domingo, 24 de septiembre de 2023

CAMPIONATO DO MUNDO DE SLÁLOM, LEE VALLEY: 19 a 24/09/2023

  Do 19 ao 24 de setembro celebrouse en Lee Valley, Gran Bretaña, o Campionato do Mundo de Slálom, a máis importante das competicións deste deporte, e nesta ocasión moito máis, posto que se conseguían os pasaportes aos Xogos Olímpicos de París 2024.Aínda que non houbo medallas para o noso equipo nacional conseguiuse a xesta de acadar as seis prazas posibles para os xogos olímpicos. 

Dentro dos doce integrantes da selección española estaban Luís Fernández e Manuel Ochoa do Club Deportivo Miño-Teixugos, Luís en C1 ou canoa e Manu en cross ou X1. 


 

Luís Fernández comezou a súa participación o martes 19 na modalidade de equipos, na que os tres integrantes de cada modalidade baixan o circuíto xuntos. Xunto co catalá Miquel Travé e o galego Daniel Pérez, fixeron un percorrido correcto pero algo lento, rematando novenos. 

O mércores disputáronse as clasificatorias con máis de setenta deportistas buscando un dos vinte postos de semifinais. Luís fixo unha gran baixada, rematando décimo oitavo, entrando en semifinais. Nas semifinais do venres Luís non conseguiu estar entre os dez mellores e entrar en finais, rematando vixésimo, pero grazas a esta actuación, España contará con representación en C1 masculina nas Olimpíadas de París 2024. É a primeira vez que un deportista galego da modalidade de slálom consigue esta xesta. Agora falta esperar as probas de selección para determinar que deportista irá a París. 


 

Pola súa banda, Manu Ochoa, entrou en competición o domingo na modalidade de kayak cross sen moita fortuna. Na contra o reloxo, na que adoita a estar entre os mellores, o mal tempo reinante e un fallo na última porta, deixárono a décimas de segundo de entrar nas eliminatorias, rematando o campionato en vixésimo sétimo lugar. 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario