domingo, 17 de mayo de 2026

O TEIXUGO MANU OCHOA DOMINA NO CAIAC CROSS ESPAÑOL

    Esta fin de semana, a localidade francesa de Pau, concentrou a elite do caiac cross español coa disputa da II Copa de España no sábado e o Campionato de España no domingo. Deportistas das categorías cadete, júnior e sénior mediron as súas forzas na canle francesa. As probas comezan cunha contra reloxo, na que os dezaseis mellores tempos conseguen praza nos enfrontamentos. 

    Nesta competición o Club Deportivo Miño-Teixugos levou a dous deportistas, Manu Ochoa en sénior masculino e Nerea Álvarez en cadete feminino. 

    Manu Ochoa comezou o sábado coa contra reloxo, na que rematou segundo, superado solo polo segoviano David Llorente. Nos enfrontamentos gañou cuartos de final, semifinais e tamén se impuxo nas finais, gañando con moita claridade as súas series. Medalla de ouro para o tomiñés na segunda Copa de España, compartindo podio co catalá Manel Contreras e o vasco Marquel Imaz. 

    O domingo disputouse o Campionato de España, Manu impúxose con claridade na contra reloxo, gañou cuartos de final e semifinais, e xa nas finais un erro nunha porta, cando ía camiño de impoñerse en todas as series, fixo que rematara segundo, por detrás do catalá Manel Contreras e por diante do vasco Aritz Fernández. Medalla de prata e subcampionato de España para el. 

    Estas dúas competicións supoñen o punto final da liga española de caiac cros na que Manuel Ochoa se confirmou como gran especialista na modalidade, dominando todas as series disputadas nas dúas Copas de España e no Campionato, a excepción da última. A partir de agora Manu fará fronte as probas internacionais como membro do equipo español de caiac cross. 

    Nerea Álvarez, na súa primeira tempada na modalidade cadete, conseguiu o sábado superar a contra reloxo, cunha boa baixada nunha canle moi complicada, nos enfrontamentos caeu en semifinais. O domingo, no campionato de España, non foi quen de superar a contra reloxo. 


 






domingo, 10 de mayo de 2026

OS TEIXUGOS GAÑADORES DA II COPA GALEGA DE NOVAS PROMESAS DE SLÁLOM

    O Club Deportivo Miño gañou este sábado a II Copa Galega de Novas Promesas celebrada nas augas do río Xallas en Dumbría. En Novas promesas entran as dúas categorías previas a categoría oficial, deportistas cadete e infantil. O club acudiu cunha representación de once deportistas que cos seus resultados fixeron dos Teixugos o mellor club da Copa. 


 


 

    En Cadete feminino poderío total das teixugas, en canoa ouro para Nerea Álvarez, prata para, Catalina Sánchez, bronce para Leila Álvarez e cuarto lugar para Beatriz Sánchez. Na mesma categoría pero en caiac repetiuse o mesmo resultado, Nerea primeira, catalina segunda, Leila terceira e Beatriz cuarta. 


 

    En Infantil feminino Rita Olveira, unha das grandes promesas do club,  gañou a medalla de ouro tanto en canoa como e caiac. 


 

    En cadete masculino, solo participaron en K1, Izan Vicente gañou o bronce, Alejandro Barreiro rematou quinto, Iván Cruz sétimo e Leo Álvarez décimo. 


 

    En cadete infantil masculino, Lois Montenegro gañou en K1, acadando o ouro e en C1 conseguiu a medalla de bronce. 


 

    Ademais deste deportistas que participaron na categoría oficial, varios membros máis do club acudiron ao evento para axudar ou participar como abridores, porque slálom non é só competición senón unha forma de vida e relacionarse. 







 

domingo, 3 de mayo de 2026

LIGA NACIONAL DE SLÁLOM: MANU OCHOA GAÑADOR DA 1ª COPA DE ESPAÑA DE CAIAC CROSS E BRONCE EN SLÁLOM

     Segue a tempada nacional de slálom no seu máximo apoxeo, nesta ocasión na Seu D´Urgell. A canle do Parc Olimpic do Segre acolleu o 1 e 2 de maio a 3ª Copa de España de Slálom e 1ª Copa de España de Caiac Cross o día 3. Ao ser probas selectivas para formar o equipo que representará a España nas competicións internacionais, a participación foi alta e de moito nivel. 

    Cada Copa de España de Slálom consta de dúas competicións diferentes cos seus podios. Comezan cos clasificatorias, e os doce mellores, pasan a enfrontarse nas finais. 

    Tres foron os deportistas do Club Deportivo Miño que competiron, Brais, Luís e Manu. 

    Manuel Ochoa, en K1 sénior, obtivo o pase a finais tanto o venres como o sábado, ao rematar as clasificatorias en sétimo nos dous días. Nas finais o venres fixo unha baixada boa, pero lonxe do podio, rematando oitavo. Na final do sábado fixo unha baixada moi rápida e sen penalizacións, acabando terceiro, a décimas de segundo do ouro e da prata, obtendo a medalla de bronce. 

    Luís Fernández, en C1 sénior, tamén superou as clasificatorias nos dous días ao rematar sétimo o primeiro e o segundo día. Nas finais do venres fixo un percorrido correcto, pero algo lento, rematando sétimo. O sábado, nunha final moi apertada, despois de facer unha impresionante baixada, rematou cuarto a décimas de segundo do bronce e da prata. 

    Brais Álvarez, en K1 júnior, non conseguiu entrar nas finais en ningún dos dous días, rematando vixésimo noveno o venres e vixésimo sétimo o sábado. 

    O domingo celebrouse a primeira das competicións de caiac cross da Liga Española. Solo Manuel Ochoa representou aos Teixugos. Comezou coa contra reloxo que determina que padexeiros pasan a ronda de enfrontamentos. Ochoa gañou a proba, conseguindo un bo posto de saída para seguinte ronda. Nas rondas de enfrontamentos dominou completamente e con moita claridade, gañando na súa serie de cuartos de final, de semifinais e tamén se impuxo na final. Inmellorable comezo de tempada para Manu Ochoa en cross, con esta medalla de ouro.