Esta semana tivo lugar na canle do Parc Olimpic do Segre, na Seu D´Urgell, a 1ª Copa do Mundo de Slálom. Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos forma parte esta tempada do equipo nacional en caiac cross, unha modalidade moi nova que está gañando cada vez máis afeccionados pola súa espectacularidade.
A participación de Manu comezou o domingo coas contra reloxos, que determinan en que posto dos enfrontamentos se sae. Setenta e cinco deportistas de todo o mundo, os mellores de cada país, fixeron as súas baixadas para intentar estar entre os 32 primeiros e conseguir entrar nos enfrontamentos. Nesta primeira proba Manu a piques estivo de conseguir medalla ao facer o cuarto mellor tempo, a un segundo do primeiro clasificado, o inglés Jonny Dickson.
Na fase de enfrontamentos, catro atletas baixan a un tempo, os dous primeiros pasan de fase e os dous últimos quedan fóra. Manu gañou con claridade a súa serie de octavos pasando a cuartos onde tamén se impuxo moi por diante dos seus contrincantes. Nas semifinais ía tamén en cabeza, pero un tropezo co seu compañeiro de equipo Llorente na última porta fixo que entrara en segundo lugar, por detrás do inglés Dickson. Nunha final de infarto impúxose aos seus tres contrincantes con claridade, gañando unha histórica medalla de ouro. Compartiron podio con el o inglés Dickson, que gañou a prata, e o Suizo Rohrer, que acadou o bronce.
Impresionante e histórico comezo desta tempada para o tomiñés. A vindeira semana nova cita co piragüismo internacional na canle francesa de Pau coa celebración da 2ª Copa do Mundo de Slálom.
No hay comentarios:
Publicar un comentario