domingo, 8 de septiembre de 2019

COPA DO MUNDO, PRAGA: 6 a 8/09/2019

Luís Fernández, en canoa, e Manuel Ochoa, en kaiak, formaron parte do equipo nacional que acudiu esta semana a última Copa do Mundo de Slálom celebrada na cidade checa de Praga do 6 ao 8 de setembro. Foron os únicos galegos que a Federación Española de piragüismo convocou para esta competición.
O venres seis tiveron lugar as clasificatorias, nas que cada deportista gozou de dúas oportunidades para poder entrar nas semifinais.
En C1 masculino cincuenta e cinco canoístas de todo o mundo intentaron estar entre os trinta mellores para acceder a semifinais. Luís fixo unha primeira baixada algo lenta, e na porta 16 penalizou con 50 segundos, quedando fóra; na repesca fixo unha baixada rápida, con tempo de entrar en semifinais, pero un toque no remonte da porta 11, con dous segundos de penalización, deixárono fóra. Na clasificación final do evento Luís rematou trixésimo quinto.
En K1 masculino, a máis numerosa das categorías con 78 deportistas participantes, acadaban praza en semifinais os corenta mellores. Manuel fixo os seus dos intentos para conseguilo, facendo dúas baixadas correctas, sen fallos nin penalizacións, pero lentas, lonxe das súas marcas, quedando fóra. Rematando a Copa no posto cincuenta e un.
 Para Manuel esta é a última competición da tempada 2019, na que acadou éxitos tales como o subcampionato de España absoluto ou o bronce por equipos no Campionato do Mundo sub-23. Despois dun breve e merecido descanso comezará a preparar xa a tempada 2020.
Luís, pola súa banda, formará parte da selección española que participará no Campionato do Mundo a celebrar do 25 ao 29 de setembro na canle da Seu D´Urgell. Esta é unha competición de gran importancia, pois nela se decidiran as prazas para Tokio 2020. Luís pode acadar resultados históricos para o piragüismo galego, pois é bo coñecedor desta canle onde leva adestrando moitos anos xa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario