domingo, 26 de abril de 2026

IMPRESIONANTES OS TEIXUGOS NO CAMPIONATO GALEGO DE NOVAS PROMESAS DE SLÁLOM

    Este sábado, a localidade portuguesa de Covas, acolleu o Campionato Galego de Nova Promesas de Slálom. Algo máis de cincuenta deportistas das categoría cadete e infantil mediron forzas nas augas do río Coura. O Club Deportivo Miño, organizador da competición, acudiu cun gran equipo composto por dez palistas. 

    Na categoría cadete feminina, Nerea Álvarez gañou en C1 e foi segunda en K1, Leila Álvarez gañou en K1 e foi cuarta en C1, Catalina Sánchez foi prata en C1 e cuarta en K1, Beatriz Sánchez foi bronce tanto en C1 como en K1. Podios totalmente copados por teixugas, con Leila campioa en K1 e Nerea en C1. 

    Na categoría cadete masculina Iván Cruz foi terceiro en C1, acadando o bronce. En K1 Izan Vicente conseguiu a medalla de prata e Alejandro Barreiro o bronce. 

    En infantil feminino , Rita Olveira foi campioa galega tanto en C1 como en K1. 

    En infantil masculino, Lois Montenegro rematou terceiro tanto en C1 como en K1, conseguindo dous bronces. Martín Vicente rematou sexto en K1. 


 

    Impresionantes resultados do club tomiñés, con tres campioas galegas no balance final. Na clasificación por equipos, o Deportivo Miño Teixugos, gañou a competición, seguidos polo Piragüismo Dumbría e o Piragüismo Penedo terceiro. 










 

domingo, 19 de abril de 2026

BOA ACTUACIÓN DOS TEIXUGOS NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM CUN BRONCE PARA LUÍS FERNÁNDEZ

    Esta fin de semana o mellor do slálom nacional acudiu a localidade francesa de Pau para disputar a 2ª Copa de España. Un total de 186 embarcación, 76 canoas e 110 caiacs, intentaron sumar o máximo de puntos para buscar algunha das prazas que conformarán o equipo nacional júnior, sub-23 e sénior. Como xa é habitual, cada Copa de España está formada realmente por dúas competicións diferentes cos seus respectivos podios. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun reducido equipo de tres deportistas. O salcedán Luís Fernández en C1 sénior e os tomiñeses Manuel Ochoa e Brais Álvarez en K1 sénior e júnior respectivamente. 

    Luís Fernández, o sábado, superou as clasificatorias e acadou o pase a finais ao rematar quinto en C1 sénior. Na final fixo unha baixada sen penalizacións, cun tempo de 105,69 segundos, acadando o terceiro lugar e a medalla de bronce. O domingo volveu facer unhas moi boas clasificatorias, rematando terceiro dos doce que entraban en finais. Na final fixo unha boa baixada, pero algo lenta, rematando sexto. 


 

    Manu Ochoa, en K1 sénior, a categoría máis numerosa da competición, no sábado conseguiu pase a finais ao lograr rematar oitavo. Na final fixo unha baixada correcta, rematando sexto. O domingo de novo volveu acadar pase a finais cunha cuarta posición. Xa nas finais a baixada foi moi boa, pero un toque na porta cinco deixouno fóra do podio, rematando cuarto. 

    Brais Álvarez en k1 júnior non conseguiu pase a finais en ningún dos dous días. O sábado rematou vixésimo sexto e o domingo trixésimo primeiro. 

    Rematada esta segunda Copa de España, podemos concluír que tanto Manu como Luís se manteñen na elite do slálom español, con grandes resultados e grandes aspiracións. En quince días volverán a competir na 3ª Competición da Copa de España e Slálom e a 1ª Copa de Caiac Cross a celebrar na Seu D´Urgell. 


 

domingo, 12 de abril de 2026

CINCO OUROS PARA OS TEIXUGOS NA II COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM

 

    Este domingo as augas do río Tea, ao seu paso por Cordeiro, en Salvaterra do Miño, acolleron a II Copa Galega de Promoción de Slálom. Deportistas galegos das categorías benxamin, alevín e infantil acudiron a esta cita da Liga Galega de Promoción. 

O Club Deportivo Miño-Teixugos levou a cinco padexeiros. 

Rita Olveira dominou as probas de caiac en canoa na categoría infantil, gañando en C1 e K1. 

En K1 infantil masculino, Lois Montenegro, a punto estivo de facer podio tamén, ao rematar cuarto. 

Roque Olveira, repetiu a fazaña da súa irmá, ao gañar tanto en caiac como en canoa, en alevín masculino. Tamén en alevín , Brais Vicente rematou quinto en K1. 

A máis nova do Club, Iria Álvarez, foi a gañadora da proba en k1 benxamín. 

Na clasificación por clubs o Deportivo Miño rematou cuarto, pese aos bos resultados, o reducido do equipo non lle permitiu subir ao podio.