Esta fin de semana disputouse a 2ª Copa de España “Jóvenes Promesas” de Slálom na localidade de San Miguel, en Irún. As augas do río Bidasoa acolleron as futuras promesas do slálom español, concretamente da categoría cadete, infantil de segundo ano ou infantil A e infantil de primeiro ano ou infantil B. Vinte clubs e douscentos cincuenta deportistas procedentes de tódolos puntos da xeografía comezaron o sábado a competir, disputando as eliminatorias para determinar os dez mellores tempos que entrarían nas finais do domingo. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cunha representación de oito deportistas que deixaron o pavillón ben alto.
O papel máis destacado correspóndelle a Nerea Álvarez na modalidade de C1 Infantil A. Nerea comezou a súa participación o sábado cunha impresionante manga clasificatoria, rematando terceira a menos de medio segundo de gañar a manga. Na final do domingo repetiu posición, gañando por tanto a medalla de bronce. Na mesma categoría tamén participaron Leila Álvarez e Catalina Sánchez, que tamén pasaron á final, rematando quinta e sétima respectivamente.
Estas mesmas deportistas tamén competiron en K1 Infantil A xunto a Beatriz Sánchez, todas elas pasaron a final do domingo. Leila rozou o podio ao rematar cuarta, Nerea foi quinta, Catalina sétima e Beatriz décima.
Rita Olveira competiu en K1 Infantil B, pasou á final e rematou no sexto lugar.
Lois Montenegro en K1 Infantil B tamén conseguiu o pase a final onde rematou quinto.
En K 1 infantil A, Izan Vicente e Alejandro Barreiro non acadaron o pase á final, rematando finalmente vixésimo terceiro e vixésimo cuarto respectivamente.
Impresionantes os teixugos nesta súa primeira competición a nivel nacional da tempada. Na clasificación por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos acadou o quinto posto por detrás dos grandes clubs catalás e vascos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario