domingo, 26 de agosto de 2018

CAMPIONATO DE ESPAÑA "JÓVENES PROMESAS", SABERO: 25-26/08/2018

Esta fin de semana celebrouse na canle de augas bravas de Sabero, en León o Campionato de España “Jóvenes Promesas de Slalom”, ao que acudiron máis de 150 deportistas de tódalas comunidades autónomas das categorías cadete e infantil.
 O Club Deportivo Miño acudiu con sete deportistas, moitos dos cales tiveron dobre participación, en kaiak e canoa. 
Ariadna Pereira en K1 cadete muller, entrou en finais e na mañá do domingo fíxose coa medalla de prata da súa categoría. 
Alba Soutelo, na categoría Infantil A, participou en C1 e K1, logrando entrar nas dúas finais. Rematou quinta en kaiak e rozou a medalla co seu cuarto posto en canoa. Na mesmas categorías, Ainhoa Barreiro fixo unhas moi boas clasificatorias, entrando en semifinais, onde tivo algúns erros que a deixaron fóra das dúas finais, rematando finalmente sétima en C1 e oitava en K1. 
Samuel Castro, entrou en semifinais de K1 infantil A pero quedou fóra das finais, rematando oitavo. En C1, modalidade na que se centran máis os seus adestramentos, Samuel conseguiu na mañá do domingo a medalla de prata co seu segundo posto. O seu compañeiro Sergio Rodríguez, máis especializado en kaiak, non acadou as finais de canoa, rematando oitavo en C1, pero con unha magnífica actuación, acadou a prata en K1 Infantil A. Na mesma categoría, Alexis Segadaes non deu pasado a semifinais en K1, rematando undécimo nas clasificatorias. 
E en K1 Infantil B Mateo Álvarez tampouco acadou as semifinais, rematando décimo oitavo. 
Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos quedou cuarto, tanto no Campionato coma na XIII Liga “Jóvenes Promesas”, sendo o club galego mellor clasificado. 

O sábado celebrouse tamén o Campionato por Autonomías, no que un equipo constituído por tres deportistas de cada autonomía deben baixar o circuíto xuntos, modalidade moi vistosa, coñecida como patrullas. 
En 3xC1 Infantil o equipo formado por Alba e Ainhoa dos Teixugos e Paula do Penedo remataron cuartas. Na mesma categoría os teixugos Samuel e Sergio xunto con Joaquin Tajes do Penedo alzáronse coa medalla de bronce. 
En 3xK1 Infantil, de novo Alba e Ainhoa, esta vez formando equipo con Alexia Canosa acadaron o quinto lugar. Na modalidade masculina, un equipo integramente do Club Deportivo Miño; Samuel, Sergio e Alexis, acadou a terceira posición, medalla de bronce, polo tanto. 
Esta boa actuación de tódolos deportistas galegos fixo a Federación galega merecedora do segundo lugar na clasificación final, por detrás da Federación Vasca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario