domingo, 5 de mayo de 2019

SELECTIVOS NACIONAIS 2019, SEU D´URGELL E PAU: 26/04/2019 a 05/05/2019

Desde o 26 de abril ao 5 de maio, a federación española xunto coa francesa fixeron os selectivos para conformar os seus equipos nacionais. Foron catro as probas as que tiveron que facer fronte os mellores deportistas españois de cada modalidade. As dúas primeiras probas celebráronse na canle da Seu DÚrgell do 26 ao 28 de abril, e as dúas seguintes na localidade francesa de Pau do 1 ao 4 de maio. Para os atletas senior e sub-23 sumáronse os tres mellores resultados, descartándose o peor, para os júnior os dous mellores, descartando outros dous. 

Once foron os representantes galegos que conseguiron entrar nestes selectivos, dos cales tres eran do Club Deportivo Miño-Teixugos: Brais Castro e Luís Fernández en canoa e Manuel Ochoa en kaiak. Foron uns selectivos difíciles, con moitos resultados sorprendentes, nos que deportistas que partían como favoritos estiveron a piques de quedarse fóra. Os teixugos puxeron todo da súa parte e deron o mellor de si, pero no slálom o máis pequeno fallo págase caro. 

Brais Castro conseguiu facer unhas baixadas bastante correctas, pero algo lentas que o deixaron fora do equipo español. 

Luís Fernández tivo unha competición bastante irregular, unha primeira baixada mala, cunha penalización de 50 segundos, as dúas seguintes moi boas, facendo final nas dúas, e xa no último día, un pequeno fallo que o árbitro non pasou por alto, deixouno fóra do equipo nacional sénior e sub-23 por primeira vez en moitos anos. Luís e Brais terán posibilidade de repesca para o equipo sénior no Campionato de España de Slálom a celebrar no mes de agosto. 

Manuel Ochoa tamén comezou con mal pé, cunha penalización de 50 segundos que o deixaron nos últimos postos. Na segunda proba fixo a súa mellor baixada, gañando a final B, na terceira foi correcto pero lento e xa na cuarta tamén acadou final B. Estes resultados deixárono fóra da selección sénior pero permítenlle facerse cunha das tres prazas do equipo nacional sub-23 de K1 xunto co segoviano David LLorente e o vasco Unai Nabaskues. Este é o segundo ano consecutivo que o teixugo se fai cun lugar no equipo nacional sub-23 de kaiak, sendo o primeiro e único galego que forma parte do equipo español na modalidade K1. No mes de xullo Manuel acudirá ao Campionatos do Mundo e de Europa júnior e sub-23 a celebrar en Cracovia e Liptovsky, respectivamente. 

Xunto con Manuel, outros dous galegos, os dous do Penedo Te Importa de Tui, acadaron praza, Daniel Pérez formará parte da selección española júnior en C1 e Ainhoa Lameiro, a gran revelación destes selectivos, acadou unha histórica praza no equipo de C1 feminino sénior e tamén no sub-23, sendo a primeira deportista galega en conseguilo. 




No hay comentarios:

Publicar un comentario