Este sábado tivo lugar na localidade coruñesa de Rianxo a Gala do Piragüismo Galego 2016 presidida pola Secretaria Xeral para o Deporte Marta Míguez e polo presidente da federación Galega de Piragüismo Alfredo Bea.
Nesta gala prémiase cada ano o mellor do piragüismo galego.
O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu para recoller os seus dous galardóns.
O primeiro premio que subiu a recoller o presidente do club, Pablo Pousa, foi o de gañadores da Liga Galega de Slálom 2016. A Liga consta de catro competicións, tres Copas Galegas e o Campionato, repartidas ao longo do ano. Os Teixugos remataron campións con 427 puntos, por diante do Club Tea de Mondariz con 417 e do Club Piragüismo Penedo con 416.
En canto a Liga Galega de Promoción de Slálom, na que compiten as pequenas promesas do club, os Teixugos remataron terceiros por detrás do Tea de Mondariz e do Club Piragüismo Penedo, gañador desta liga.
E xa nos premiados individuais Manuel Ochoa recibiu o premio a mellor promesa masculina, premio que subiu a recoller tamén Pablo Pousa, ao atoparse Manuel no centro nacional da Seu D´Urgell adestrando e preparando a tempada 2017. Premio para un ano redondo do teixugo no que quedou Campión de España Júnior de Slálom e Sub campión de Europa na modalidade de patrullas.
Manuel formou parte este ano da Selección española Júnior e Sub23, na que entraron tamén os teixugos Brais Castro e Luís Fernández. Acudiu ao Campionato do mundo de Cracovia no que rematou cuarto en patrullas e décimo sexto en K1; e ao Campionato de Europa en Solkan onde foi o español mellor clasificado en K1, cunha sexta posición e medalla de prata en patrullas formando equipo co vasco Eneko Auzmendi e o catalán Nil García.
Estes premios son a guinda a un impresionante e histórico 2016 para o Club Deportivo Miño.
A tempada 2017, como xa é habitual comezará coa Taça Ibérica de Slálom, o próximo 28 de xaneiro en Covas, Portugal.