domingo, 21 de julio de 2019

CAMPEONATO DO MUNDO SUB-23, CRACOVIA: 16 a21/07/2019

Do 16 ao 21 de xullo celebráronse na cidade polaca de Cracovia os Campionatos do Mundo Júnior e Sub-23 de Slálom. Dous deportistas do Club Deportivo Miño formaron parte da selección española para este evento, Manuel Ochoa en K1 Sub-23 e Luís Fernández en C1 Sub-23.

O martes 16 comezou o campionato coa modalidade de patrullas ou equipos, na que os tres integrantes da selección baixan xuntos. Luis Fernández, xunto con Miquel Travé e David Burgos fixeron a súa baixada na competición de canoa sub-23, o seu percorrido e velocidade foron boas, pero tres toques supuxéronlles seis segundos de penalización, rematando décimos do mundo. Máis tarde chegoulle a vez ao equipo formado por Unai Nabaskues, David Llorente e o teixugo Manuel Ochoa na modalidade de K1 sub 23. Fixeron unha baixada rápida e con apenas dous segundos de penalización, por un único toque nunha porta, que os deixou como o terceiro mellor equipo do mundo e unha medalla de bronce no seu haber.

No mércores comezaron as competicións individuais dos deportistas sub-23, con dúas mangas por categoría para intentar acadar praza en semifinais. Luís Fernández fixo unha boa primeira manga, pero tres toques cos seis segundos de penalización deixárono fóra de semifinais. No segundo intento, cun recorrido rápido e sen penalizacións conseguiu pase a semifinais. O xoves , xa en semifinais, fixo unha baixada boa e rápida, con apenas 2 segundos de penalización, pero non conseguiu estar entre os dez mellores, quedando fóra de finais. Luís rematou o campionato na vixésimo terceira posición.

Manuel Ochoa comezou a súa primeira manga arriscando moito para acadar un bo tempo, o que o levou a cometer un erro nunha das portas que lle supuxo unha penalización de cincuenta segundos. Xa no segundo intento, fixo un percorrido rápido, pero tocando tres portas, seis segundos de penalización que o deixaron fóra de semifinais, rematando o campionato na trixésimo segunda posición. Manuel participou tamén nunha nova modalidade de piragüismo denominada kaiak extremo, rematando en sétimo lugar.

Outros dous deportistas galegos formaron parte da selección española, os dous do club veciño Piragüismo Penedo de Tui. Daniel Pérez en C1 júnior, chegou a finalista rematando décimo e a súa compañeira Ainhoa Lameiro en C1 sub-23, tamén finalista, rematou novena.

Rematada a competición internacional sub-23 o seguinte reto dos deportistas do Club Deportivo Miño Teixugos estará no Campionato de España a celebrar os días 3 e 4 de agosto na canle da Seu D´Urgell.



No hay comentarios:

Publicar un comentario