte da elite do slálom en España. A súa próxima cita será na primeira fin de semana de marzo na Seu D´Urgell, onde comezará a disputarse a Copa Pirineus, proba internacional puntuable para o ranking mundial.