domingo, 26 de agosto de 2018

CAMPIONATO DE ESPAÑA "JÓVENES PROMESAS", SABERO: 25-26/08/2018

Esta fin de semana celebrouse na canle de augas bravas de Sabero, en León o Campionato de España “Jóvenes Promesas de Slalom”, ao que acudiron máis de 150 deportistas de tódalas comunidades autónomas das categorías cadete e infantil.
 O Club Deportivo Miño acudiu con sete deportistas, moitos dos cales tiveron dobre participación, en kaiak e canoa. 
Ariadna Pereira en K1 cadete muller, entrou en finais e na mañá do domingo fíxose coa medalla de prata da súa categoría. 
Alba Soutelo, na categoría Infantil A, participou en C1 e K1, logrando entrar nas dúas finais. Rematou quinta en kaiak e rozou a medalla co seu cuarto posto en canoa. Na mesmas categorías, Ainhoa Barreiro fixo unhas moi boas clasificatorias, entrando en semifinais, onde tivo algúns erros que a deixaron fóra das dúas finais, rematando finalmente sétima en C1 e oitava en K1. 
Samuel Castro, entrou en semifinais de K1 infantil A pero quedou fóra das finais, rematando oitavo. En C1, modalidade na que se centran máis os seus adestramentos, Samuel conseguiu na mañá do domingo a medalla de prata co seu segundo posto. O seu compañeiro Sergio Rodríguez, máis especializado en kaiak, non acadou as finais de canoa, rematando oitavo en C1, pero con unha magnífica actuación, acadou a prata en K1 Infantil A. Na mesma categoría, Alexis Segadaes non deu pasado a semifinais en K1, rematando undécimo nas clasificatorias. 
E en K1 Infantil B Mateo Álvarez tampouco acadou as semifinais, rematando décimo oitavo. 
Na clasificación final por equipos, o Club Deportivo Miño-Teixugos quedou cuarto, tanto no Campionato coma na XIII Liga “Jóvenes Promesas”, sendo o club galego mellor clasificado. 

O sábado celebrouse tamén o Campionato por Autonomías, no que un equipo constituído por tres deportistas de cada autonomía deben baixar o circuíto xuntos, modalidade moi vistosa, coñecida como patrullas. 
En 3xC1 Infantil o equipo formado por Alba e Ainhoa dos Teixugos e Paula do Penedo remataron cuartas. Na mesma categoría os teixugos Samuel e Sergio xunto con Joaquin Tajes do Penedo alzáronse coa medalla de bronce. 
En 3xK1 Infantil, de novo Alba e Ainhoa, esta vez formando equipo con Alexia Canosa acadaron o quinto lugar. Na modalidade masculina, un equipo integramente do Club Deportivo Miño; Samuel, Sergio e Alexis, acadou a terceira posición, medalla de bronce, polo tanto. 
Esta boa actuación de tódolos deportistas galegos fixo a Federación galega merecedora do segundo lugar na clasificación final, por detrás da Federación Vasca.

domingo, 19 de agosto de 2018

CAMPIONATO DE EUROPA SUB-23, BRATISLAVA:16 A19/08/2018

Do 16 ao 19 de agosto, veñen de celebrarse na cidade eslovaca de Bratislava os Campionatos de Europa Júnior e Sub-23 de slálom.
 De novo o Club Deportivo Miño deu metido no equipo nacional a dous deportistas, neste caso Brais Castro e Luís Fernández, no equipo de C1 sub-23. 
A súa participación comezou o venres 17 coas clasificatorias, nun circuíto complicado e de moi alto nivel. o primeiro intento, Brais Castro fixo unha baixada boa, con so dous segundos de penalización por un toque, pero demasiado lenta para entrar en semifinais, rematando vixésimo terceiro ; pola súa banda Luís saltou unha porta, e con cincuenta segundos de penalización, tamén quedou fóra das semifinais coa trixésimo segunda posición. Na segunda manga, Brais volveu facer unha baixada boa, pero novamente demasiado lenta para semifinais, Luís, pola súa banda, fixo nesta ocasión unha baixada impecable que o meteron en semifinais. 
O domingo celebráronse as semifinais de canoa onde Luís volveu facer un percorrido sen penalizacións pero algo lento que o deixaron fóra das finais, pero con un máis que respectable décimo sexto posto. 
Novamente o Club Deportivo Miño volve facer historia con dous deportistas na selección nacional, outros dous galegos tamén o conseguiron, Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez do Piragüismo Penedo. Nesta ocasión a representación galega volveu sen medallas, pero coa cabeza moi alta, pois xa o gañar praza no equipo nacional é un reto que, ata fai uns anos, era un imposible para os piragüistas galegos. O slálom galego está subindo de maneira imparable, e ano a ano gaña en experiencia e en calidade.

domingo, 12 de agosto de 2018

CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM, DUMBRÍA: 12/08/2018

Este domingo celebrouse en Dumbría o Campionato Galego de Promoción de Slálom. Esta e a sexta proba da Liga Galega de Slálom, e a máis importante, ao ser Campionato e non Copa, e na que o Club Deportivo Miño se proclamou gañador. 
Os Teixugos acudiron ao evento con oito deportistas, os máis pequenos do club, moitos dos cales participaron en kaiak e canoa. O noso representante máis novo, Javier Lluch, acadou medalla de prata en K1 benxamín, na categoría alevín, o seu irmán Adrián Lluch, foi octavo tanto en K1 como en C1. A categoría con máis representantes foi a Infantil con seis piragüistas; en K1 masculino o podio foi enteiramente teixugo, Sergio Rodríguez foi ouro, Alexis Segadaes prata e Samuel Castro bronce, na mesma categoría Mateo Álvarez foi sétimo. Mentres que na modalidade de canoa ou C1 resultou gañador Samuel Castro e o seu compañeiro Sergio foi terceiro. En infantil feminino non poido ser mellor o balance, Ainhoa Barreiro fíxose coa medalla de ouro en K1 e bronce en C1, a súa compañeira Alba Soutelo acadou o ouro en C1 e a prata en K1.
 O Club Deportivo Miño-Teixugos volveu do Campionato Galego con catro medallas de ouro, tres de prata e tres de bronce. Na clasificación final por clubs, resultaron gañadores por diante do Piragüismo Penedo de Caldelas e do Montaña Quixós de Monforte de Lemos.