Do 27 ao 29 de xuño disputouse a 3ª Copa do Mundo de Slálom. Nesta ocasión na canle de Troja en Praga, na República Checa. Esta proba marca o ecuador das Copas do Mundo, conformada este ano por cinco competicións. Centos de atletas de tódolos países do mundo acudiron a esta terceira cita da liga mundial de slálom. Nesta ocasión, dous dos doce integrantes do equipo nacional eran galegos, e os dous do Club Deportivo Miño-Teixugos, Manuel Ochoa en caiac cross e Luís Fernández en canoa.
Luís comezou a súa participación o xoves na nova modalidade de carreira curtas, no seu caso en C1. Fixo unha boa baixada, pero quedou lonxe dos doce que pasaban a finais, rematou a proba no trixésimo sétimo lugar.
O venres volveu baixar Luís, neste caso en C1, e a cousa non discorreu ben, pois unha penalización nunha das portas deixárono na quincuaxésima posición. Este ano modificouse o regulamento e xa non hai unha segunda oportunidade, polo que Luís volveu quedar fóra de finais.
O domingo foi o día para o caiac cross, e para o teixugo Manu Ochoa. Comezou coas probas individuais de contra reloxo, Manu fixo unha boa baixada, rematando undécimo e entrando nas loitas, sendo o único español que o logrou. Gañou a serie de octavos, entrou segundo en cuartos, volveu gañar as semifinais e xa na final nunha baixada durísima e moi axustada entrou terceiro na liña de meta, por detrás do neocelandés Finn Butcher e do checo Martín Rudorfer. Medalla de bronce para o tomiñés, a súa segunda medalla nas Copas do Mundo deste ano, un logro impresionante.
As competicións internacionais sofren agora un parón ata finais de agosto, quedando polo medio as competicións nacionais.