domingo, 30 de julio de 2023

4ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM E CAMPIONATO DE ESPAÑA DE KAYAK CROSS, SABERO: 28 a 30/07/2023

 Esta fin de semana na canle de augas bravas de Alejico-Sabero, en León, celebráronse a 4ª Copa de España de Slálom e o Campionato de España de Kayak Cross ou Slálom Extremo. Ás probas acudiu gran cantidade de deportistas de tódolos puntos de España. Nesta ocasión, o Club Deportivo Miño-Teixugos levou un equipo moi reducido, con tan so tres deportistas: Alba, Luís e Manuel. 


 

Venres e sábado foron os días para a primeira e segunda competición da Copa de España de Slálom. 

Luís Fernández, en C1 home sénior, fixo un gran papel nesta copa. O venres chegou a finais co segundo mellor tempo, e xa na final fixo unha baixada limpa e rápida, que lle deu unha medalla de prata a tan só 30 centésimas de segundo de Miquel Travé, o gañador da proba. O sábado volveu a finais co segundo mellor tempo, pero na final, nun intento de apurar ao máximo na busca do ouro, cometeu dous erros que o penalizaron, rematando en décimo lugar. 



 

Alba Soutelo, en C1 muller sénior, nas probas do venres, fixo unha boa baixada, pero unha penalización deixouna fóra das finais, rematando undécima. O sábado si conseguiu praza na final, onde rematou oitava.



 

 Manuel Ochoa, en K1 sénior, non tivo a mellor das participacións. O venres acadou por pouco entrar en finais onde fixo unha baixada boa, pero lonxe das medallas, rematando sexto. O sábado entrou en finais co terceiro mellor tempo, e na final, levaba tempo de medalla, pero apurando ao máximo unha das portas, foi penalizado, rematando décimo cuarto. 

 

O domingo celebrouse o Campionato de España de Kayak Cross, modalidade moi espectacular e que está gañando adeptos, que comeza cunha contra reloxo na que entran os primeiros 16, e despois eliminatorias de catro en catro. 

Alba Soutelo, en muller sénior, non deu superado a contra reloxo, rematando décimo quinta. 

Luís Fernández, en home sénior, superou a contra reloxo clasificándose para cuartos, onde, nunha emocionante carreira, rematou segundo, entrando en semifinais, onde rematou cuarto, quedando fóra das finais. Rematou o campionato en oitavo posto. 

Manuel Ochoa, en home sénior, superou a contra reloxo co segundo mellor tempo. Gañou os seus cuartos de final e as semifinais, e a piques estivo de quedar fóra da final por unha decisión arbitral na que lle adxudicaban unha falta que non cometera. Finalmente a reclamación foi adiante, e, na final, nun emocionante enfrontamento, entrou segundo, por detrás do segoviano David Llorente. 



 

Gran papel dos deportistas do Deportivo Miño-Teixugos, competindo coa elite. Alba entrando nunha final, Luís con tres grandes baixadas e unha medalla de prata e Manuel subcampión de kayak cross, confirmándose coma un dos mellores de España na modalidade. Destacar tamén que gran número de deportistas galegos que deron mostras do seu gran nivel, estando o slálom galego presente en case tódolos podios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario