domingo, 19 de abril de 2026

BOA ACTUACIÓN DOS TEIXUGOS NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM CUN BRONCE PARA LUÍS FERNÁNDEZ

    Esta fin de semana o mellor do slálom nacional acudiu a localidade francesa de Pau para disputar a 2ª Copa de España. Un total de 186 embarcación, 76 canoas e 110 caiacs, intentaron sumar o máximo de puntos para buscar algunha das prazas que conformarán o equipo nacional júnior, sub-23 e sénior. Como xa é habitual, cada Copa de España está formada realmente por dúas competicións diferentes cos seus respectivos podios. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu cun reducido equipo de tres deportistas. O salcedán Luís Fernández en C1 sénior e os tomiñeses Manuel Ochoa e Brais Álvarez en K1 sénior e júnior respectivamente. 

    Luís Fernández, o sábado, superou as clasificatorias e acadou o pase a finais ao rematar quinto en C1 sénior. Na final fixo unha baixada sen penalizacións, cun tempo de 105,69 segundos, acadando o terceiro lugar e a medalla de bronce. O domingo volveu facer unhas moi boas clasificatorias, rematando terceiro dos doce que entraban en finais. Na final fixo unha boa baixada, pero algo lenta, rematando sexto. 


 

    Manu Ochoa, en K1 sénior, a categoría máis numerosa da competición, no sábado conseguiu pase a finais ao lograr rematar oitavo. Na final fixo unha baixada correcta, rematando sexto. O domingo de novo volveu acadar pase a finais cunha cuarta posición. Xa nas finais a baixada foi moi boa, pero un toque na porta cinco deixouno fóra do podio, rematando cuarto. 

    Brais Álvarez en k1 júnior non conseguiu pase a finais en ningún dos dous días. O sábado rematou vixésimo sexto e o domingo trixésimo primeiro. 

    Rematada esta segunda Copa de España, podemos concluír que tanto Manu como Luís se manteñen na elite do slálom español, con grandes resultados e grandes aspiracións. En quince días volverán a competir na 3ª Competición da Copa de España e Slálom e a 1ª Copa de Caiac Cross a celebrar na Seu D´Urgell. 


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario