domingo, 18 de febrero de 2024

TRES MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA XIV TAÇA IBÉRICA DE SLÁLOM

 Esta fin de semana gran festa do slálom coa celebración da XIV Taça Ibérica de Slálom en augas do río Coura en Covas, Vilanova de Cerveira. A competición organizada polo Club Deportivo Miño- Teixugos, en colaboración coas federacións portuguesa e galega, contou con máis de 150 deportistas procedentes de España e Portugal. Acudiron representantes de tódolos clubs galegos e portugueses, pois era proba puntuable para a liga portuguesa e galega de slálom, aos que se uniron piragüistas de Asturias, Madrid e Castela León. 

O sábado celebráronse as clasificatorias e semifinais cun circuíto fluído e rápido sen demasiada dificultades e o domingo finais cun percorrido máis técnico e complicado, e entrega de medallas. 

Oito foron os participantes dos teixugos na proba, con grandes resultados.

 En K1 home Infantil, Alejandro Barreiro foi décimo sétimo e Leo Álvarez décimo noveno; en K1 home cadete, Brais Álvarez rematou vixésimo segundo e en K1 muller Infantil, Nerea Álvarez quedou sexta e Leila Álvarez sétima. 

En K1 veterano Emilio Rodríguez gañou a proba, acadando a medalla de ouro. En k1 muller sénior, Laura Alonso subiu ao máis alto do podio, gañando o segundo ouro para o club. E en C1 home sénior Brais Castro tamén destacou cunha gran baixada, e, co segundo mellor tempo, fíxose coa medalla de prata. 

Dúas medallas de ouro e unha de prata, un gran balance para os teixugos nesta competición que crece ano a ano, na que, máis que medallas, se pretende a promoción e potenciación deste fermoso e vistoso deporte que ano a ano vai gañando practicantes e popularidade. Dúas xornadas nas que predominou a deportividade e convivencia de deportistas de toda a península. 

A semana que ven, nova cita co slálom, desta vez nas augas do Tea ao seu paso por Mondariz Balneario, onde terá lugar a 1ª Copa de España de Slálom. 

 



 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario