sábado, 26 de septiembre de 2026

DOUS TEIXUGOS NO EUROPEO DE IVREA CUN BRONCE PARA OCHOA

     Peche da tempada 2026 en na cidade italiana de Ivrea, onde se celebrou o Campionato de Europa de Slálom e Caiac Cross. Entre os deportistas que conformaron o equipo español había dous galegos, os dous do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

    Luís Fernández foi un dos tres integrantes do equipo de canoa e Manuel Ochoa do de caiac cross. O primerio en competir foi o Luís Fernández, que o xoves disputou as clasificatorias de C1. O de Salceda fixo unha baixada correcta, pero non conseguiu estar entre os trinta que pasaron a semifinais. Rematou trixésimo oitavo. Nese mesmo día, Luís, participou na modalidade de patrullas, formando equipo con Miquel Travé e Álex Segura. Os tres deportistas fixeron unha gran baixada, rápida e sen penalizacións, e o teixugo a piques estivo de subir ao podio, pois quedaron a unha décima de segundo de acadar o bronce, rematando finalmente nun impresionante cuarto lugar. 

    O sábado foi o turno de Manu Ochoa na modalidade de caiac cross. Comezou coa proba individual ou contra o reloxo, no que volveu demostrar que está entre os mellores do mundo. Cun tempo de 43,90 segundos acadou a medalla de bronce, solo superado polo francés Madore e o italiano de Gennaro. Na fase de loitas ou enfrontamentos volveu demostrar o seu bo momento, gañou con claridade os oitavos de final; en cuartos conseguiu o pase a semifinais ao entrar segundo por detrás do italiano Ferrazzi. Nas semifinais entrou terceiro, quedando fóra da final. Rematou o Campionato de Europa nun destacado quinto lugar. 



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario