Esta fin de semana tivo lugar en Sort o Campionato de España de slálom, a derradeira, e máis importante proba da Liga Española de slálom olímpico ao que acudiron cerca de 300 deportistas de toda España. Oito foron os piragüistas do Club Deportivo Miño que acudiron a esta cita. 
A xornada do sábado foi dura, cun circuíto moi longo e cheo de dificultades. No domingo o trazado era moito máis rápido e non deu tantos problemas como o do día anterior. Para as clasificacións do campionato sumáronse os resultados dos dous días. 
Laura Soutelo en K1 muller júnior remataría oitava o sábado e décima no domingo, o que lle valeu unha posición final de novena 
Andrea González en K1 muller sénior, remataría undécima despois de ser décima no sábado e décimo segunda no domingo. Na mesma categoría Laura Alonso acabaría décimo quinta e décimo oitava, que lle valería ser décimo sétima na final. 
Marco Patiño en K1 home cadete rematou o sábado vixésimo cuarto e décimo quinto o domingo, o que lle valeu a vixésima posición. 
Brais Castro rozou o bronce, o sábado fixo unha baixada sen fallos pero lenta, acabando cuarto, e o domingo rematou terceiro cun bo tempo, pero que non lle deu para acadar o bronce, rematando cuarto. 
Luís Fernández en C1 sénior, tivo unha mala tarde de sábado e fixo unha baixada moi boa pero algo lenta que o deixou oitavo, no domingo, moi rápido e sen fallos, quedou terceiro. Resultados que lle deron unha cuarta praza na categoría máis alta, e na que debutou esta tempada. 
Luís e Brais participaron tamén na categoría C2 sénior, e non puideron ter mellor debut, pois fixéronse coa medalla de bronce. 
Emilio Rodríguez, en K1 veteranos, fixo dúas boas baixadas nas que rematou terceiro e que lle deron un bronce neste Campionato de España. 
Manuel Ochoa, en K1 júnior, foi segundo na tarde do sábado nunha baixada rápida e sen fallos e a segundo e medio o primeiro clasificado. No domingo rematou primeiro cunha baixada espectacular, rapidísima e sen penalizacións, que fixo que acabara como campión de España da categoría. 
Bo final de tempada para os Teixugos na Liga Española de slálom, e para os clubs galegos en xeral, que cada ano fan mellor papel neste deporte dominado por vascos e cataláns.
No hay comentarios:
Publicar un comentario