domingo, 29 de septiembre de 2019

CAMPIONATO DO MUNDO, SEU D´URGELL: 25a29/09/2019

Do 25 ao 29 de setembro celebrouse na localidade ilerdense da Seu D`Urgell o Campionato do Mundo de Slálom no que se deron cita os mellores deportistas do mundo da modalidade. O canoísta de Salceda, Luís Fernández, do Club Deportivo Miño Teixugos, foi un dos doce deportistas que integraron a selección española.

O mércores 25, Luís estreouse no mundial na competición por equipos, xunto co vasco Ander Elosegui e o catalá Miquel Travé, cunha baixada rápida e sen penalizacións, fixeron o segundo mellor tempo do mundial na modalidade C1, conquistando a medalla de prata. No día seguinte, Luís comezou a súa participación individual, onde, cun percorrido rápido e perfecto, conseguiu facer o décimo mellor tempo, que o clasificou directamente para semifinais. A primeira hora da mañá do sábado buscou entrar nas finais, pero catro segundos de penalizacións e unha baixada algo lenta deixárono fóra, rematando finalmente na vixésimo oitava posición, que colocan ao teixugo na elite mundial da canoa de slálom.

Outra galega, Ainhoa Lameiro do Piragúismo Penedo, tamén formou parte do equipo feminino de C1, e ao igual que Luís acadou medalla de prata por equipos, e, nas clasificatorias individuais, aínda que fixo dúas baixadas correctas, non foron o bastante rápidas como para poder entrar en semifinais.

Primeira participación galega nun mundial absoluto, con dúas medallas de prata históricas que demostran o bo momento que está vivindo o slálom galego, que pouco a pouco se está metendo na elite do slálom nacional e mundial.


No hay comentarios:

Publicar un comentario