Segunda competición da Copa Pirineus, nesta ocasión no Pireneo francés, en Pau. Altísima participación, case 400 deportistas: 80 mulleres e 150 homes en caiac e 66 mulleres e 90 homes en canoa. Neste tipo de competicións internacionais os deportistas poden anotarse libremente, previo pago, son carreiras fóra do circuíto internacional, pero puntúan para o ranking oficial, clasificación que cada vez adquire maior importancia pois formará parte dos criterios para as prazas deste ciclo olímpico.
Do Deportivo Miño-Teixugos participaron Nerea Álvarez, Luís Fernández e Manuel Ochoa.
O tomiñés Manuel Ochoa comezou o venres coa fase individual de caiac cross, onde máis de cento cincuenta deportistas intentaron estar entre os trinta e dous mellores tempos para pasar a seguinte fase de enfrontamentos de catro en catro. Rematou quinto, posto que lle permitiu ser cabeza de serie en oitavos. O domingo pechouse a Copa Pirineus co caiac cross nas fases de loitas. Manu, superou sen problemas oitavos e cuartos gañando as súas series, perdeu en semifinais, rematando a competición oitavo. Sumando a puntuación obtida a semana pasada na Seu d´Urgell e este domingo en Pau, Manu foi o mellor da Copa Pirineus por diante do catalá Miquel Farran e do francés Lucas Latimier.
Manu Ochoa competiu tamén en K1, fixo unha baixada perfecta, pero lonxe dos tempos das finais, rematando vixésimo oitavo. O domingo renunciou a participar na final B para gardar forzas para o caiac cross.
Luís Fernández, en C1, tivo unha baixada de semifinais moi boa, pero algo lenta, rematou vixésimo cuarto, non entrando na final A. Na final B mellorou a súa baixada en case dous segundos, rematando undécimo.
Nerea Álvarez, recordamos que aínda é unha nena de categoría cadete, ía en busca de sensacións e perfeccionamento. Nesta ocasión atreveuse coa súa especialidade, canoa, rematou moi abaixo na clasificación, pero hai que destacar que a pequena promesa da canoa galega, fixo unha gran baixada sen saltarse ningunha porta nesta canle de gran dureza. Tamén se atreveu co caiac cross, quedando como era esperable fóra dos enfrontamentos.



No hay comentarios:
Publicar un comentario