martes, 14 de agosto de 2012

OS TEIXUGOS 1º CLUB GALEGO NO XX CAMPEONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM

Esta fin de semana celebrouse en Ponts, Lleida o XX Campionato de España de Slálom. Os Teixugos acudiron con oito piragüistas, tres homes e cinco mulleres, que coa súa actuación conseguiron a sétima posición na clasificación final por clubs, sendo o mellor clasificado de tódolos galegos. A competición comezou o sábado pola mañá coas clasificatorias de slálom, os homes, todos de categoría sénior, na que cabe destacar o altísimo nivel dos participantes, non tiveron sorte e ningún se clasificou para semifinais. As mulleres, todas de categoría cadete, fixeron un mellor papel, e Sara Vázquez, Andrea González, Laura Alonso e Marina Ruedas e entraron en semifinais. Pola tarde nese mesmo día tivo lugar o Campionato de España por Equipos, na que os de Tomiño participaron con dous equipos, un masculino sénior que quedou no posto décimo cuarto e outro feminino cadete que quedou cuarto. Na mañá do domingo celebráronse as semifinais e as finais. Andrea González chegou a finais en K1 Muller cadete acadando unha meritoria novena posición. Sara Vázquez, unha luguesa que entrou a formar parte do noso club fai dous anos, tamén chegou a final en K1 muller cadete quedando sexta e en C1 muller cadete onde obtivo a medalla de prata. Destacar o impresionante papel que nas distintas competicións da Liga Española de Slálom Olímpico, rematada este domingo, fixeron as dúas piragüistas do Club Deportivo Miño Sara Vázquez e Andrea González.

No hay comentarios:

Publicar un comentario