sábado, 26 de septiembre de 2026

DOUS TEIXUGOS NO EUROPEO DE IVREA CUN BRONCE PARA OCHOA

     Peche da tempada 2026 en na cidade italiana de Ivrea, onde se celebrou o Campionato de Europa de Slálom e Caiac Cross. Entre os deportistas que conformaron o equipo español había dous galegos, os dous do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

    Luís Fernández foi un dos tres integrantes do equipo de canoa e Manuel Ochoa do de caiac cross. O primerio en competir foi o Luís Fernández, que o xoves disputou as clasificatorias de C1. O de Salceda fixo unha baixada correcta, pero non conseguiu estar entre os trinta que pasaron a semifinais. Rematou trixésimo oitavo. Nese mesmo día, Luís, participou na modalidade de patrullas, formando equipo con Miquel Travé e Álex Segura. Os tres deportistas fixeron unha gran baixada, rápida e sen penalizacións, e o teixugo a piques estivo de subir ao podio, pois quedaron a unha décima de segundo de acadar o bronce, rematando finalmente nun impresionante cuarto lugar. 

    O sábado foi o turno de Manu Ochoa na modalidade de caiac cross. Comezou coa proba individual ou contra o reloxo, no que volveu demostrar que está entre os mellores do mundo. Cun tempo de 43,90 segundos acadou a medalla de bronce, solo superado polo francés Madore e o italiano de Gennaro. Na fase de loitas ou enfrontamentos volveu demostrar o seu bo momento, gañou con claridade os oitavos de final; en cuartos conseguiu o pase a semifinais ao entrar segundo por detrás do italiano Ferrazzi. Nas semifinais entrou terceiro, quedando fóra da final. Rematou o Campionato de Europa nun destacado quinto lugar. 



 

domingo, 13 de septiembre de 2026

MANU OCHOA GAÑA A ÚLTIMA E MÁIS IMPORTANTE COPA DO MUNDO DA TEMPADA

    Este domingo rematou na Seu D´Urgell a última e máis importante Copa do Mundo de Slálom da tempada 2026. Esta proba ten gran relevancia pois con ela empeza a suma de puntos para acadar unha praza directa para as olimpíadas de Los Ángeles 2028. 

    O peche ao evento foi a de caiac cross, na que Manu Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, tiña gañado o seu posto co segundo mellor tempo acadado o xoves na proba individual. Na fase de loitas o tomiñés gañou tódalas probas con superioridade: clasificatorias, octavos, cuartos e semifinais superounas con clara vantaxe sobre o resto dos contendentes. Na baixada de finais de novo se puxo en cabeza desde a mesma rampla de saída, gañando con claridade por diante do neozelandés Finn Butcher, do suízo Jan Rohrer e o italiano Giovanni de Gennaro.



 

     Luís Fernández, dos teixugos, tamén participou, pero na modalidade de canoa ou C1. Luís fixo unha boa baixada, pero catro segundos de penalización por dous toques nas portas, deixárono fora de semifinais, rematando trixésimo sétimo. 


 

 Tanto Manu como Luís pecharán tempada en quince días no Campionato Europeo a celebrar en Ivrea, Italia, sendo os únicos galegos convocados pola federación.

jueves, 10 de septiembre de 2026

PRATA PARA MANU OCHOA NA COPA FINAL DO MUNDO E BRONCE NA XERAL

    Ao longo desta semana ten lugar na Seu D´Urgell a última das Copas do Mundo de Slálom. Esta Copa é a máis importante das cinco celebradas, puntuando dobre para a clasificación final. Este xoves comezaron as competicións coa contra reloxo de caiac cross ou proba individual. 

    Manu Ochoa voou polo circuíto facendo o mellor tempo, a falta de doce baixadas. Ao igual que a semana pasada en París, mantívose en cabeza ata que o último do contendentes, o inglés Joseph Clark, o superou cun tempo de 45,91 segundos, a tan só medio segundo do tomiñés. 

    Impresionante tempada a do teixugo que en catro copas do mundo se fixo co ouro en Augsburg, a prata en París e novamente prata na Seu. 

    As Copas do Mundo funcionan coma unha liga, na que se suman os puntos obtidos en cada competición. Na clasificación xeral deste ano Manu Ochoa obtivo a medalla de bronce cun total de 244 puntos, por detrás dos británicos Sam Leaver, que foi prata con 259 puntos, e o imbatible Joseph Clark con 315. Este bronce obtívoo Manu cunha competición menos que os seus contendentes, pois non acudiu a primeira Copa do Mundo celebrada en Tacen. 

    O  Club Deportivo Miño-Teixugos volverá a estar presente nesta Copa do Mundo con Luís Fernández, que competirá o sábado na modalidade de canoa, e Manu que o fará o domingo nos enfrontamentos de caiac cross. 


 

sábado, 5 de septiembre de 2026

DOUS TEIXUGOS NA COPA DO MUNDO DE SLÁLOM CON MEDALLA DE PRATA PARA MANU

     Do 3 ao 6 de setembro celebrouse en París a penúltima Copa do Mundo de Slálom. A canle olímpica de Vaires sur Marne recibiu a 238 deportistas de 48 países diferentes para intentar acadar un lugar no podio ou subir postos no ranking mundial. Dos trece deportistas que formaron o equipo español, dous eran galegos, e os dous do Club Deportivo Miño-Teixugos. 

    O salcedán Luís Fernández foi un dos tres representantes de canoa ou C1. Viña de disputar unha proba de carácter internacional en Cesson-Sévigné, onde conseguiu pase a finais e rematou nun impresionante oitavo lugar. Nesta Copa do Mundo non tivo tanta sorte, fixo unha baixada correcta pero algo lenta, o que non lle permitiu acceder as finais, rematando cuadraxésimo sexto. 

    Manu Ochoa foi como integrante do equipo de caicac cross. As probas de cross comezan cunha contra reloxo ou individual que determina os postos e compañeiros nos enfrontamentos. Manu fixo un percorrido rapidísimo que o levou a liderar a clasificación cun tempo de 55,66 segundos, mantendo o posto ata a última baixada, cando foi superado polo inglés Joe Clark cun tempo de 55,33 segundos. Rematou segundo, gañando a medalla de prata da proba individual. Nos enfrontamentos gañou claramente o de oitavos de final, e caeu en cuartos ao ser penalizado por un fallo na última porta. Rematou décimo terceiro na modalidade de enfrontamentos. 

    A próxima semana, tanto Luís como Manuel, volverán a formar parte do equipo español que disputará a última e máis importante Copa do Mundo desta tempada 2026, a celebrar na localidade ilerdense da Seu D´Urgell. 


 

martes, 1 de septiembre de 2026

SEIS MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA COPA GALEGA EN PADRÓN

     Este domingo as augas do Ulla ao seu paso por Padrón acolleron unha Copa Galega de Slálom. Deportistas das categorías sénior e júnior dos clubs galegos acudiron a medir as súas forzas. 

    O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu á cita con cinco deportistas. 

    Alba Soutelo gañou tanto en caiac como en canoa sénior feminino. 

    Iván Cruz conseguiu o bronce en C1 júnior. Catalina Sánchez tamén foi bronce na mesma categoría, pero feminina. 

    E dous novos bronces para o club en K1 júnior para Izan Vicente en masculino e Beatriz Sánchez en feminino. 

    Na clasificación por clubs os Teixugos remataron terceiros. 


 









sábado, 22 de agosto de 2026

SETE MEDALLAS PARA OS TEIXUGOS NA IV COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM

    As futuras promesas do slálom galego xuntáronse este sábado en Dumbría para medir forzas na IV Copa Galega de Promoción de Slalom. As augas do río Xallas acolleron a uns cincuenta deportistas galegos das categorías benxamín, alevín e infantil.

     Nesta ocasión o Club Deportivo Miño tan so aportou a cinco deportistas, pero con grandes resultados. 

    Lois Montenegro, na categoría infantil masculina, acadou a prata tanto en caiac como en canoa. 

    Rita Olveira, tamén infantil, pero feminino foi a gañadora tanto en K1 como en C1; facéndose, por tanto, con dous ouros. 

    Roque Olveira , en alevín, dominou tanto en caiac como en canoa, levádose dúas medallas de ouro. Na mesma categoría, Brais Vicente rematou sexto. 

    Iria Álvarez, en benxamín, categoría que solo participa en K1, foi a gañadora subindo ao podio para recoller unha medalla de ouro. 

    Na clasificación final por equipos, e a pesares de levar un equipo pequeno, o Club Deportivo Miño-Teixugos rematou terceiro por detrás dos anfitrións do Piragüismo Dumbría e do Montaña Quixós de Monforte. 


 














domingo, 9 de agosto de 2026

CATRO MEDALLAS PARA O TEIXUGO LOIS MONTENEGRO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM POR SELECCIÓNS AUTONÓMICAS

    Esta fin de semana tivo lugar na localidade leonesa de Sabero o Campionato de España de Slálom por Seleccións Autonómicas en Idade Escolar. Cada autonomía levou equipos formados por tres deportistas en cada categoría. Varios foron os teixugos convocados para representar a Galicia nas augas do río Esla. 

    O sábado celebráronse as probas de slálom, tanto individual como patrullas, onde os tres integrantes do equipo baixan xuntos. O domingo tocoulle ao caiac cross, coa proba individual ou contra reloxo e os enfrontamentos. 

    Lois Montenegro, integrante do equipo masculino infantil, estivo impresionante. Formando equipo con Omar Martínez do Penedo e Xoel Fernández do Quixós, conseguiron a medalla de ouro en patrullas de canoa e a de prata en caiac. Na proba individual foi quinto en K1 e sétimo en C1. O domingo, na contra reloxo de caiac cross rematou terceiro, gañando por tanto o bronce na proba. Nos enfrontamentos superou cuartos rematando segundo da súa serie, gañou as semifinais e na final acabou segundo, conseguindo a prata, a súa cuarta medalla neste campionato. 


 

    Iván Cruz formou parte do equipo galego de C1 cadete, en patrullas rematou quinto e en C1 décimo sétimo. En caiac cross rematou vixésimo segundo na contra reloxo non pasando a cuartos.

    Izan Vicente estivo no equipo de K1 cadete. En patrullas rematou sexto, en K1 individual décimo oitavo e en caiac cross non pasou a cuartos ao rematar vixésimo primeiro na contra reloxo. 

    Na categoría Infantil feminina Rita Olveira formou parte do equipo galego tanto en C1 como en K1, rematando quinta nas dúas modalidades. Non participou en patrullas ao ter o equipo galego só dúas integrantes. Tampouco participou en cross. 

    Na categoría cadete o equipo galego estaba formado integramente por teixugas. Leila e Nerea Álvarez tanto en K1 como en C1, Catalina Sánchez completou o equipo de caiac e Beatriz Sánchez o de canoa. En patrullas remataron cuartas en C1 e K1. Na proba de C1 Nerea Álvarez foi quinta, Leila undécima e Beatriz décimo terceira. En K1 Leila foi novena, Nerea undécima e Catalina décimo cuarta. O domingo en caiac cross Nerea, Leila, Catalina e Beatriz conseguiron o pase a cuartos de final ao rematar oitava, novena, décimo cuarta e décimo sexta, respectivamente. Só Nerea conseguiu pasar a semifinais, onde rematou terceira quedando fóra da final, rematando sexta na xeral. 

    No resultado final por federacións, Galicia rematou terceira por detrás de Cataluña e País Vasco, grazas, en parte, aos grandes resultados destes pequenos teixugos.