Nova competición esta fin de semana correspondente a Liga Galega De Novas Promesas de Slálom, nesta ocasión unha Copa Galega. Recordar que a Liga Galega de Slálom consta de tres niveis, o de promoción para os máis pequenos, a de novas promesas coas categorías infantil e cadete e a liga oficial ou profesional coas categorías sénior e júnior.
Este domingo o torneo foi en Dumbría, nas augas do río Xallas, a onde o Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cunha representación de once deportistas.
Na categoría Infantil Feminina, en C1 muller Infantil Nerea Álvarez gañou a proba e Leila Álvarez fíxose coa prata. En K1 podio de teixugas co ouro para Rita Olveira, prata para Leila Álvarez e bronce para Nerea Álvarez; Catalina Sánchez rematou cuarta e Beatriz Sánchez sexta.
En K1 Infantil Masculino, Lois Montenegro conseguiu o bronce, Izan Vicente foi sexto, Alejandro Barreiro octavo e Leo Álvarez duodécimo.
En K1 cadete masculino, bronce para Brais Álvarez e quinto lugar para Iván Cruz.
Sete medallas para os teixugos, dúas de ouro, dúas de prata e tres de bronce; pero o máis importante é que participar nestas actividades permítelles a nenas e nenos gozar do deporte nunhas idades en que a actividade física é moi importante, viaxar e coñecer novos lugares, e, facer novos amigos.
Na clasificación final por clubs, o Deportivo Miño-Teixugos, rematou terceiro, por detrás do Tea de Mondariz, que gañou a proba, e do Montaña Quixós de Monforte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario